Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O Parlamento Europeo debaterá sobre a vaga de incendios en Galiza tras as peticións de PSdeG-PSOE e BNG

O Parlamento Europeo incluirá na orde do día da súa sesión plenaria do vindeiro martes un debate específico sobre a vaga de incendios que nos últimos meses devastou amplas zonas de Galiza. A decisión foi adoptada pola Conferencia de Presidentes da Eurocámara tras a solicitude presentada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a través do grupo Verdes-ALE, e o eurodiputado do PSdeG-PSOE, Nicolás González Casares, tendo en conta a dimensión dos lumes e o impacto social, económico e ambiental que provocaron.

Na súa intervención previa na Comisión de Política de Cohesión, Miranda recorreu aos datos de Copernicus, o sistema de seguimento de incendios forestais da Comisión Europea, que elevan a case 160.000 as hectáreas calcinadas, moi por riba das 111.000 que recoñece a Xunta de Galiza. Para a eurodeputada, esta diferenza nas cifras amosa a “opacidade” e a “falta de transparencia informativa” do Executivo galego, ao que acusou de ocultar “información crucial á poboación” durante o desenvolvemento da vaga de incendios.

No pleno da vindeira semana, Miranda ten previsto incidir tamén nas deficiencias detectadas na prevención e loita contra o lume. Segundo indicou, non se mobilizaron todos os efectivos dispoñíbeis no dispositivo antiincendios, o que evidencia unha xestión ineficaz. A isto súmase, ao seu xuízo, a ausencia de estratexias de resposta claras ante unha situación que afecta con especial gravidade ao medio rural, deixando tras de si vivendas destruídas, explotacións agrogandeiras arrasadas e perdas irreparábeis de gando.

“É imposíbel imaxinar a traxedia humana, a perda de casas, a traxedia económica e medioambiental que supuxeron os lumes”, afirmou Miranda, quen lembrou que na provincia de Ourense, un dos territorios europeos máis afectados polo declive demográfico, a vaga de incendios deixou “unha verdadeira devastación que puido ser evitada”. A este respecto, citou as conclusións do Tribunal de Contas Europeo no seu informe de 2025 sobre a prevención de incendios, no que se advertía da necesidade de reforzar os sistemas de alerta e resposta.

A eurodeputada galega insistiu na importancia de apostar por unha política de cohesión “forte e resiliente” que dispoña de recursos propios e permanentes para a prevención e atención de catástrofes. “Non precisamos recursos para a defensa, senón para facer máis doada a vida das persoas que se viron afectadas polos incendios”, apuntou, enviando tamén unha mensaxe de solidariedade desde a Eurocámara a todas as persoas damnificadas.

Asimesmo, o eurodeputado do PSdeG-PSOE, Nicolás González Casares, ademais de buscar un debate no Parlamento europeo sobre a xestión dos incendios, preguntará á Comisión polos “incumprimentos” da Xunta coa Rede Natura 2000, pola posible mellora da protección destas zonas contra o lume, e sobre a directiva de hábitats. Por esta razón, nunha rolda de prensa expuxo catro propostas que planea presentar na Eurocámara e cuestionou a política ambiental da Xunta, á que sinalou como "resultado de 40 anos de clientelismo".

Finalmente, pedirá á Comisión os datos do satélite Copernicus para coñecer con precisión non só a superficie queimada, senón tamén como se atopaba Pena Trevinca o 18 de agosto: "sabiamos que ardía, pero non pola Xunta, e de súpeto apareceron 3.000 hectáreas queimadas. Queremos saber que se nos escondeu”. A deputada autonómica socialista Paloma Castro, quen estivo presente na rolda de prensa, esixe ao Goberno galego que declare a emerxencia climática na comunidade. Isto xa foi incluído nunha das resolucións da comisión de estudo de políticas forestais establecida no Parlamento autonómico despois dos incendios do ano 2018.

O debate sobre a situación en Galiza enmárcase no conxunto de iniciativas que Miranda vén impulsando en Bruxelas nas últimas semanas. Entre elas destacan o envío de cartas ao Comisario de Agricultura, Christophe Hansen, e á Comisaria de Igualdade, Preparación e Xestión de Crises, Hadja Lahbib, nas que lles solicita unha visita ás zonas máis afectadas polos lumes para coñecer de primeira man as súas consecuencias. Estas xestións, segundo a eurodeputada, buscan non só dar visibilidade á gravidade da catástrofe, senón tamén impulsar compromisos concretos por parte das institucións europeas no apoio á recuperación dos territorios queimados.

Un monte queimado xa sexa bio diverso e autóctono ou unha plantación, necesita recuperarse desde un punto de vista biolóxico, o ser humano debería limitarse durante uns meses/anos a axudar, só naquilo que pode alterar esa recuperación: permitir a rexeneración natural; frear a erosión en áreas de pendente (caballones, fajinas ou acolchados); controlar a chegada de especies invasoras); respectar a medio prazo as zonas de alto estrés hídrico; non desprezar o monte baixo; non pisar nin introducir maquinaria ao monte; favorecer a rexeneración natural… e ir planificando un monte mosaico, para iniciar as posibles actuacións entre o ano uno e o tres do incendio, segundo a súa intensidade e recuperación.

Comparte esta noticia