Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Verdegaia e outras asociacións denuncian a recente tentativa de intimidación de Rafaella Resources

Verdegaia, Ecoloxistas en Acción e a Comunidade do Monte Veciñal de Grixoa de Esternande veñen de sumarse para denunciar a máis recente “tentativa de intimidación de Rafaella Resources, a mineira australiana que está detrás das minas de estaño e volframio de Varilongo e San Finx”. As tres entidades foron denunciadas pola empresa ante a Garda Civil por supostamente ter accedido a unha parcela que a mineira viña ocupando ilegalmente ata o mes pasado. Porén, a empresa recoñece na denuncia se trata dunha parcela municipal sobre a que non ten dereito de disposición, malia do que mantiña ilegalmente bloqueado o acceso mediante un cadeado. Todo isto despois de que o concello de Santa Comba instase á mineira a abandonar un edificio que tiña ocupado sen autorización.


A asociación Verdegaia indica que a denuncia produciuse despois de que a Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande organizase unha intervención de plantación de carballos o pasado 19 de marzo xunto coas Brigadas Deseucaliptizadoras, iniciativa de voluntariado que promove Verdegaia desde 2018 e que conta con máis de 1.000 participantes. “No escrito presentado ante a Gardia Civil, a empresa australiana denuncia que «además de plantar árboles se dedicaron a cortar el tallo de las acacias existentes para dejarlas secar”, ignorando que tanto a acacia negra como a mimosa, dúas especias procedentes de Australia, están incluidas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras cuxa posesión está terminante prohibida pola Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade”, destaca a asociación.


Para Verdegaia, o feito de que se incluíra a Ecoloxistas en Acción na denuncia (cando esta non garda ningunha relación coas Brigadas Deseucaliptizadoras), evidencia que o obxectivo da mineira é intentar “intimidar e coartar os movementos ecoloxistas e veciñais que se opoñen ás ilegalidades da mineira”. Esta pauta responde ao que se denominan “preitos estratéxicos contra a participación pública”, accións xudiciais iniciadas polas empresas coa intención de intimidar e silenciar as críticas sumindo aos adversarios en batallas xudiciais. A asociación indica que esta práctica foi levada a cabo en 2017 pola agora filial da mineira australiana, Tungsten San Finx, “cando denunciou sen éxito a Verdegaia, logo de que o colectivo realizara fotos nas instalacións da mina que levaron á imposición de sancións administrativas á empresa por obras ilegais”.


Así, as tres entidades denunciadas advirten de que responderán con contudencia, unha vez que a propia actuación da empresa pode ser constitutiva dun delito de denuncia falsa. Os colectivos implicados anuncian que, “fronte ás tentativas de intimidación da empresa, non darán nin un paso atrás nas distintas accións xudiciais e administrativas que manteñen fronte as ilegalidades cometidas nas minas de Varilongo e San Finx, así como en defensa da integridade do monte veciñal por parte da Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande”.

Comparte esta noticia