Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Stop Biometano Agolada reúne testemuñas e datos contra o proxecto industrial no municipio

O pasado sábado, o auditorio Manuel Costa Casares converteuse nun punto de encontro da veciñanza de Agolada para analizar o impacto dunha planta de biometano que se prevé instalar no municipio. A xornada, organizada pola plataforma Stop Biometano Agolada, centrouse nos posibles efectos ambientais e socioeconómicos desta infraestrutura. Durante a sesión presentáronse datos técnicos, estudos científicos e testemuñas de persoas afectadas por instalacións similares, ofrecendo unha perspectiva detallada que reforza as dúbidas e a oposición social ao proxecto.

Para a plataforma, o balance da xornada é inequívoco: tras escoitar as intervencións e contrastar a información exposta, aseguran ter aínda máis claro que non permitirán a instalación da planta. Defenden que contan co apoio do Concello, cunha veciñanza cada vez máis informada e cun corpo de evidencias científicas e empíricas que cuestionan frontalmente o modelo que se pretende implantar. Non descartan ningunha vía de actuación e anuncian que, se é necesario, levarán o conflito aos xulgados.

Un dos puntos centrais da charla foi a desmontaxe da idea de que o xurro constitúe, por si mesmo, un problema ambiental que precise dunha solución industrial. Os relatores insistiron en que o xurro é, historicamente, un recurso agronómico fundamental para fertilizar as terras e pechar o ciclo produtivo das explotacións gandeiras. Só se converte nun problema cando a administración permite (e mesmo promove) a proliferación de granxas sen base territorial suficiente, rompendo o equilibrio entre número de animais e superficie agraria dispoñible.

Segundo se explicou durante a charla, o chamado excedente de xurro non é un fenómeno xeneralizado nin afecta por igual a todo o sector. Concentrarase principalmente en determinadas explotacións de carácter intensivo e industrial, mentres que noutras épocas do ano ese mesmo xurro é aproveitado polos gandeiros en extensivo como fertilizante. Esta realidade, afirmaron, queda oculta cando se presenta o biogás como unha solución universal.

A partir dese punto, a charla afondou no funcionamento real das plantas de biogás e biometano. Lonxe de seren instalacións pensadas para resolver un problema local de xurros, foron descritas como grandes infraestruturas de tratamento de residuos, nas que o xurro funciona como elemento lexitimador para introducir outros materiais moito máis problemáticos. Restos de matadoiros, lamas de depuradoras urbanas e industriais e unha longa lista de subprodutos entran nestas plantas baixo a etiqueta de economía circular.

Como exemplo, citouse o caso da planta de Sologás, nas Somozas, autorizada para procesar ata 164 códigos distintos de residuos, dos cales apenas tres ou catro corresponden a xurros. Esta realidade, segundo os relatores, evidencia que o negocio do biogás non está na xestión do xurro, senón na capacidade de absorber grandes volumes de residuos doutros sectores.

Os datos achegados sobre plantas xa proxectadas ou en funcionamento reforzaron esta análise. En Xunqueira de Ambía, indicouse, prevese procesar máis de 211.000 toneladas anuais de residuos, das que menos do 40 por cento serían xurro. O dixestato resultante alcanzaría as 181.943 toneladas ao ano, máis do dobre da cantidade de xurro utilizada. En Curtis, o proxecto de Nortegás contempla empregar 58.000 toneladas de xurro dun total de 116.134 toneladas de residuos, xerando máis de 95.000 toneladas de dixestato.

Estes datos cuestionan a afirmación de que as plantas de biogás reducen a contaminación por nitratos. Pola contra, advertiuse de que o material que retorna á terra é maior en volume e contén, ademais dos nutrientes do xurro, os contaminantes propios doutros residuos procesados. Entre eles, metais pesados e restos de medicamentos como antibióticos, cuxa presenza foi documentada en estudos científicos internacionais citados durante a charla.

A cuestión dos cheiros ocupou tamén unha parte relevante do encontro. Explicouse que as emisións odoríferas das plantas poden alcanzar distancias superiores aos dez quilómetros nos meses de verán. Ademais, cando o dixestato se aplica nas terras agrícolas, o cheiro pode chegar a dous quilómetros e medio e prolongarse ata quince días, fronte aos dous ou tres días habituais do xurro. Esta mobilidade do impacto fai que, aínda que a planta se localice nun punto concreto, os efectos se espallen por toda a comarca.

