O Grupo Parlamentar do BNG insta á Xunta a actuar ante as denuncias contra a empresa SOGARISA
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa dos deputados Fernández Alfonzo e Daniel Pérez López e da deputada Carme González Iglesias, veñen de presentar unha Proposición non de lei para debate en Pleno e unha Pregunta para resposta oral en Pleno sobre as denuncias presentadas contra a empresa SOGARISA, situada no polígono do concello das Somozas. O BNG indica que un veciño do concello das Somozas presentou unha denuncia perante a Garda Civil na que se acusa a esta empresa de contaminar varias parcelas próximas ás instalacións industriais.
Segundo a denuncia, varias parcelas dedicadas á forraxe apareceron impregnadas do que parece ser o material empregado por SOGARISA, o que “evidencia que a entidade desatende as mínimas medidas de seguridade para evitar a súa propagación”. Ademais, un medio de comunicación local tamén se fai eco desta denuncia e acompaña a crónica dunha serie de fotografías que “conducen á mesma conclusión en canto á orixe da contaminación e á falta de medidas de seguridade por parte da empresa”.
Dende o BNG consideran que a preocupación da administración galega e a súa implicación debe ser “máxima e urxente”. Así, presentan a seguinte Proposición non de lei: “O Parlamento de Galiza insta a Xunta a esixir da empresa SOGARISA as medidas necesarias para impedir que os feitos denunciados podan repetirse de novo, así como que repare e indemnice todos os danos causados.” Ademais, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte Pregunta para resposta oral en Pleno: “Que actuacións ten previstas a Xunta de Galiza diante das denuncias de particulares contra a empresa SOGARISA por contaminación?”