Percorrer Galicia en bicicleta para promover un turismo ecolóxico e sostible
Os beneficios de empregar a bicicleta como transporte son inumerables, xa que axuda a reducir a contaminación e os seus niveis de monóxido e dióxido de carbono, hidrocarburos e outras partículas. Deste xeito, é posible contribuír a ter unha cidade con aire máis limpo e con menos contaminación acústica. Neste sentido, a Xunta de Galicia puxo en marcha este verán un novo visor dixital con rutas ciclistas por toda a comunidade, cartografiadas e en formato descargable para facilitar a súa consulta dende diferentes dispositivos electrónicos. O obxectivo é facilitar aos cidadáns coñecer Galicia a través dun medio de transporte ecolóxico e sostible.
Todas as rutas foron compiladas pola Xunta nunha aplicación web a modo de visor coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo e da empresa do sector turístico Sherpa Project. O coordinador do proxecto, Guti Martín, de Sherpa Project, e o presidente da Federación, Juan Carlos Muñiz, explicaron que grazas a esta nova ferramenta dixital é posible ver as rutas detalladamente e planificalas de forma idónea. Ademais, porase á disposición do usuario unha ficha individual que recollerá unha ampla información do itinerario como fotos, mapas, nivel de dificultade, perfís do terreo e a situación dos miradores e lugares cun alto valor paisaxístico.
Por outra banda, as fichas incorporan un código QR que redirixirá ao usuario a Wikiloc, unha aplicación de balde moi extendida entre os ciclistas en todo o mundo na que se poden almacenar e compartir rutas ao aire libre e puntos de interese. A plataforma está preparada para que se poida descargar e gardar o percorrido de cada ruta en diferentes dispositivos electrónicos como GPS, reloxos intelixentes e teléfonos móbiles.
A consellería celebra o auxe que experimentou o ciclismo nos últimos anos, xa que se trata “dunha das modalidades máis de transporte máis sostibles e que menos impacto ten sobre o medio ambiente, permitindo disfrutar da natureza sen alterala”. Neste sentido, o visor dixital pon a disposición dos cidadáns unha ferramenta “útil e moi completa” para facilitarlles as posibilidades de coñecer Galicia e a súa paisaxe dende a bicicleta, “dunha forma diferente, saudable e sostible”. De feito, a comunidade galega conta con moitos afeccionados a este deporte debido ás óptimas condicións naturais na contorna.