Sogama eliminará a partir do ano 2023 a bonificación do 10 por cento no canon de lixo
Sogama eliminará a partir do ano 2023 a bonificación do 10% no canon do lixo que leva aplicando nos últimos anos, tal e como se contempla no proxecto de Orzamentos de Galicia para o 2023. Un total de 167 municipios acolléronse este ano a este desconto, polo que en lugar de pagar 66 euros por tonelada de lixo, abonan 59,40 euros por tonelada. Porén, a partir do 1 de xaneiro de 2023, aplicarase un canon único a todos os municipios de 66 euros por tonelada. Así, os concellos que se benefician da rebaixa están obrigados a repercutir a bonicifación no recibo do lixo que pagan os veciños. Polo tanto, cando se retire este desconto, poderíase encarecer a factura que pagan estos fogares.
A empresa xustifica a retirada desta rebaixa polo incremento dos custos de luz e gas nas súas instalacións, que se dispararon un 187%. Así, Sogama fai referencia a un escenario no que conflúen “crises políticas, económicas e incluso bélicas que están desestabilizando os mercados europeos e mundiais”. Ante esta situación, a sociedade xestora de lixo explica que se ve coa necesidade de realizar axustes no seu orzamento para paliar todas as consecuencias. Neste sentido, segura que a decisión está tomada de xeito que intenta minimizar o impacto económico para os cidadáns.
Por outra banda, Sogama indica que o volume de lixo que pretende tratar na planta de Cerceda en 2023 manterase en niveis similares aos deste ano: 781.400 toneladas. Ademais, a empresa estima que terá uns ingresos de 51,1 millóns por o canon de lixo, á vez que se dispararán as ganancias por venda de enerxía. Pola súa parte, gastará 27,6 millóns máis en gas, 11,9 millóns máis en electricidade e 4,4 millóns máis en transporte respecto a este ano.
Diversos concellos reaccionaron ante esta situación, como é o caso de Caldas de Reis. Segundo o seu concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, a perda da bonificación suporá un incremento do 10% nos recibos que pagan os veciños e comercios pola taxa de recollida de lixo. González denunciou esta decisión indicando que “decidiron acabar coa bonificación do 10% que outorgaban dende hai tres anos a aqueles municipios que cumprían co requisito de redución do lixo enviada á planta de Sogama”. Así, o concelleiro caldense trasladará esta denuncia á Fegamp para que se posicione en defensa dos concellos que se beneficiaban da bonificación polo seu esforzo en materia de xestión de residuos. Pola súa parte, Pontevedra tamén rexeitou esta decisión. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, non entendía no seu momento por que se facía esta rebaixa e tampouco por que se retira agora. Dende o Concello de Pontevedra, o concelleiro responsable, Raimundo González, alerta que isto vai a supoñer unha subida do recibo en torno ao 5% por vivenda e negocios.
Ante estas reaccións, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ven de explicar que non se pode falar de subida de prezos e que se trata dunha excepción nun momento determinado. Vázquez subliñou que Sogama é unha empresa público-privada que busca "o equilibrio financeiro" e que tendo en conta a subida da luz, do gas ou dos materiais, non se pode levar a cabo a bonificación. Doutra banda, a conselleira puntualizou que en Galicia o custo da tonelada de residuos que vai a vertedoiro ascende aos 30 euros, mentres que a que vai a incineración terán un custo de 10 euros.