O TSXG admite a trámite os recursos contencioso-administrativos de ADEGA contra tres parques eólicos de Greenalia
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de notificar a admisión a trámite dos recursos contencioso-administrativos interpostos o pasado mes pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, en contra da autorización de tres parques eólicos promovidos por Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Trátase dos proxectos eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural, declarados “de interese especial” polo Consello da Xunta en maio de 2018, cando Beatriz Mato aínda exercía de conselleira de Medio Ambiente. Porén, agora forma parte do Consello de Administración de Greenalia, un produtor independente de enerxía con tecnoloxías renovables.
ADEGA indica que as entidades recorrentes esperan poder anular as autorizacións outorgadas pola Xunta de Galicia relativas aos tres proxectos “e demostrar no TSXG que todos eles forman parte dun único macroproxecto industrial sometido a unha manobra de fragmentación fraudulenta (ou despezado en varios proxectos) para esquivar a adecuada avaliación ambiental dos efectos sinérxicos das tres instalacións sobre un mesmo territorio, ademais de conquerir a súa tramitación a través da Xunta de Galicia e non do Ministerio de Transición Ecolóxica”.
Por outra banda, a asociación ecoloxista indica que a declaración destes tres parques como proxectos “de interese especial” outórgalle a Greenalia prioridade na tramitación fronte a outros proxectos. Esta categoría, recollida na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais (máis coñecida como «Lei de depredación»), implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución. ADEGA lembra que os tres proxectos afectan a unha área proposta en 2008 e 2011 para incorporarse á Rede Natura 2000. Ademais, poñen en risco “un endemismo único no mundo”, a Centaurea ultreiae, unha planta catalogada en perigo crítico de extinción e cuxa poboación mundial se atopa nos 10 quilómetros cadrados sobre os que a Xunta autorizou estes parques eólicos.
O TSXG ofrece un prazo improrrogable de vinte días para que a a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia remita a este órgano xudicial “os expedientes administrativos relativos aos tres parques eólicos de Greenalia recorridos e empraza ás partes demandadas a persoarse no procedemento no prazo de nove días”. ADEGA lembra que os tres recursos xudiciais serán abordados pola Sección Terceira do ContenciosoAdministrativo do TSXG. Ademais, a asociación destaca que os custos derivados da interposición dos tres recursos contencioso-administrativos irán a cargo do o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC). Trátase dunha campaña de recadación colectiva para promover accións legais en defensa da biodiversidade da Cordilleira Cantábrica e a súa contorna fronte a actual avalancha de macroproxectos de enerxía eólica.