A isto engádese unha situación de clara indefensión para a veciñanza. Non existe unha regulación específica sobre cheiros nin a nivel estatal nin autonómico, polo que unha vez que a planta entra en funcionamento resulta moi difícil esixir correccións efectivas. Ademais, as empresas poden acollerse ao segredo industrial para non facer pública a composición exacta dos residuos tratados, limitando a capacidade de control das administracións locais e da cidadanía.

A dimensión da planta proxectada para Agolada foi outro dos aspectos contextualizados. A instalación prevista procesaría arredor de 100.000 toneladas anuais de residuos. Para facer comprensible esta cifra, o representante de Berce do Ulla, Xosé Mariño, sinalou que se trata dunha cantidade equivalente ao lixo urbano que se recolle cada ano en cidades como A Coruña ou Vigo, o que permite visualizar a escala industrial dun proxecto que se pretende implantar nun municipio rural.

O momento máis contundente da charla chegou coas testemuñas de persoas afectadas por plantas xa en funcionamento. Lonxe das explicacións técnicas, puxeron sobre a mesa experiencias de convivencia diaria con este tipo de instalacións, marcadas polos cheiros persistentes, os impactos sobre a terra e unha sensación compartida de indefensión unha vez que as plantas entran en funcionamento.

Diana, veciña das Somozas e afectada pola planta de biogás de Sologás, explicou que o dixestato que sae da instalación “ten un cheiro moito máis forte que o purín” e que os efectos sobre a terra son visibles a curto prazo. Segundo relatou, “ao botalo na terra, ás veces queda como queimada, e noutras ocasións os animais non queren comer a herba”. A súa experiencia levouna a desconfiar dun modelo que, ao seu xuízo, “é un engano para os gandeiros”, especialmente cando o dixestato se entrega sen custo aparente. “Que cho dean gratis xa é indicativo diso”, afirmou, advertindo de que a entrada de residuos industriais acaba deteriorando a fertilidade do chan: “Trae residuos industriais e a terra remata por non ser fértil”.

Tamén desde as Somozas tomou a palabra Alejandro: “Non son ecoloxista nin me gusta andar na carreteira, pero hoxe fago 275 quilómetros para falarvos de corazón como se forades os meus veciños”. No seu relato describiu un proceso que cualificou de perverso: “Usan aos gandeiros como tontos útiles, lévanlle o xurro, xúntano con 50.000 trapalladas e despois devólvenlle o dixestato”. Alertou de cambios visibles no produto final, como a aparición de dixestato cunha cor avermellada, e de efectos inesperados no medio: “Os xabaríns non van ás fincas onde hai dixestato”. Tamén mencionou episodios graves, como a morte de xatos tras almacenar dixestato en fosas, e casos de persoas que se atoparon mal por esta causa. A súa advertencia foi clara: “Unha vez que poñan a planta xa non hai quen a pare”.

Finalmente, Ariadna Sanjuan, veciña de Campedró, afectada pola instalación de Ence en La Galera, explicou que, malia vivir a máis de trece quilómetros da planta e con barreiras orográficas polo medio, “algún día de verán chégame o olor”. Describiuno como “un olor podre, pero moi podre”, ata o punto de que “case alegraste de oler purín”. A súa intervención puxo tamén o foco no tráfico pesado asociado á actividade. “Pasan camións con pescado podre, vertendo líquidos, ás veces van sen tapar”, explicou, advertindo do risco que supoñen vehículos de gran tonelaxe circulando a alta velocidade por camiños rurais. Relatou escenas cotiás nas que o impacto do cheiro se fixo especialmente evidente, como nunha celebración familiar na que “pasou un camión e co olor os nenos puxéronse a chorar”. Segundo indicou, os anuncios de solucións aos problemas de olores repetíronse sen resultado, mentres a contorna se deteriora. “Na zona da planta caeu a poboación e ninguén quere alugar nin comprar”, concluíu cun aviso dirixido á veciñanza: “Unha vez feita, os podedes esquecer”.

Para Stop Biometano Agolada, a charla confirmou que o conflito arredor do biometano non é unha cuestión de percepcións nin de falta de información, senón un debate estrutural sobre o modelo de xestión de residuos, de produción enerxética e de futuro do rural galego. Un debate que, tras o exposto e escoitado, a veciñanza de Agolada asegura estar disposta a manter no tempo e a levar ata as últimas consecuencias.

Comparte esta noticia