Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Por un Nadal de menos consumidores, e de máis cidadáns sostibles e comprometidos

O Nadal, época de bos desexos, xuntanzas que este ano veñen marcadas pola COVID, agasallos… e moito consumo. De feito, trátase da temporada na que máis se consume e non sempre a sociedade se comporta nestas datas como cidadáns sostibles e comprometidos co noso planeta. Non debemos esquecer que no Nadal tamén é imprescindible coidar do noso entorno, pois o certo é que estas festas supoñen un custo ambiental, social e económico elevado polo que é preciso mudar o noso comportamento para non contribuir a deteriorar o noso patrimonio natural nin agravar o quecemento global.

Unha aposta polos productos locais e de tempada

O produto local, ecolóxico e de tempada é bo para a saúde, para economía e para o planeta. Máis alá dun selo e certificación ecolóxica, apostar por mercar e consumir productos de proximidade e sostibles axuda a frear a despoboación e a mitigar a crise ecolóxica, no tocante a seguir mercando productos procedentes da agricultura industrial.

A propia COVID-19 puxo de manifesto que superar os límites ecosistémicos e a desforestación teñen consecuencias graves (perda de biodiversidade, cambio climático…) e o confinamento só fixo que confirmar, máis aínda, o papel esencial das actividades do sector primario como proveedores de bens e servicios esenciais e de primeira necesidade. De aí que apoiar as actividades e iniciativas rurais e sostibles, como membros da sociedade tamén contribuiremos, ao mesmo tempo, a protexer ao noso entorno natural.

E nestas datas de festividade, é preciso reinventar a nosa forma de consumir e priorizar por un modelo baseado en productos locais e de proximidade reducindo así a pegada de carbono, axudando a frear os impactos do cambio climático así como tamén, contibuimos a mellorar a nosa saúde ao consumir productos máis saúdables, ecolóxicos e sostibles, e polo tanto amais, melloramos a saúde do noso planeta.

Un modelo polo que aposta Greenpeace, e insta ás administracións públicas a fomentar o consumo de productos rurais sostibles, a través de campañas de concienciación, “incentivando canles curtos de comercialización, garantizando a compra directa aos productores” ou promovendo unha “fonte única, pública, de balde e de libre acceso para que o cidadán poida coñecer proveedores, tendas ou iniciativas que permitan contribuir ao medio rural no seu desenvolvemento”, entre otras, así como reducir a fenda dixital no rural e axudar a promover a compra e venda dos productos.

Mudar os nosos hábitos para minimizar os impactos no entorno

Pequenos xestos e mudar os nosos comportamentos no día a día, e máis si cabe nestas datas de festividades, permitirános non seguir contribuíndo a deteriorar o noso patrimonio natural nin agravar o quecemento global, pois un Nadal e un fogar máis verde, respectuoso e sostible si é posible.

Amais do xa exposto no tocante a consumir e mercar productos alimentarios de proximidade ecolóxicos, eses mesmos principios tamén os podemos trasladar a outros hábitos que durante o Nadal se acentúan máis.

Para romper con todos estes comportamentos con impactos negativos no noso entorno podemos aplicar unha serie de cuestións que nos axudarán nesa toma de decisións máis verdes e sostibles:

1. Precísoo?

2. Cantos destes teño xa?

3. Cando o vou usar?

4. Canto me vai durar?

5. Podería pedirllo emprestado a un amigo ou parente?

6. Podo amañarme sen el?

7. Vou poder mantelo/limpalo/arranxalo eu mesma/o?

8. Teño gana de facelo?

9. Pescudei para conseguir mellor calidade e menor prezo?

10. Como me vou desfacer del unha vez que remate de usalo?

11. As materias primas que se usaron, son renovables?

12. Está feito de materiais reciclables?

13. Hai algo que xa posúa que poida substituílo?

Todas elas ben se poderían aplicar á hora de elixir o tipo de agasallos que se realizan (costume moi extendida nestes días) e lembremos que unha gran maioría deles funcionan con pilas que producen un grave impacto no medio. Nestas festas consúmese ao redor do 40% das pilas que se venden durante todo o ano. As pilas están compostas por diferentes metais como o mercurio (especialmente nas pilas botón e nas alcalinas), cadmio (nas recargables) así como magnesio, níquel ou cinc. Xeran un grande impacto durante todo o seu ciclo de vida, desde a extracción dos minerais que os conforman ata que se converten en residuos e acaban nun vertedoiro ou incineradas. De se xestionar mal, o seu contido pode liberarse e contaminar as augas e o chan ou, no caso de se queimar, producir emisións contaminantes.

ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, publica unha guía cunha serie de consellos que axudan a ter un Nadal máis ECO-Lóxico, no que apostan polo consumo local, alternativas ecolóxicas, artesanais ou de comercio xusto así como dar unha nova oportunidade ás cousas acudindo a tendas de segunda man á hora de agasallar. Así como tamén apostan pola reutilización, a reciclaxe, o uso do transporte público e mesmo camiñar para manter unha vida saúdable para nós pero tamén para o noso patrimonio natural.

No Nadal nunca está de máis pensar no noso planeta e repensar as nosas decisións: ser menos consumidores e máis cidadáns sostibles e comprometidos.

Comparte esta noticia