Retiran máis de 6 toneladas de lixo dos ríos
Medio milleiro de persoas recolleron máis de 6 toneladas de lixo na XI Limpeza simultánea de ríos
A Limpeza “Móllate polos ríos” realizouse este ano en 53 concellos de toda Galicia
01-10-2018
No marco do Proxecto Ríos esta pasada fin de semana recolléronse máis de 6 toneladas de lixo dos ríos galegos. Unha iniciativa que cumpre xa 11 anos e que busca concienciar sobre a importancia de non converter os ríos en vertedoiros. Máis de medio milleiro de persoas participaron nesta proposta ambiental que se realizou de xeito simultáneo en 53 municipios galegos.
Novamente foron moitas as persoas que este pasado domingo se mollaron polos ríos na XI Limpeza simultánea. Un total de 548 persoas participaron nas limpezas Móllate polos ríos que se realizaron en 53 concellos de Galicia. Unhas 70 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos encargaronse de organizar directamente esta actividade.
Limparon grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero baixo o mesmo obxectivo: coidar os ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados. Actuaron nun total de 34 treitos de río.
De novo recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, unha colchoneta de praia, plásticos de silo, cascallos, ferralla, pilas, electrodomésticos, un sofá, uralitas. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado…
No reconto preliminar, calculan que os residuos de tódolos concellos suman máis de 6 toneladas de lixo. Pero esta iniciativa non ten como principal obxectivo a recolleita do lixo, senon a concenciación da sociedade. «O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta», explican promotores da iniciativa.
PROXECTO RÍOS
Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Para esta actividade contan coa colaboración da Fundación Biodiversidad e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como cos concellos de A Estrada, Allariz, Arzúa, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.
*Consulta aquí en detalle os datos das recollidas por zonas de actuación.