Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Os medios de extinción traballan nunha ducia de incendios forestais en Galicia

Os medios de extinción loitan en Galicia contra numerosos incendios forestais, algúns incluso coa Situación 2 decretada como medida preventiva debido á proximidade do lume a núcleos de poboación. Son datos actualizados ata as 13:00 horas de hoxe pola Consellería do Medio Rural, que tamén lembra o número de teléfono gratuíto 085 ao que debe chamar a cidadanía en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. A Consellería lembra a situación de cada un dos lumes tanto activos como controlados na comunidade galega.


Oímbra

Desactivada a Situación 2 que se declarara como medida preventiva nos lumes rexistrados onte no concello ourensán de Oímbra, parroquias de Videferre e San Cibrao, ao remitir o perigo para os núcleos de poboación. O lume de Videferre, que entraba por Portugal ás 15:53 horas de onte, afecta unha superficie provisional de 350 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 1 técnico, 8 axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros. O lume de San Cibrao, que comezou ás 18:46 horas da tarde de onte, afecta unha superficie dunhas 20 hectáreas. Aquí traballan 5 axentes, 6 brigadas, 5 motobombas e 1 helicóptero.


Palas de Rei

A Consellería de Medio Rural tamén ven de solicitar a desactivación da Situación 2 no incendio forestal activo no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Ramil ao remitir o perigo para os núcleos de poboación de Pambre e Chorexe. Este incendio iniciouse onte e rolda as 375 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 7 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 4 avións e 3 helicópteros.


Carballeda de Valdeorras

Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se activou debido a un cambio de vento. O incendio, orixinado o pasado xoves, afecta (ata o momento) a unha superficie de 2.800 hectáreas. No seu control levan participado en total 7 técnicos, 28 axentes, 63 brigadas, 32 motobombas, 3 pas, 8 avións e 7 helicópteros. Ademais, participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME). Trátase dun incendio que mobilizou boa parte dos efectivos dos distritos forestais veciños.


Folgoso do Courel

Por outra banda, segue decretada a Situación 2 como medida preventiva (debido á proximidade do lume ao núcleo de Parada de Montes) no incendio forestal activo no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas. Este incendio permanece activo desde o xoves pasado e no seu control traballaron ata o momento 2 técnicos, 27 axentes, 40 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 7 avións e 9 helicópteros. Neste lume tamén despregou efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona. Ademais, continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 noutro incendio forestal activo na mesma parroquia. Este lume iniciouse tamén o xoves pasado e afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros.

Por outra banda, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda. Este lume iniciouse o venres pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 19 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros. Neste lume tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 29 axentes, 42 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 5 avións e 4 helicópteros. Ademais, nesta mesma parroquia, segue activo dende o xoves pasado outro incendio que rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.


Vilariño de Conso

Segue activo desde o venres pasado o incendio do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.000 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 2 técnicos, 12 axentes, 37 brigadas, 13 motobombas, 3 pas, 4 avións e 8 helicópteros.


Cervantes

Segue activo o incendio forestal do concello lucense de Cervantes, parroquia de Donís, que rolda as 75 hectáreas provisionais. No lume, iniciado o xoves pasado, levan traballado ata agora 1 técnico, 6 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 1 helicóptero.


Quiroga

Extinguido ás 00:09 horas desta madrugada o lume da localidade lucense de Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciara o venres pasado e que afectou finalmente 83 hectáreas arboradas. Para o seu control mobilizáronse en total 1 técnico, 10 axentes, 21 brigadas, 14 motobombas, 2 avións e 4 helicópteros.

Por outra banda, permanece controlado desde as 22:25 horas do sábado o incendio que se orixinara o xoves pasado tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse 2 técnicos, 18 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Ademais, segue controlado desde as 23:53 horas do sábado outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que (segundo as últimas medicións sobre o terreo) rolda as 15 hectáreas provisionais. Orixinouse o venres e ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 10 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.


Antas de Ulla

Controlado ás 22:50 horas de onte o lume da localidade luguesa de Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, que se orixinou a pasada tarde e que rolda as 40 hectáreas provisionais. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.


Rodeiro

Segue controlado desde as 2:42 horas do sábado o lume que se iniciou o xoves pasado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Guillar. Segundo as últimas estimacións provisionais, rolda as 200 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 2 técnicos, 18 axentes, 46 brigadas, 28 motobombas, 4 pas e 2 helicópteros.


Ribadavia

Continúa controlado desde as 18:25 horas. do sábado o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que se iniciou o pasado luns 11 de xullo. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 34 axentes, 64 brigadas, 48 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 9 helicópteros.

Comparte esta noticia