Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O viño galego medra a contracorrente: máis viñedo e pouca sustentabilidade nun panorama marcado polo cambio climático

Mentres boa parte do viñedo español perde superficie e afronta unha caída do consumo, Galicia confírmase coma unha das excepcións do mapa vitivinícola. A comunidade é dos poucos territorios onde a viña continúa medrando, aumentan as vendas e as denominacións de orixe gañan valor. Pero tras estes bos datos agóchanse importantes desafíos para o sector: a adaptación ao cambio climático, a necesidade dunha resposta sustentable ás enfermidades da vise, a falta de relevo xeracional, a evolución das denominacións de orixe e a irrupción de novos produtos, como os viños de baixa gradación alcohólica ou des alcoholizados.


Galicia, unha excepción dentro do mapa vitivinícola español

Os últimos datos do sector confirman unha tendencia que leva anos consolidándose. Mentres a superficie de viñedo en España volveu reducirse durante 2025, cun descenso do 1,3 %, Galicia incrementou a súa un 1,8 %, converténdose nun dos poucos territorios onde a viña continúa expandíndose.

Non é só unha cuestión de superficie, tamén medra o valor económico do viño galego. As cinco denominacións de orixe xeran xa o 7,5 % do valor de todos os viños con denominación de orixe de España, aínda que unicamente producen o 4,6 % do volume nacional. É dicir, Galicia vende menos litros ca outras rexións, pero consegue un prezo medio considerablemente superior grazas ao posicionamento de calidade acadado durante as últimas décadas.

Este cambio responde a unha estratexia iniciada hai anos polas propias denominacións. Como resume Ramón Huidobro, secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas: "O plan estratéxico díxonos que tiñamos que medrar en volume e en valor, e así o fixemos."


Rías Baixas continúa medrando… mirando cara ao interior

O crecemento máis salientable prodúcese precisamente na DO Rías Baixas. Aínda que tradicionalmente se identifica cos viñedos máis próximos á costa atlántica, a expansión actual está a producirse principalmente cara ao interior seguindo o corredor natural do río Ulla. Os municipios de Padrón, Teo, Vedra, Boqueixón, Touro e A Estrada concentran boa parte das novas plantacións, unha circunstancia que reflicte un dos grandes cambios que vive actualmente a viticultura mundial. Aproveitar o territorio para sortear as consecuencias do cambio climático. Non é por tanto unha adaptación a el, é fuxir del.

Cada vez resulta máis difícil manter determinadas condicións climáticas nas zonas tradicionalmente máis cálidas. As temperaturas medias aumentan, a vendima adiántase e a maduración da uva acelérase. En numerosos países produtores, os viticultores están desprazando progresivamente os viñedos cara a cotas máis elevadas buscando temperaturas máis suaves, unha maior amplitude térmica e ciclos de maduración máis longos. En rexións italianas como Toscana, Piemonte ou Sicilia xa se están desenvolvendo proxectos en zonas máis “montañosas” onde hai apenas unhas décadas era impensable cultivar un viño de calidade.

En Galicia, salvo excepcións, non se observa exactamente o mesmo fenómeno de ascender centos de metros de altitude, pero si unha procura progresiva de áreas máis interiores e lixeiramente máis elevadas, seguindo o val do Ulla cara ás terras altas de Santiago, Touro e A Estrada. Esta transición permite manter unha certa influencia atlántica ao tempo que se aproveitan microclimas que poden ofrecer mellores condicións fronte ao incremento das temperaturas. Non se trata dun cambio casual. Cada vez hai máis adegas e viticultores que consideran que o futuro da denominación tamén pasa por estas zonas interiores, onde a climatoloxía permite manter mellor a frescura e a acidez que caracterizan os viños de Rías Baixas, en particular e os galegos en xeral. É unha adaptación silenciosa, discreta... pero que probablemente marcará o mapa vitivinícola galego nas próximas décadas.

Ás portas dun mes de agosto e despois de que numerosas adegas advertisen durante semanas de que 2026 sería un mal ano para a produción debido ás condicións climáticas, tras investir importantes cantidades de diñeiro (especialmente nas zonas afectadas pola saraiba) en tratamentos para intentar recuperar parte da colleita, a ameaza de que unha parte importante da uva acabe quedándose no chan como abono deixou de ser unha hipótese para converterse nunha posibilidade moi real. A previsión dunha vendima especialmente abundante tensou o mercado mesmo antes do inicio da recollida e, nos últimos días, distintas adegas comezaron a comunicar aos seus provedores, na súa maioría pequenos viticultores, que non poderán recibir toda a uva producida. Nalgúns casos, as advertencias chegaron xa a comezos do verán, xerando unha crecente incerteza entre os produtores, que ademais temen que o excedente presione os prezos á baixa.

