O informe Macroeólicos Galicia revela o impacto dos parques eólicos no territorio galego
O despregamento das industrias renovables de xeito intensivo e, en ocasións descontrolado, supón hoxe en día un problema para as comunidades dos territorios rurais. Así se puxo de manifesto onte na presentación do informe Macroeólicos Galicia, no Centro Cívico da Cidade Vella (A Coruña). Trátase dunha inciativa da Asociación Rural Contemporánea e o grupo de Mapas de MonferoDiNon, na que tamén colaboran outras plataformas veciñais como Afectad@s de Paderne, Aire Limpo nas Mariñas Mandeo, Asociación A-Legre, Ortegal Di Non, outros colectivos, comunidades de veciños/as e persoas a título individual. O obxectivo principal deste estudo é calcular o impacto dos parques eólicos (tanto construídos como proxectados) e as súas infraestruturas sobre o patrimonio cultural, ambiental, agropecuario, demográfico e turístico en Galicia.
O informe indica que o despregamento das industrias renovables supón hoxe un día un problema para as comunidades dos territorios rurais afectados e o resto da cidadanía. Centos de polígonos industriais proxéctanse entre 2020 e 2022 sobre as vidas e as terras das comunidades rurais e sobre as serras. Así, o estudo afirma que as nosas economías e actividades vitais están directamente relacionadas co patrimonio que está a ser ameazado polas infraestruturas industriais. Por todos estes motivos elaborouse este informe, que analiza o impacto real do modelo de transición enerxética que se está implantando no territorio.
De levarse a cabo todos os proxectos de parques eólicos que están actualmente en trámite en Galicia, o estudo indica que a comunidade contaría con 8.237 aeroxeradores, dos cales 4.026 están xa construídos. Así, un total de 106.878 vivendas quedarían dentro da superficie destes polígonos, das cales 13.122 estarían a menos de 500 metros dun aeroxerador. Ademais, o informe revela que o 12,17% da superficie do Camiño de Santiago, un total de 9.390 hectáreas, quedarían dentro destes polígonos industriais. Ademais, o 21,73% do Camiño, un total de de 16.766 hectáreas, estaría a menos de 2 quilómetros dun aeroxerador. Algúns dos máis afectados serían o Camiño Inglés, no tramo de Ordes a Carral e o Camiño Francés de Sarria a Portomarín.
O informe tamén analiza o impacto sobre o patrimonio cultural. Hai 38 elementos que son Ben de Interese Cultural (BIC) catalogados que quedan dentro destes polígonos. Algúns exemplos son o Mosteiro de Monfero, o Mosteiro de Caaveiro, o Castro de Borneiro, o Castelo de Moeche, o Castelo de Naraío, ou Dolmen de Pedra Mouro. Ademais, 169 elementos BIC quedarían a menos de 2 quilómetros dos parques eléctricos, entre eles o Castelo de San Felipe, o barrio de Ferrol Vello, o dolmen de Dombante, o Convento de San Francisco en Hervón ou o casco vello de Corcubión.
En canto ao patrimonio ambiental, o 8,7% do conxunto da Rede Natura 2000 queda dentro de polígonos eólicos, con 2.522 aeroxeradores. Mentres tanto, o 29,6% estaría a unha distancia menor de 2 quilómetros. Cabe destacar que a superficie protexida pola Rede Natura en Galicia é dun 11,74%, a máis pequena de todas as comunidades autónomas, polo que a Unión Europea leva anos reclamando a súa ampliación. Con este tipo de proxectos, os gobernos deixan aínda máis desprotexida unha zona que xa é vulnerable. En canto ás reservas da biosfera, tres das seis que hai en Galicia quedarían afectadas. En total, o 25,6% da superficie destas reservas estarían dentro de polígonos industriais. No que respecta aos parques naturais, 1.316 hectáreas da súa superficie quedan dentro de polígonos eólicos. Dos seis parques naturais que hai en Galicia, o parque natural Fragas do Eume é o máis afectado con dous polígonos proxectados sobre a súa superficie: Taboada e Pena do Corvo. O parque natural do Xurés sería outro dos máis perxudicados.
Por outra banda, con respecto ao patrimonio demográfico, o informe advirte do impacto que os parques eólicos teñen nos núcleos de poboación con menor número de habitantes. Segundo confirma o estudo, o 81,44% dos parques construídos e proxectados en Galicia ubícanse en concellos de menos de 5.000 habitantes, o que supón “unha clara contradicción coas políticas de despoboación do reto demográfico”. O mesmo acontece no sector do turismo, pois 35 aloxamentos turísticos quedan dentro de polígonos eólicos e 164 a menos de 2 quilómetros. Deste xeito, a instalación de aeroxeradores na contorna destes negocios afectaría negativamente a un sector que agora se atopa en pleno auxe.