Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Proxecto Ríos celebra a XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” mañá domingo, 26 de setembro

Mañá domingo, 26 de setembro, celébrase a XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”. A limpeza desenvolverase en 50 concellos de toda Galicia e participarán un total de 68 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino, etc). Participarán tanto grupos que xa estiveron presentes nas limpezas de anos pasados como entidades que se suman por primeira vez a esta nova edición. Trátase dunha iniciativa dentro de Proxecto Ríos, un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten como obxectivo principal dar a coñecer o papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e mellora dos ríos. Este proxecto é iniciativa de ADEGA e está promovido e financiado por Augas de Galicia.

 

A limpeza ten o obxectivo principal de concienciar á cidadanía da importancia de manter os ríos limpos e con boa saúde. Así, mobilizaranse voluntarios e voluntarias en toda a comunidade, que se desprazarán aos ríos destes 50 concellos durante unha xornada para deixalos libres de lizo. A iniciativa conta co apoio de Augas de Galicia e o IET, ademais dos seguintes concellos: A Estrada, A Laracha, Allariz, Ames, Ares, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

 

Para conseguir desenvolver a iniciativa, ofrecerase un protocolo de limpeza de ríos co obxectivo de ofrecer unha serie de pautas sobre como se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Este documento pode descargarse en PDF mediante a web da limpeza. Ademais, agasallarase aos voluntarios e voluntarias cunha camisola co lema “Móllate polos ríos”. Para coñecer máis información sobre a limpeza, onde se celebrará, as entidades participantes e os contactos dos coordinadores e coordinadoras, é preciso visitar a páxina web.

 

Ademais, cabe destacar que se respectarán todas as indicacións requeridas en relación á COVID-19, dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende Proxecto Ríos, recomendan que os grupos sexan de 10 persoas como máximo. En caso de ser un número maior, convén repartirse por diferentes zonas do río, respectando unha distancia de 1,5 metros. O uso da máscara será obrigatorio para todas as persoas participantes, que deberán levar tamén as súas propias luvas.

Comparte esta noticia