Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O salmón, especie en perigo de extinción

O salmón esta a ser o “gran ausente” nas celebracións e concursos de pesca que o pretenden ensalzar,  é ademáis xa unha evidencia estadística e confirma o que os científicos veñen advertindo dende fai unha década: O Salmón Atlántico (salmo salar) é, na práctica, unha especie en perigo de extinción. O máis recente exemplo foi o Concurso Internacional de Pesca do Salmón, celebrado o 8 e 9 de maio pola Sociedade Deportiva do Río Ulla, que rematou as súas xornadas sen ningunha captura, o que acontece tamén noutras citas por todo o Cantábrico. Esta situación vense repetindo ano tras ano e evidencia a carencia de salmón nas augas galegas sen que xurdan iniciativas para deter as agresións medioambientais, o furtivismo, os cupos irreais e a inacción das administracións na recuperación efectiva da especie… e a perda xeral de biodiversidade nos ríos, da que hoxe se reclama a súa recuperación na celebración do seu DIA MUNDIAL

 

A pesar da súa cancelación o ano pasado por mor da crise sanitaria, a edición número 44 do Concurso de Pesca de Salmón (8 e 9 de maio no Ulla). A fin de semana da celebración, organizada pola Sociedade Deportiva do Río Ulla, concentrou a 48 pescadores que participaron na modalidade de pesca con morte. Pola súa parte, houbo tres participantes que apostaron por inscribirse na modalidade de pesca sen morte. Despois de moitos intentos de pesca repartidos en dúas xornadas, o concurso rematou sen ningunha captura.

 

Malia a xustificación da ausencia deste peixe, o feito de que non aparecese é un síntoma en toda regra. Martiño Nercellas Méndez, biólogo lalinense, explica a crítica situación do salmón en Galicia, asegurando que “cada salmón que se captura hoxe nos ríos galegos é unha gravísima agresión ecolóxica”. Considera que a celebración de “concursos fantasma, onde nin capturas hai”, é un despropósito no xeito de entender a xestión da biodiversidade das especies que se atopan en risco. Afirma que a noticia da falta de capturas no Ulla é unha crónica anunciada da extinción da especie, pero “hoxe ou o mes que ven caerán un par deles”, e a publicación da nova dará a falsa impresión de que “hai salmón para rato”. O biólogo denuncia a falta de conciencia que existe arredor deste tipo de eventos: “Búscase unha foto enganosa da normalidade e boa xestión por parte da Consellería que na realidade é unha fatal irresponsabilidade”. Ademais, explica que o aproveitamento do salmón debería rematar canto antes, outorgándolle unha protección normativa e, polo tanto, incorporándoa como especie en perigo de extinción no Catálogo de Especies Ameazadas.

 

Pola súa parte, Pedro Brufao Curiel, profesor de Dereito Administrativo e unha persoa moi vinculada ao mundo da protección dos ríos, ademais de afeccionado á pesca, afirma que a ciencia “marca as pautas a seguir”, e que o dereito ambiental non podería sustentarse sen evidencia científica, pois sería “totalmente ineficaz”. Polo tanto, con base en estudos que indican unha preocupante diminución da especie do salmón atlántico, considera que as administracións deberían obrar en consecuencia. Malia a negativa dos pescadores, que insisten en que vedar os ríos non é a solución, as demostracións científicas son claras: se non houbese intereses económicos e turísticos arredor do salmón, hoxe sería unha das especies máis protexidas en España.

 

Segundo Brufao, existen dúas cuestións que debilitan o cumprimento da lei. Por unha banda, a falta de persoal e de medios económicos para levar un perfecto control dos ríos: “A lei hidrográfica é inmensa e require unha labor diaria de control, de uso das ferramentas e de detección”. Por outra banda, a cuestión máis importante: a falta de interese. O xurista destaca os intereses económicos que teñen as administracións, ademais de que a presión social a favor dos intereses medioambientais é moi débil en comparación cos primeiros. Por exemplo, recorda o que se tardou en Vigo, a maior cidade de Galicia, en instalar a nova depuradora.

 

Segundo o xurista, existen dous elementos que inflúen no deterioro ambiental dos ríos: a contaminación e os impedimentos físicos. Ademais, resalta que os cupos establecidos en moitos ríos españois non teñen sentido, xa que non existe ningunha evidencia científica arredor deles. É máis, as resolucións administrativas non responden á realidade e capacidade da pesca desta especie. Tamén recordou outros casos irracionais como a permitida pesca de alevíns de anguila, outra especie en situación crítica pero sostida por intereses económicos, converténdoa no único “pezqueñín” que está sendo capturado con autorización.

 

Pedro Brufao recorda que hai ducias de concesións e infraestruturas físicas que non se están dando como caducadas, polo que non se eliminan axeitadamente. Ademais, lamenta que “se poña en pé de igualdade” os hipotéticos dereitos dunha afección como a pesca e os criterios científicos: “A mera crenza ou sentimento fronte á evidencia científica non pode ter cabida nas administracións e nos Tribunais de Xustiza”, explica. Tamén denuncia que algunhas administracións non cumpren coas súas funcións, poñendo como exemplo que o Principado de Asturias deixa en mais dos pescadores a xestión da especie a través dun “convenio sangrante”. Polo tanto, recorda que o exercicio da autoridade é indispensable para facer que se cumpra o ordenamento, recoñecendo que “non hai alternativa posible ao cumprimento da lei”.

 

Igual de contundente amósanse algúns membros dos servizos de vixilancia consultados por Galicia Ambiental.  Un axente suliña a preocupante situación das poboacións desta especie en ríos como o Ulla “ao meu entender e critica, vese claro simplemente observando as capturas de este ano e os anteriores. E ridículo permitir sacar un só peixe da auga e que se lle dea o bombo que se lle da”. Para o técnico consultado levamos moitos anos gastando diñeiro para manter a pesca como tal, pero sen prestar atención ao que  pasa coa calidade das augas, coa  accesibilidade dos ríos, coa protección da vexetación de ribeira, a restauración das concas fluviais…  laméntase  a escasa atención que se dedica aos ríos e a súa biodiversidade e déixanse no aire moitas preguntas: “onde están os plans de recuperación de unha especie declarada en perigo de extinción como é a Madre Perla, e que esta presente na conca do Ulla, e que pasa con outras especies como e a Angula, a Lamprea a Zamborca os Reos… todas elas migradoras e que incluso algunha é obxecto de aproveitamento pesqueiro comercial no propio río”. Outro axente  afirma que non só en un problema de declaración de protección, xa que incorporar  ao Salmón dentro do catalogo de especies, sen máis e como se ten dito,  non e unha solución en sí mesma “o problema é que quedara no esquecemento, e a propia administración deixará de facer polo río o pouco que xa fai. O mellor que podemos facer e facer publico que os ríos están en perigo e son algo mais que correntes de auga onde van a pescar catro amigos, son as venas que recorren a nosa terra e o que lle da a vida. E especies como o Salmón, a Madre Perla o Desmán, as Nutrias, Garzas e moitas outras son a mellor garantía de que os ríos están vivos e que nos podemos seguir desfrutando deles”

Comparte esta noticia