O Festival Mar de Mares conciencia sobre o problema dos fondos mariños
A Gran Limpeza de Fondos Mariños do Festival Mar de Mares, unha das accións máis impactantes da iniciativa, evidencia a problemática que se agocha nos fondos mariños. A actividade, celebrada por segunda vez o sábado dende as 10:00 horas ata as 14:00 horas, reiuniu a máis dun centenar de mergulladores e unha trintena de voluntarios en terra, rematando coa recollida de dúas toneladas de lixo no fondo do mar do Parrote (A Coruña). Trátase dunha acción civil que, segundo Mar de Mares é “impactante, sobrecolledora e esperanzadora en canto ó poder que temos cando traballamos xuntos en favor do coidado do planeta”. Ademais, engade: “A magnitude do problema do lixo, ese que podemos ver e recoller, ofrece unha aproximación do que pode estar ocorrendo coas contaminacións visibles. Hai outras que tamén afectan ao mar: substancias químicas, contaminación acústica… Feitos constatados globalmente”.
Durante a limpeza, foron retirados residuos de todo tipo: latas de bebida, botellas de cristal, plásticos de todos os tamaños, neumáticos (incluso de camión), cordeis, chapas metálicas e incluso a batería dun barco. Isabel Rivadulla, directora de comunicación de Signus (empresa que colabora ca celebración do festival), participou como voluntaria na xornada de limpeza e asegurou que “o mar está cheo de plásticos e é moi fácil velo con accións coma esta”. Ademais, concordou coa importancia de concienciar á cidadanía, xa que por pouco que faga cada un xa se contribúe a que non aumente o problema.
O coordinador da limpeza de fondos mariños, Luis Cousillas, explicaba que os mergulladores coñecen o estado do mar, mais o resto da cidadanía non somos conscientes da súa situación. “Con este actividade, dende o Festival Mar de Mares queremos visibilizar e axudar a concienciar”, xa que todo o que se fai na superficie ten as súas consecuencias no mar. Cousillas expresou o seu orgullo ante esta iniciativa: “Estamos contentos porque axudamos a que o mar estea un pouco máis limpo”. Destaca que o material extraído é froito da acción humana, que rematou nas augas mariñas tanto deliberadamente como por accidente.