Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Un informe do CCG pide unha moratoria na autorización dos parques eólicos para revisar o Plan sectorial eólico de Galicia

Os proxectos dos novos parques eólicos en Galicia están suscitando un gran debate social polo seu impacto no patrimonio e na paisaxe, o que motivou que estes dous últimos anos diversas entidades se dirixisen ao Consello da Cultura Galega (CCG). Así, a institución creou unha comisión de seis expertos, que elaborou o informe Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia, presentado onte pola presidenta do CCG (Rosario Álvarez) e a coordinadora do informe (Rebeca Blanco-Rotea). O documento pide, fundamentalmente, “solicitar unha moratoria na autorización dos parques eólicos para poder revisar o Plan sectorial eólico de Galicia e o seu sometemento a avaliación ambiental estratéxica”.

 

O Consello da Cultura Galega valora de forma positiva a implantación da enerxía renovable para Galicia. Porén, “a maneira en que se está desenvolvendo resulta negativa para ámbitos da nosa sociedade tan sobranceiros como a cultura e incluso a economía, xa que afecta ás paisaxes, ao medio ambiente e ao patrimonio”. Por este motivo, o informe pide a revisión do actual Plan sectorial eólico de Galicia para que se someta a unha avaliación ambiental estratéxica que consiga: atender as directrices da paisaxe, protexer os valores culturais do territorio e reparar nos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.

 

En Galicia existen 176 parques eólicos, cunha potencia de 3.867 megavatios. Aínda que non existe un rexistro público oficial, estímase que está en trámite a concesión de 275 parques, que sumarían 7.200 megavatios. Así, o informe considera que a instalación dos parques eólicos supera a capacidade de carga do sistema natural, “que racha coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes”. Por outra banda, o texto dá conta da necesidade de ampliar e definir con precisión o espazo relativo á Rede Natura: Só o 12% do territorio galego está recoñecido como Rede Natura, moi por debaixo da media de España (situada no 27% do territorio).

 

O informe, realizado no marco das competencias do CCG como ente consultivo, foi elaborado por unha comisión técnica temporal creada para o efecto, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e integrada polo xurista Carlos Amoedo Souto, o arqueólogo David Barreiro Martínez, a arquitecta Teresa Nieto Freire, o xeógrafo Augusto Pérez Alberti, o economista Xavier Simón e o arqueólogo Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez.

 

Orixe do conflito social

 

A orixe do conflito social que está por detrás destas actuacións tamén é tratada no informe. Explica que o crecemento actual de peticións de solicitudes de parques eólicos se produce dende 2018 por cambios de ámbito regulatorio. O primeiro foi a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que apuntou o camiño da liberalización do sistema. Con esta lei, “desaparecen as convocatorias anuais de potencia para instalar, esfúmanse os criterios sociais e económicos como determinantes para a decisión de a quen asignar nova potencia e deséñase un mecanismo liberalizador que garante o inicio do procedemento administrativo de admisión e autorización sen necesidade de ofrecer ningunha contrapartida socioeconómica á sociedade galega”.

 

O segundo foi a Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece excepción ás áreas incluídas no Plan sectorial eólico. Iso implicou “que desde este momento todas as terras rústicas de Galicia sobre as que non exista figura de protección ambiental poderán albergar parques eólicos”. Esa lei só tivo en conta a idoneidade das localizacións dende o punto de vista eólico e non as de carácter paisaxístico nin os valores relacionados co patrimonio cultural e natural. Polo tanto, “non adapta as directivas europeas de impacto ambiental” e elimina o informe preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ademais, o texto lembra que unha gran cantidade de patrimonio cultural está en solo rústico, que permanece oculto e, polo tanto, non está incorporado en ningún dos inventarios ou instrumentos de protección que recoñece a Lei do patrimonio. Así, ao non existir informe específico, corre risco de desaparición.

Comparte esta noticia