Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Prealerta por seca en Galicia Costa

AUGAS DE GALICIA ACTIVA A SITUACIÓN DE PREALERTA POR SECA EN TODA A DEMARCACIÓN GALICIA COSTA

A decisión vén motivada polo baixo caudal que corre polos ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano

Pese a que os encoros presentan niveis inferiores a outros anos, o abastecemento de auga á poboación está garantido

Recoméndase a todos os organismos públicos e á cidadanía en xeral facer un consumo responsable deste recurso

Santiago de Compostela (A Coruña), 12 de xaneiro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de activar a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica en toda a Demarcación Galicia Costa. A decisión foi tomada logo de comprobar o baixo caudal que corre polos ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano. Malia a todo, o abastecemento de auga á poboación está garantido e non hai motivo para alarma.

Cómpre salientar que os niveis que presentan os encoros da Demarcación Galicia Costa, aínda que algo inferiores a outros anos, están dentro da normalidade. Igualmente, os actuais caudais dos ríos, pese a estar máis baixos, son suficientes para garantir as demandas de abastecemento dos núcleos que captan directamente deles e carecen de encoros reguladores.

Así e todo, a situación meteorolóxica atípica dos últimos meses está a provocar que os sistemas hídricos naturais (ríos e acuíferos subterráneos) non se recarguen como cabería esperar nesta época do ano e encarar, así, a tempada estival coas maiores reservas de auga posibles.

Ademais, segundo as previsións meteorolóxicas, agárdanse pequenas precipitacións nos vindeiros días, cando o normal é que chova con certa intensidade durante a tempada tradicionalmente máis húmida do ano.

Seguimento e control a través da OTS

Coa activación da situación de prealerta a Administración Hidráulica de Galicia seguirá con atención a evolución dos recursos hídricos da Demarcación e convocará nos próximos días a Oficina Técnica da Seca (OTS), que conta con persoal especializado de todos os departamentos da Xunta con competencias na materia, isto é, MeteoGalicia, a Axencia Galega de Emerxencias, a Consellería do Medio Rural e a propia Augas de Galicia.

Por último, dende a Administración Hidráulica de Galicia recoméndase a todos os organismos públicos e á cidadanía en xeral realizar e promover un consumo de auga responsable.

Comparte esta noticia