Os viticultores sosteñen que esta situación non responde a un problema conxuntural, senón ás consecuencias dunha falta de planificación estratéxica: durante anos impulsouse o aumento da produción sen desenvolver, ao mesmo ritmo, novos mercados capaces de absorbela. A iso súmase o incremento continuado da superficie de viñedo nalgunhas denominacións de orixe, mentres o consumo de viño mantén unha tendencia descendente tanto en España como noutros mercados tradicionais. Por iso reclaman á Xunta a convocatoria urxente dunha mesa de crise, a adopción de medidas extraordinarias que garantan a recollida de toda a colleita, transparencia sobre as existencias reais de viño almacenado e unha planificación a medio e longo prazo que adapte a produción á demanda e evite que este escenario volva repetirse. Dende ASAGA (Asociación Agraria de Galicia) temen que se trate do inicio dun problema estrutural, «se fose puntual poderíase liquidar, pero creo que este vai ser ou primeiro de moitos anos nos que haberá problemas».


O cambio climático xa condiciona o viño galego

Os efectos do cambio climático xa son visibles en practicamente todas as denominacións de orixe galegas. As vendimas comezan antes ca hai vinte anos, aumentan os episodios extremos de calor e tamén as choivas torrenciais concentradas en poucos días. Este novo escenario modifica completamente o manexo do viñedo.

As variedades alcanzan antes a maduración tecnolóxica, increméntanse os niveis de azucre e diminúe a acidez, un dos grandes sinais de identidade dos viños galegos. Por iso moitas adegas estudan novas orientacións de plantación, unha maior cobertura vexetal entre as filas de vide, sistemas que reduzan a insolación directa e incluso a procura de parcelas situadas a maior altitude. Non se trata unicamente de producir máis, senón de seguir elaborando viños que manteñan a personalidade que sempre os caracterizou.

Ao mesmo tempo, os viticultores deberán aprender a convivir cunha maior variabilidade meteorolóxica. Invernos máis suaves, primaveras con fortes oscilacións térmicas e veráns máis longos obrigan a adaptar continuamente os calendarios de poda, tratamentos fitosanitarios e vendima. O cambio climático xa non é unha ameaza futura: converteuse nun factor determinante para decidir onde plantar, que variedades cultivar e como producir o viño galego do mañá (que xa é hoxe).


As denominacións de orixe tamén terán que adaptarse

O debate non afecta unicamente ao cultivo da vide, tamén alcanza as propias normas que regulan as denominacións de orixe. En Francia xa se abriron importantes discusións sobre a necesidade de modificar os límites tradicionais dalgunhas denominacións para adaptalos ás novas condicións climáticas. O Instituto Nacional da Orixe e da Calidade (INAO) iniciou recentemente un novo proceso de revisión dos límites dalgunhas zonas vitivinícolas, consciente de que o cambio climático está alterando as condicións que durante séculos definiron determinados terroirs.

Ao mesmo tempo, algúns produtores históricos de Burdeos decidiron abandonar as restricións das denominacións tradicionais para elaborar viños baixo a etiqueta máis flexible de Vin de France, buscando unha maior liberdade para experimentar con novas variedades, técnicas de cultivo ou sistemas de elaboración adaptados ao novo escenario climático. Estes exemplos amosan que a adaptación xa non é unha cuestión exclusiva dos viticultores, senón tamén das propias figuras de protección que identifican os viños.

En Galicia este debate aínda está nos seus primeiros pasos, pero todo indica que acabará chegando. Se as condicións climáticas continúan evolucionando, as denominacións de orixe deberán atopar un equilibrio entre preservar a súa identidade histórica e permitir a suficiente capacidade de adaptación para garantir a súa viabilidade futura. O reto consistirá en manter a esencia dos viños galegos sen impedir a innovación necesaria para afrontar un contexto climático completamente diferente ao que existía cando se definiron os actuais límites das denominacións.

Noutras comunidades o debate xa está sobre a mesa. Rueda non vai a incorporar (por agora) o moi galaico-berciano godello... o que non quere dicir que os adegueiros abandonen esa pretensión, será fora da DO... ou a Xunta vai poñer este risco sobre a mesa para forzar o Bierzo a un acordo coas DO galegas?


Cinco denominacións, catro realidades diferentes

A evolución do sector vitivinícola galego non é uniforme. Cada denominación de orixe afronta os seus propios retos, aínda que todas comparten o obxectivo de consolidar un modelo baseado na calidade e nas variedades autóctonas.

En Valdeorras, o Godello continúa impulsando o crecemento da denominación. Nun só ano pasou de comercializar 4,8 millóns de litros a superar os 5,2 millóns, consolidándose como unha das variedades brancas españolas con maior proxección internacional e demostrando que a recuperación das castes autóctonas foi unha aposta gañadora.

