Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Reforestación na Rede Natura

Medio Ambiente publica a orde para fomentar a reforestación na Rede Natura con carballos e bidueiros

Fomentarase a eliminación e substitución de eucaliptos por frondosas para protexer as 6.100 hectáreas de turbeiras e as 15.000 hectáreas de queirogais húmidos distribuídas en 33 zonas de especial conservación

11-04-2018

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as axudas para fomentar a reforestación de zonas Rede Natura 2000 con exemplares de carballos e bidueiros, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020.Esta nova medida, que implica un investimento de case dous millóns de euros, permitirá a posta en marcha de accións de conservación do patrimonio natural de Galicia e que prevén beneficiar a preto de 3.000 persoas.

Grazas a esta ferramenta realizaranse pagos a aqueles particulares que o soliciten por compromisos silvoambientais e climáticos e conservación dos bosques, é dicir, trátase de compensar a adopción de compromisos silvoambientais e climáticos máis estritos que os establecidos pola normativa vixente e que sexan realizados de forma voluntaria. Cómpre lembrar que na actualidade están permitidas as plantacións de eucaliptos xa existentes; polo que con esta medida pretendese compensar a aqueles propietarios que asuman o compromiso de retirar as súas plantacións co obxectivo de mellorar estes espazos protexidos.

Deste xeito, os propietarios poderán substituír plantación de eucaliptos por frondosas, coa finalidade de aumentar a superficie dos bosques autóctonos. Esta medida está dirixida a todas as zonas I (territorios cun nivel de conservación moi alto) e II (territorios cun nivel de conservación alto e medio) da Rede Natura 2000 das áreas de montaña. Outra opción é que os particulares opten pola eliminación de repoblación de eucalipto sobre hábitats turbófilos e queirogais húmidos, polo que esta medida beneficiaría a todas as zonas da Rede Natura 2000 onde se localicen este tipo de hábitats. A superficie mínima obxecto de axuda será de 1.000 m2.

Condicións das axudas

Os compromisos contraeranse por un período máximo de 5 anos, podendo prorrogarse por un ano máis. A axuda consiste nunha prima por hectárea de superficie na que se realiza un cambio de especie ou se elimina o eucalipto, segundo o caso. O importe anual consiste nunha prima de 500 €/ha durante os 5 primeiros anos e de 200 €/ha durante o 6º ano.

Para acollerse a estas axudas as persoas ou entidades deberán presentar, tanto para á solicitude da axuda como para o seu pagamento, unha solicitude única de acordo co establecido na Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 30 do 12 de febreiro de 2018). A presentación da solicitude única realizarase unicamente por medios electrónicos, non obstante aqueles que o desexen poderán realizar as súas solicitudes a través das entidades colaboradoras co FOGGA. O prazo para a presentación de solicitudes comeza a contar dende o día seguinte da publicación da orde de axudas e rematará o 30 de abril de 2018, ambos inclusive.

Grazas á modificación do PDR -que a Comisión Europea considerou oportuna- aprobouse esta nova medida de medio ambiente e cambio climático dentro deste programa que conta con fondos europeos Feader (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural). Cómpre destacar que os complexos de turbeiras e queirogais húmidos presentan unha gran importancia ecolóxica e xogan un papel fundamental na mitigación do cambio climático, ao ser considerados como unha das maiores reservas de carbono, por absorber e almacenar dióxido de carbono da atmosfera.

Consulta as bases na nosa sección Ecoaxudas.

Comparte esta noticia