Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O MITECO leva á Fiscalía o caso de Toñi, a candorca ferida por disparos en augas portuguesas

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) trasladou á Fiscalía de Medio Ambiente e á Garda Civil os resultados das investigacións abertas polo ataque con perdigóns sufrido pola candorca Toñi, ao apreciar indicios dun posible delito contra unha especie de fauna protexida. As pescudas apuntan a unha embarcación de bandeira española que presuntamente efectuou os disparos en augas portuguesas.

Toñi é o exemplar máis lonxevo da poboación de candorcas do Estreito de Xibraltar e do golfo de Cádiz. A mediados de agosto detectáronse na súa aleta dorsal marcas compatibles cos disparos dunha escopeta de perdigóns. O MITECO tivo coñecemento do caso o 11 de agosto, a través da entidade conservacionista WeWhale, e ao día seguinte iniciou actuacións previas para esclarecer o sucedido e determinar, de ser o caso, os posibles responsables.

Agora, tras varias semanas de investigación, o Ministerio decidiu poñer a información en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente. Ademais, solicitou á Unidade Central Operativa de Medio Ambiente (UCOMA) da Garda Civil a súa colaboración para identificar os presuntos responsables e, se procede, tomarlles declaración. Entre as actuacións solicitadas figuran tamén a comprobación da situación administrativa e documental relacionada coa tenza e utilización de armas, así como a elaboración dun informe pericial balístico e outras dilixencias que permitan esclarecer os feitos.

Unha especie protexida

A poboación de candorcas do Estreito e do golfo de Cádiz está catalogada como vulnerable no Catálogo Español de Especies Ameazadas. O MITECO lembra que a Ley 42/2007, de Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, prohibe para as especies incluídas neste catálogo calquera actuación realizada coa finalidade de darlles morte, capturalas, perseguilas ou molestalas. A normativa española establece ademais medidas específicas de protección dos cetáceos, entre elas a prohibición de achegarse a menos de 500 metros dos animais, impedir o seu movemento, separar ou dispersar os grupos ou empregar sons ou outras actuacións para atraelos ou afastalos. Segundo o propio MITECO, o incumprimento destas medidas pode dar lugar a sancións de ata dous millóns de euros e tamén a responsabilidade penal.

No ámbito penal, disparar contra un exemplar dunha especie protexida podería encaixar nun delito contra a fauna protexida, para o que o Código Penal contempla penas de prisión de entre seis meses e dous anos, en función das circunstancias e da cualificación definitiva dos feitos.

Toñi en augas galegas

Mentres avanza a investigación, Toñi continúa o seu desprazamento polo Atlántico. O MITECO confirmou que o exemplar e o seu grupo foron avistados recentemente en augas galegas, e que, segundo os indicios dispoñibles, as feridas están evolucionando favorablemente. As candorcas desta poboación realizan longos desprazamentos e poden aparecer tanto no sur da Península como no litoral atlántico galego.

A presenza destes cetáceos en Galicia non é excepcional. De feito, o MITECO elaborou en 2026 un mapa específico das zonas do litoral galego con maior risco de interaccións con candorcas a partir dos datos históricos rexistrados por Salvamento Marítimo. Para estas áreas recomenda extremar as precaucións entre xullo e outubro.

O Ministerio tamén mantén a coordinación coas autoridades portuguesas. A directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, María Jesús Rodríguez de Sancho, está en comunicación co seu homólogo portugués, Nuno Miguel Soares Banza, presidente do Instituto da Conservación da Natureza e dos Bosques de Portugal, para abordar o caso, especialmente relevante ao situarse os presuntos disparos en augas deste país.

A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, asegurou que o Goberno continuará colaborando coa Fiscalía, a Garda Civil e as autoridades portuguesas para esclarecer o ocorrido e evitar que o dano causado ao animal quede impune. O Ministerio mantén tamén o seguimento da evolución das feridas de Toñi.

Comparte esta noticia