O Movemento Galego polo Clima súmase hoxe á Mobilización Climática Global
Hoxe, 25 de marzo, o Movemento Galego polo Clima (MGC) únese á convocatoria internacional de Fridays For Future nunha nova Mobilización Climática Global. Baixo o lema #VidaContraCapital, chaman á cidadanía a asistir ás concentracións e accións que se darán ao longo desta tarde en distintos puntos de Galicia: Lugo (18:00 horas, Parque de Rosalía); Ourense (18:00 horas, Parque de San Lázaro); Santiago de Compostela (19:30 horas, Parque da Alameda); e A Coruña (20:00 horas, Praza San Cristóbal). O MGC destaca que en Santiago se realizará unha “Foliada polo Clima” na que se convida a participar a todos os colectivos locais relacionados coa música e o baile.
Así, despois de tres anos de mobilizacións polo clima e ante medidas insuficientes por parte do goberno, voltan ás rúas para esixir medidas que mitiguen as consecuencias da crise climática que promovan: “Territorios habitables con economías sociais, a transformación e democratización do sector enerxético e a contrucción de redes de apoio e autoxestión cunha perspectiva de xustiza climática e social”. A súa mensaxe é clara: “Precisamos deixar atrás os modelos económicos que van en contra da vida e que priman o crecemento e os beneficios só para uns poucos, e optar por economías sociais que apostan polo decrecemento e poñenos ecosistemas e a vidano centro”.
Xa no ano 2019, 11.000 persoas da comunidade científica lanzaron unha alerta pública de emerxencia climática, dirixida a todos os gobernos do planeta. A realidade é que estas transicións rápidas que demanda a ciencia, malia ser posibles, non se están realizando. Tres anos despois, “as emisións seguen aumentando, os recursos séguense esgotando e os gobernos seguen subvencionando con diñeiro público a industria dos combustibles fósiles”. O Grupo de Expertos sobre Cambio Climático de Nacións Unidas confirma que ven unha catástrofe asegurada como non se cambien as traxectorias de subida de temperatura global, algo que queda reflectido no informe que se fará público o próximo 4 de abril.