O I Congreso Ibérico do Río Limia reunirá en maio en Ponte de Lima expertos e entidades de Galicia e Portugal
O I Congreso Ibérico do Río Limia converterá a vila de Ponte de Lima nun punto de encontro clave para a cooperación ambiental transfronteiriza os días 29 e 30 de maio de 2026. Durante dúas xornadas, as instalacións da Escola Superior Agrária do Instituto Politécnico de Viana do Castelo acollerán un foro aberto á participación de investigadores, administracións públicas, tecido asociativo e cidadanía interesada na preservación do río Limia. A iniciativa, promovida polo MoLima – Movimento para a Defesa do Rio Lima en colaboración coa ESA-IPVC, nace coa vocación de crear un espazo estable de diálogo entre Galicia e Portugal arredor da xestión compartida da conca.
O congreso contará tamén coa participación activa da Asociación Galicia Ambiental, implicada tanto na organización como no desenvolvemento do programa científico. En concreto, a entidade intervirá como relatora na primeira xornada cunha ponencia centrada na perda de biodiversidade e nas especies invasoras, e participará ademais nunha das mesas redondas do segundo día. O encontro será de entrada gratuíta, previa inscrición obrigatoria, e combinará relatorios científicos, mesas de debate, actividades participativas e propostas culturais co obxectivo de abordar de maneira integral os retos ambientais, sociais e económicos que afectan ao río.
O río Limia, que nace no monte Talariño, na provincia de Ourense, percorre arredor de 108 quilómetros antes de desembocar no Atlántico en Viana do Castelo, constitúe un eixo ambiental, económico e cultural compartido por dous países. Porén, a pesar da súa relevancia ecolóxica e socioeconómica, historicamente careceu dunha xestión coordinada entre ambas marxes, unha carencia que este foro pretende comezar a corrixir mediante o diálogo e a cooperación.
O programa estrutúrase arredor de dous días intensos de actividade científica, debate público e propostas participativas. A primeira xornada, o 29 de maio, arrincará coa sesión de apertura e unha conferencia inaugural, seguida dun bloque técnico centrado na ecoloxía e na calidade da auga. Neste panel abordaranse cuestións como a conservación de especies migradoras, a presenza de organismos como Fusarium limianum ou a perda de biodiversidade e a expansión de especies invasoras, con participación de especialistas de centros como MARE, CIIMAR ou CESAM .
Xa pola tarde, o foco trasladarase aos efectos do cambio climático e os riscos asociados, incluíndo sistemas de alerta ante cheas, así como á gobernanza do río, onde se analizarán modelos colaborativos de xestión de especies e experiencias como o Aquamuseu do Río Miño. Neste bloque incluirase tamén unha intervención específica sobre as causas e consecuencias da contaminación do Limia, a cargo do investigador galego Serafín González. A xornada completarase cun panel dedicado á economía do río e culminará nunha mesa redonda final baixo o título “Que modelo de cooperación queremos para o Limia?”, na que participarán representantes institucionais e empresariais de ambos países, abrindo o debate sobre unha gobernanza compartida.
O segundo día estará orientado á participación e ao intercambio de experiencias. A mañá acollerá varias mesas redondas centradas na cooperación transfronteiriza, os desafíos ambientais e climáticos, así como o papel da educación e da ciencia cidadá na protección do ecosistema fluvial. Nelas intervirán representantes de entidades galegas e portuguesas, incluíndo organizacións ecoloxistas e administracións locais. Xa pola tarde, o congreso incorporará unha dimensión máis social e cultural coa sesión “Historias do Río”, dedicada á memoria e ao coñecemento tradicional asociado ao Limia. Paralelamente desenvolveranse talleres prácticos, entre eles un sobre mostraxe de fauna piscícola mediante pesca eléctrica, outro centrado nas aves do río e un terceiro sobre plantas invasoras, xunto cunha oficina creativa que combinará debuxo, fotografía e artes escénicas.
Este primeiro Congreso Ibérico do Río Limia aspira así a sentar as bases dunha cooperación estable entre Galicia e Portugal arredor dun recurso compartido, integrando ciencia, sociedade e cultura nun mesmo espazo de reflexión e proposta.