En Monterrei, o viño converteuse no principal motor económico da comarca, chegando a representar arredor do 3,4 % do seu PIB. O desenvolvemento das adegas, a apertura de novos mercados e o auxe do enoturismo contribuíron a dinamizar un territorio marcado durante anos polo despoboamento.

Na Ribeira Sacra, pola contra, o reto foi reducir os excedentes de produción. Medidas como a destilación de crise e a vendima en verde permitiron retirar preto dun millón de litros en apenas un ano para recuperar o equilibrio do mercado e garantir a viabilidade dunha denominación baseada na viticultura heroica... pero dinámicas como o arranque de castes tintas continúa, o branco é o que quere o mercado e o cortoplacismo (ou a necesidade) imponse en moitos casos.

Mentres, O Ribeiro vive unha situación contraditoria. As vendas medran un 19 %, pero continúa perdendo viticultores e superficie de cultivo. No último ano e medio desapareceron máis de 300 produtores e 85 hectáreas de viñedo, unha realidade que levou ao Consello Regulador a reclamar a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria para frear o abandono e asegurar o futuro dunha das denominacións históricas de Galicia.


O reto do relevo xeracional

O abandono de pequenas explotacións constitúe probablemente un dos maiores desafíos do sector vitivinícola galego. A viticultura continúa dependendo de milleiros de pequenos propietarios con parcelas moi fragmentadas, moitas delas de reducidas dimensións e difíciles de mecanizar.

A elevada idade media dos viticultores, a falta de incorporación de mozos ao sector e as dificultades para atopar man de obra durante a vendima ameazan especialmente aquelas zonas onde a mecanización resulta practicamente imposible, como ocorre en boa parte da Ribeira Sacra. A isto súmase a presión urbanística nalgunhas comarcas e o progresivo abandono de terras agrícolas en favor doutros usos. Garantir a continuidade do modelo vitivinícola galego esixirá políticas públicas que favorezan a incorporación de novos viticultores, incentiven a concentración parcelaria e faciliten a recuperación das terras abandonadas, evitando así a perda dun patrimonio agrario e paisaxístico construído ao longo de séculos.


O debate sobre os viños de baixa gradación e des alcoholizados

Outro dos asuntos que comeza a gañar protagonismo no sector é o dos viños de baixa gradación alcohólica e os des alcoholizados. Grandes cooperativas galegas como Martín Códax, Paco & Lola e Viña Costeira xa comercializan este tipo de produtos, adaptándose ás novas tendencias de consumo que se observan en numerosos mercados internacionais. Con todo, ningún deles pode acollerse actualmente ao amparo das denominacións de orixe galegas.

Paralelamente, tamén medra o interese polos viños naturais e biodinámicos. Os primeiros elabóranse unicamente a partir do zume de uva fermentado, sen engadir aditivos nin produtos químicos durante o proceso de elaboración. Pola súa banda, os viños biodinámicos baséanse nun modelo de agricultura holística que respecta os ciclos naturais e lunares e emprega preparados de orixe natural na viña, aínda que si permiten a incorporación controlada de sulfitos na adega para garantir a súa conservación. Trátase dun nicho aínda reducido, pero cunha demanda crecente en determinados mercados e entre consumidores que buscan produtos cunha menor intervención.

Por unha banda, hai quen considera que estes produtos representan unha oportunidade para chegar a novos consumidores, especialmente entre a poboación máis nova ou en países onde diminúe progresivamente o consumo de bebidas alcohólicas. Pola outra, numerosos produtores e consellos reguladores defenden que as denominacións de orixe deben continuar asociándose exclusivamente ao viño elaborado mediante os métodos tradicionais, preservando a identidade que as distingue. A evolución da normativa europea e das propias denominacións marcará probablemente o futuro deste novo segmento de mercado.


Perde a sustentabilidade?   

As dubidas sobre a viabilidade de moitos viñedos e a necesaria adaptación ao cambio climático está a abrir un debate que vai moito máis alá da viticultura. A expansión do viñedo cara a novas zonas, o incremento dos tratamentos fitosanitarios e a intensificación produtiva suscitan unha pregunta inevitable: segue sendo sostible o modelo de crecemento dalgunhas adegas?

Noutros países europeos xa xurdiron protestas pola transformación de zonas de montaña en novos viñedos, cuestionando o impacto sobre a biodiversidade, a paisaxe, os solos e a parda de actividades agrarias tradicionais pero menos rendibles. En Galicia, onde Rías Baixas medra seguindo o corredor do Ulla cara ao interior, este debate tamén comeza a estar sobre a mesa. Son moitos os que rexeitan a ocupación do Ulla medio por adegas ou cooperativas que comprar ou alugan terra.

