Santiago converterase o domingo no epicentro da loita contra os lumes
O vindeiro domingo 14 de setembro ás 12:00 horas, a Alameda de Santiago de Compostela será o punto de partida dunha manifestación convocada pola plataforma Por un Monte Galego con Futuro, que agrupa máis de sesenta asociacións sociais, sindicais e ecoloxistas, nas que a Asociación Galicia Ambiental forma parte. A marcha, que rematará na Praza do Obradoiro, pretende converterse nunha cita masiva baixo o lema “Lumes Nunca Máis”, co obxectivo de denunciar a crise dos lumes forestais e reclamar un cambio profundo na política forestal galega.
Os convocantes comparan a vaga de incendios vivida este verán coa traxedia do Prestige no 2002. Se daquela o chapapote cubriu de negro a costa galega e deu lugar ao movemento social “Nunca Máis”, agora denuncian que Galicia sofre o “Prestige do interior”: milleiros de hectáreas arrasadas, comunidades rurais golpeadas e unha paisaxe marcada pola cinza e a incerteza.
No manifesto que se lerá ao final da protesta, a plataforma sostén que “gran parte dos montes de Galicia quedaron tinguidos de negro, deixando unha terra devastada e un futuro incerto”.
Críticas ao Pladiga e á Xunta
As críticas céntranse na Xunta de Galicia e no seu Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga). Segundo os colectivos, este plan demostrou ser “unha ferramenta inútil” que se limita a reaccionar aos lumes en lugar de previlos. Ademais, denuncian que o modelo forestal impulsado pola Administración autonómica favorece a expansión do eucalipto e doutros monocultivos inflamables, mentres reduce o apoio ás prácticas tradicionais que axudaban a manter o equilibrio do monte.
A plataforma dedica tamén un recoñecemento aos equipos de extinción, que este verán combateron o lume en condicións que cualifican de “absoluta precariedade, abandono e falta de medios”. Como alternativa, reclaman a creación dun servizo público de bombeiros forestais, estable e permanente, operativo durante todo o ano e dotado con recursos suficientes para traballar tanto na prevención como na extinción.
Once medidas urxentes
O manifesto presentado sinala once propostas prioritarias coas que se busca iniciar un cambio estrutural no monte galego. Entre elas a prohibición permanente de novas plantacións de eucalipto, máis alá da moratoria actual que caduca o 31 de decembro; a suspensión da caza e da pesca nas zonas queimadas para favorecer a rexeneración natural; a restauración ecolóxica dos montes arrasados; a recuperación dos usos tradicionais do territorio vinculados á agricultura e á gandaría extensiva; e o reforzo das especies autóctonas e da xestión comunitaria dos recursos naturais.
Voces desde o ecoloxismo e o sindicalismo
A secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez, sinalou que “é necesario esixir que cambien as políticas porque as actuais xa non serven para frear as vagas incendiarias”. Na súa opinión, os incendios están vencellados tanto á crise climática como ás decisións políticas da Xunta.
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, defendeu que a vaga de incendios deste verán confirma as advertencias de sindicatos e ecoloxistas: “O tempo deunos a razón. Non abonda con apagar, hai que transformar o modelo forestal”.
Os promotores subliñan que a protesta non se limita ás entidades asinantes, senón que está aberta a toda a cidadanía galega. Confían en que a resposta social sexa masiva e que, como ocorreu tras o Prestige, se erga un clamor popular capaz de forzar un cambio de rumbo nas políticas públicas. “Queremos un monte vivo e con futuro, non un territorio en chamas cada verán”, remarcan desde a plataforma.
A central sindical anunciou que fretará autobuses desde A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Verín, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo para facilitar a participación na marcha.