Teresa Ribera pide á Xunta que facilite terreos viables para reubicar a fábrica de ENCE en Galicia
A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantiveron unha reunión na que se abordou a situación da fábrica de ENCE, despois das sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión que tiña a empresa para ocupar terreos do dominio público marítimo terrestre (DPMT). Ribera pediu a Feijóo que colabore coa empresa na busca de posibles ubicacións e facilite terreos viables para a reubicación da fábrica. De feito, o Ministerio puxo xa en marcha os traballos para encargar un estudo que identifique solos aptos onde puidera realoxarse a fábrica, recollendo a petición da Mesa de Diálogo.
Teresa Ribera fixo ver o compromiso do Goberno de apoiar economicamente o traslado da empresa e a implantación dun novo proxecto industrial que permita manter o emprego no territorio. Ademais, na reunión abordouse como avanzar nas comarcas consideradas de transición xusta e na firma dos protocolos pendentes de As Pontes e Meraima, que permitirá canalizar as axudas ás empresas e municipios que ten o Instituto de Transición Xusta para publicar antes de que remate o ano.
Inversións do plan de recuperación para Galicia
Ademais de todo o abordado, no encontro repasáronse as inversións do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) en materia enerxética e ambiental destinadas a Galicia en 2021. O MITECO recibiu con interese algunhas das propostas da Xunta, especialmente a fábrica de fibras textís a partir de madeira verificada. No tocante á actual circunstancia de alza nos prezos da electricidade no mercado maiorista, a vicepresidenta falou con Feijóo sobre o acompañamento do Goberno no proceso de negociacións entre a industria e as empresas eléctricas para firmar contratos de enerxía a longo prazo con prezos anteriores á escalada do gas.
Por último, lembrou que a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética establece que se poderá destinar ata un 25% dos ingresos prodecentes das subastas dos dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro para a compensación dos efectos dos custos indirectos polas emisión de CO2, ligadas ao consumo de electricidade, para as instalacións en risco de fuga de carbono.