O proxecto NORAVES, un futuro para as aves mariñas e a súa conservación
O proxecto NORAVES, unha iniciativa pioneira para mitigar o impacto da pesca nas aves mariñas do litoral galego e cantábrico. O seu obxectivo principal é avaliar o impacto da mortalidade accidental de aves mariñas en artes de pesca e desenvolver medidas para reducir este problema sen comprometer a sustentabilidade da actividade pesqueira. Reúne a catro entidades destacadas en investigación e conservación mariña: o Centro Oceanográfico da Coruña (do Instituto Español de Oceanografía – CSIC), a ONG SEO/Birdlife, a cooperativa sen ánimo de lucro Cory’s, e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), que actúa como coordinador.
Estas entidades sociais achegan desde o seu ámbito de especialización as súas fortalezas e prolongada experiencia para alcanzar este obxectivo a través dunha serie de accións: seguimento do uso do espazo mariño por parte das especies de aves mariña a través da vixilancia do seu paso migratorio e a aplicación de innovadoras técnicas de seguimento remoto GPS-GSM para o coñecemento en tempo real dos seus movementos en alta mar; a modernización do espazo-temporal da actividade no mar da actividade das frotas pesqueiras de altura e baixura e das aves mariñas, e a determinación das áreas prioritarias e de solapamento entre elas; a avaliación da mortalidade accidental existente mediante o estudo da información dispoñible e a colaboración co sector pesqueiro a través da realización de embarques, enquisas, cadernos de a bordo e emprego da app Bycatch; a elaboración dun protocolo de rexistro estandarizado da mortalidade accidental; e un programa participativo e formativo para técnicos e profesionais do sector.
Ademais destas accións, levarán a cabo probas piloto de medidas de mitigación da mortalidade accidental potencialmente aplicables na actividade pesqueira, que permitan reducir este impacto sen afectar o rendemento pesqueiro.
O éxito de NORAVES radica no seu enfoque colaborativo, involucrando a científicos, administracións, pescadores e grupos locais como a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores. Este esforzo conxunto busca garantir a coexistencia entre a biodiversidade mariña e o sector pesqueiro.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e é cofinanciado pola Unión Europea mediante o FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura).
Unha Situación Crítica para as Aves Mariñas
As aves mariñas son consideradas o grupo de aves máis ameazado do planeta. O seu alto grao de especialización e sensibilidade aos cambios ambientais exponas a numerosos impactos tanto no medio mariño como no terrestre. Estudos recentes revelan que máis do 50% das especies de aves mariñas están en declive, e desde 1950 desapareceron máis de 230 millóns de exemplares, o que equivale ao 70% das existentes entón.
Unha das principais ameazas para estas especies é a mortalidade accidental en artes de pesca, que afecta practicamente a todas as frotas e especies en todo o mundo. Nas augas europeas, estímase que cada ano son capturadas de forma non intencionada preto de 200.000 aves mariñas. Este problema, aínda que global, ten un impacto especialmente significativo nas costas galegas e cantábricas debido á súa gran biodiversidade e relevancia como corredor migratorio.
A importancia destas augas levou á recente declaración da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental, integrada na rede europea Natura 2000. Este recoñecemento subliña a necesidade de protexer un hábitat crave para a alimentación e reprodución de moitas especies, así como un paso estratéxico para millóns de aves nas súas migracións entre Europa e o Atlántico.
O proxecto NORAVES e a declaración da ZEPA representan pasos cruciais para abordar as ameazas que enfrontan as aves mariñas e fomentar unha pesca máis sostible. A colaboración entre ciencia, sociedade e sector pesqueiro é fundamental para garantir que estas aves emblemáticas poidan seguir formando parte do rico patrimonio natural das costas galegas e cantábricas, á vez que se protexe o modo de vida dos profesionais do mar.