O Grupo Parlamentario do PSdeG cuestiona o dispositivo contra incendios da Xunta de Galicia
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa dos deputados Carmen Rodríguez Dacosta e Martín Seco García, veñen de presentar unha Proposición non de lei en Pleno sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia en relación coa prevención e extinción de incendios forestais. Deste xeito, indican que o problema dos incendios en Galicia é o “abandono absoluto no que está o territorio, deste mundo rural desmantelado que o Partido Popular e o Goberno galego decidiu esquecer e seguen de facer logo de gobernar a Xunta de Galicia durante a maior parte da súa existencia”.
Así, o Grupo Parlamentario do PSdeG lembra a necesidade de consolidar e mellorar a eficacia do dispositivo contra incendios forestais. Neste sentido, “debería atender o Goberno galego ás achegas que se fixeron no Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia, a resultas da vaga de lumes que sufriu en Galicia en Outubro do 2017”. Por esta mesma razón, a Xunta tamén debería atender as conclusións e recomendacións que fixo o grupo de expertos en incendios forestais, recollidas nun documento que foi entregado no Parlamento no verán de 2019.
No documento xeral elaborado polo grupo de traballo presentáronse varias táboas sobre a distribución ideal das brigadas. Porén, o Grupo Parlamentario indica que nas táboas presentadas evidénciase unha forte distorsión e descompensación no reparto actual das brigadas con respecto do modelo proposto, “uns desaxustes que debería ter en conta a Consellería do Medio Rural á hora de definir e distribuír o operativo”. Por outra banda, o Grupo Parlamentario tamén ten advertido á consellería sobre a falla de dispoñibilidade de xefes de brigada. Polo tanto, os concellos en moitos casos non foron quen de constituílas e noutros que se constituíron quedaron inoperativas por baixas ocasionadas nesta categoría profesional. Trátase dunha problemática que tampouco está a ser solucionada polo Goberno galego.
O Grupo Parlamentario Socialista entende que o modelo que segue Medio Rural “non é axustado a realidade dos incendios, que necesita a creación dun dispositivo de extinción único, profesional, estable, formado e equipado para facer fronte ás circunstancias que a consecuenciado abandono que sufre o rural galego así como as condicións meteorolóxicas que acompañan o cambio climático que estamos a sufrir”. Así, considera que é preciso modificar o actual sistema de prevención, analizando as zonas abandonadas principalmente en Lugo e Ourense e elaborando o correspondente mapa de riscos segundo fixa a lei de incendios. O PSOE sostén que, até o de agora, todas as iniciativas presentadas de forma construtiva foron rexeitadas polo Grupo Parlamentario Popular, polo que o Grupo Parlamentario do PSdeG presenta agora unha proposición non de lei, que de saír adiante propón que: “O Parlamento de Galicia inste a Xunta de Galicia ao cumprimento das recomendacións aprobadas do Parlamento de Galicia do Ditame da Comisión especial non permanente de estudio e análises das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia.”
Por outra banda, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado Carmen Rodríguez Dacosta e Martín Seco García, presentaron outra Proposición non de lei en Pleno sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para dispor de persoal profesional para a prevención e extinción dos incendios forestais. O Grupo reclama un servizo de prevención e loita contra o lume “único, profesional, estable e equipado”. Así, indica que a prestación anual de todo o persoal non só trae consigo a estabilidade dun traballo, senón que tamén a mellora na prestación do servizo público. Deste xeito, o Grupo Parlamentario presenta a Proposición non de Lei que insta a Xunta de Galicia a:
1.- Velar polas condicións laborais dos brigadistas contratados pola empresa privada a resultas do contrato correspondente ao servicio integral de helicópteros e brigadas destinadas a defensa contra os incendios forestais para os anos 2020, 2021 e 2022.
2.- Creación dun servizo de prevención e loita contra o lume único, profesional, estable e equipado dependente da Xunta de Galicia”.