Veciñanza e colectivos de Doade á espera logo de entregar, semanas atrás, máis de 1100 sinaturas contra o proxecto mineiro “Mina Doade”
Fartos da falta de respostas e da ameaza constante que supón o proxecto extractivo coñecido como “Mina Doade”, veciñas e veciños de Doade e das aldeas próximas decidiron mobilizarse unha vez máis. A finais de xuño, xunto coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Lamacega e o Besticovo e coa plataforma SOS Suído Seixo, achegáronse ao concello de Beariz para presentar unha carta aberta de rexeitamento á mina. O escrito, froito dunha intensa campaña de información e recollida de apoios, chegou acompañado de máis de 1100 sinaturas que deixan claro que a veciñanza non pode nin quere quedar calada ante esta ameaza. A veciñanza espera resultados a estas alegacións.
A carta manifesta con claridade a desaprobación xeral fronte á intención de levar a cabo explotacións mineiras nas serras do Suído e do Cando, dous espazos naturais e culturais de alto valor patrimonial e ecolóxico. O texto subliña a oposición firme ao proxecto específico da Mina Doade, advertindo do seu impacto ambiental, social e paisaxístico, e reclama o compromiso activo das administracións locais.
A mobilización nace tamén ante a falla de información clara e accesible por parte das administracións competentes sobre os plans extractivos, o que levou á veciñanza a organizarse e a dicir con contundencia: **non á mina**. No documento entregado, inclúense múltiples argumentos que sustentan esta oposición:
Entre eles, destaca o feito de que a Xunta de Galicia decidira non someter o proxecto a un procedemento ordinario de avaliación de impacto ambiental, a pesar do informe desfavorable emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A proximidade de núcleos de poboación —algúns a menos de 500 metros—, os riscos de subsidencia debido ás galerías subterráneas, a presenza de elementos tóxicos e radioactivos sen medidas preventivas claras, e o alto risco de contaminación das augas nas cabeceiras dos ríos Miño, Lérez e Verdugo son motivos de preocupación destacados polos colectivos.
A zona afectada conta cunha riqueza destacada en biodiversidade, paisaxe e patrimonio arqueolóxico, e sitúase nas inmediacións da Rede Natura Serra do Cando. A explotación mineira, advirten, suporía unha ameaza directa para este entorno privilexiado e para a calidade de vida das persoas que viven nas aldeas próximas, que verían afectado o seu día a día por detonacións, tráfico pesado e a posible perda de mananciais.
Tamén se subliña que a mina comprometería actividades económicas vitais para o territorio, como a agricultura, a gandería, o aproveitamento forestal e o turismo sostible. Ademais, dificultaría o regreso de persoas emigradas con proxectos de vida ligados á recuperación do rural.
Desde SOS Suído Seixo critícase que non existan garantías reais de control nin seguimento da actividade extractiva, debido á ausencia dunha avaliación de impacto ambiental ordinaria. Denúnciase tamén que o proxecto carece de estudos independentes que non estean supeditados aos intereses da empresa promotora.
Os colectivos promotores da iniciativa tamén prevén entregar copias da carta e da documentación anexa aos restantes concellos implicados, co obxectivo de que todas as autoridades locais poidan coñecer de primeira man a postura cidadá. Así mesmo, agárdase que se incorporen máis follas de sinaturas que, por razóns de tempo ou loxística, non puideron ser incluídas na remesa depositada o pasado venres.
Desde as aldeas das abas da dorsal galega, a mensaxe é clara: a defensa da terra require implicación colectiva, creatividade e responsabilidade. A mobilización non só responde á defensa dun territorio concreto, senón tamén á preservación dun legado natural, cultural e social que a veciñanza entende como patrimonio común e responsabilidade interxeracional.