Pero o impacto ambiental non remata na ocupación de novas terras. O clima atlántico obriga a realizar numerosos tratamentos fitosanitarios para combater enfermidades como o mildio, o oídio ou a botrite. Nalgúns casos, viticultores integrados en grandes cooperativas como Martín Códax realizan ata 17 aplicacións anuais, ás que este ano se sumaron outras extraordinarias tras as sarabiadas da primavera. Trátase dunha realidade agronómica, pero tamén dun dos aspectos que máis cuestionan o discurso dunha viticultura para poder acadar un mínimo de sustentabilidade.

A iso engádense outras cuestións, como o uso de determinados materiais plásticos en parte dos envases ou embalaxes, que chocan coa imaxe de economía circular que o sector pretende transmitir. Encapsular botellas en plástico, práctica na que tamén destaca a cooperativa antes citada, está a ser unha moi mala práctica dende o punto de vista ambiental: xera plástico e dificulta a reciclaxe do vidro depositado nos contedores.

Ademais da económica e ambiental. a sustentabilidade ten unha necesaria dimensión social. Mentres adegas e cooperativas amplían superficie mediante a compra ou alugueiro de terras no Medio Ulla para asegurar o seu crecemento futuro, moitos viticultores das zonas tradicionais continúan sometidos a limitacións de produción, prezos da uva moi axustados e uns custos de cultivo cada vez maiores. Cooperativas para o que interesa, adegas privadas para o que convén. No caso das cooperativas, este proceso abre un debate de fondo: se a súa finalidade é defender os intereses dos socios, cabe preguntarse ata que punto unha expansión (por alugueiro) que se produce fóra das zonas nas que están as explotacións dos cooperativistas responde a ese modelo ou se as aproxima cada vez máis ao funcionamento dunha empresa convencional.


As enfermidades da vide, un reto crecente

Se hai un factor que preocupa especialmente aos viticultores, ademais do clima, é o cíclico incremento da presión das enfermidades que afectan á vide. As alteracións nos réximes de precipitacións, a maior humidade ambiental en determinados momentos do ano, cada vez menos previsibles,  e o aumento das temperaturas que crean condicións favorables para a aparición de diversos patóxenos.

Entre as enfermidades máis preocupantes atópase a botrite, provocada polo fungo Botrytis cinerea. Pode afectar á vide desde a floración ata a maduración da uva, especialmente durante períodos prolongados de humidade e choivas continuadas. A súa incidencia pode comprometer tanto a produción como a calidade final da colleita.

Outra das enfermidades máis frecuentes en Galicia é o mildio, favorecido pola elevada pluviometría característica do clima atlántico. Adoita aparecer durante a floración e o callado da uva, provocando importantes perdas se as condicións meteorolóxicas lle son favorables.

Xunto a elas sitúase o oídio, unha enfermidade que non precisa choiva para desenvolverse, aínda que si temperaturas cálidas e unha humidade ambiental moderadamente alta. A súa capacidade para afectar follas, acios e gromos ao longo de boa parte do ciclo vexetativo obriga a manter unha vixilancia constante durante toda a campaña.

A prevención, o seguimento meteorolóxico, a aplicación de estratexias de xestión integrada de pragas e enfermidades e a investigación en variedades máis resistentes serán cada vez máis importantes para reducir o impacto destes problemas nun contexto climático cada vez máis cambiante. Pola contra, a opción menos sustentable é a masiva aplicación “preventiva” de tratamentos... por si acaso!


Un modelo que continúa apostando pola calidade

Fronte a outras rexións vitivinícolas que buscan aumentar a produción mediante grandes volumes, Galicia continúa apostando por un modelo baseado na calidade, nas variedades autóctonas e nunha estreita vinculación co territorio. Albariño, Godello, Treixadura, Mencía, Caiño, Loureira, Sousón, Brancellao ou Dona Branca, etc. representan un patrimonio vitícola que constitúe un dos principais sinais de identidade do país.

Precisamente esa singularidade explica que o viño galego manteña unha posición sólida tanto no mercado nacional como nos mercados internacionais, onde continúa gañando prestixio grazas á súa personalidade e ao seu elevado nivel de calidade. Con todo, o éxito futuro do sector non dependerá unicamente da excelencia dos seus viños. O cambio climático, a recuperación de terras agrarias, o relevo xeracional, a adaptación das denominacións de orixe e a evolución dos hábitos de consumo marcarán o rumbo dunha viticultura que continúa demostrando unha notable capacidade para re inventarse sen renunciar á súa identidade... pero precisa ter en conta e implementar uns mínimos de sustentabilidade en todo o proceso, dende a ubicación da parcela ate o tipo de materiais nos que acaba chegando ao consumidor, pasando polo impacto social e emprego ou a aplicación de tratamentos.

Ao final, o reto do viño galego non consiste unicamente en adaptarse ao cambio climático. Tamén pasa por demostrar que é posible manter o equilibrio entre a rendibilidade económica, a cohesión social e a protección ambiental que definen unha sustentabilidade real.

Comparte esta noticia