Un estudo demostra os efectos negativos que causan os eucaliptos na biodiversidade galega
A Global Ecology and Conservation, prestixiosa revista científica, ven de publicar no seu último número de xullo, un artigo que analiza os efectos das plantacións de eucaliptos nas aves e plantas no Noroeste de España. O estudo foi realizado por seis investigadores galegos da Universidade de Santiago e de Lund, Suecia.
Aínda que xa era sabido que os eucaliptais afectaban á biodiversidade, ata o de agora eran moi poucos os estudos que comparaban os seus efectos nas diferentes especies, tanto animais como vexetais. Os autores da investigación, analizaron ao longo do ano 2017 a riqueza de aves e de plantas herbáceas comparando entre si, 14 parellas de parcelas de bosque autóctono e de eucaliptos, na comarca da Ulloa.
Con esta investigación demostrouse que os eucaliptais reducen a biodiversidade en comparación cos bosques autóctonos. Constatan que substitúen as especies de plantas herbáceas presentes nas fragas por outras distintas e con menor variedade. O mesmo ocorre coas especies de aves. Ademais de localizar neles menos especies, o número de exemplares observados era tan só a cuarta parte dos detectados nas fragas.
Os autores conclúen no estudo que no tocante ao número de seres vivos, as plantacións de eucaliptos son un hábitat máis pobre que o bosque autóctono. Se temos en conta a investigación e que en Galicia a superficie forestal destinada á plantación de eucaliptos xa supera a dos bosques autóctonos, e que amais a tendencia é a do incremento das áreas de eucaliptais, resultará nunha perda da biodiversidade.
Tomando como referencia este estudo e outros moitos son numerosas as asociación e entidades como a Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Sociedade Galega de Historia Natural ou Ecoloxistas en Acción que piden frear o incremento de eucaliptais “se en Galicia queremos seguir conservando o noso patrimonio natural e paisaxístico”. Ante esta realidade, cada vez é máis necesario que a nova Lei de Patrimonio Natural, que está a debate parlamentario dende o pasado 24 de xuño, contemple medidas concretas para frear o avance do eucalipto polo territorio galego, feito que non é así. É máis, a nova lei non incorpora ninguna medida específica para reducir a súa presenza en espazos naturais protexidos. Exemplos, como o caso do Parque Natural das Fragas do Eume, a nova lei non o protexe fronte a proliferación desta especie, é máis, nin reduce as plantacións existentes nin tampouco frea o seu avance.
Como vimos, hai estudos científicos dos efectos negativos dos eucaliptos na biodiversidade, por iso é importante contar cunha lei que limite a súa extensión pero que sobre todo protexa e impulse a restauración do noso bosque autóctono, máis aínda se falamos de espazos naturais protexidos.