O CEIDA e a Deputación de Pontevedra organizan os próximos días 20 e 21 de decembro as Xornadas REVITALIZA
O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) organiza, xunto á Deputación de Pontevedra, as Xornadas REVITALIZA “Biorresiduos municipais retornando ao agro: co-compostaxe de residuos agro-gandeiros con municipais”. Estas xornadas terán lugar o luns 20 e o martes 21 de decembro, en horario de mañá e tarde. O lugar será o salón de plenos do Pazo Provincial da Deputación.
Os obxectivos das xornadas son promover o regreso dos nutrintes e materia orgánica contidos nos biorresiduos municipais ao entorno inmediato agrícula ou gandeiro; propoñer mecanismos que garantan a co-compostaxe eficiente de biorresiduos municipais con agro-gandeiros; obter constancia da “foto fixa” actual do “estado da arte” deste segmento a partir dos seus protagonistas activos; poñer en interacción a todas estas experiencias activas actuais neste campo; presentar os argumentos científicos/agronómicos que avalan a utilización co compost como sustrato; e presentar as experiencias que se están a xestar en diferentes lugares dentro deste ámbito.
En canto aos destinatarios desta iniciativa, cabe destacar que son múltiples: emprendedores, empresarios e autónomos interesados na economía circular; técnicos de distintas administracións locais vinculados á planificación e xestión municipal; responsables de medio ambiente e da xestion dos residuos das entidades locais; responsables da xestión e tratamento dos residuos procedentes da agricultura e gandería; responsables das administracións provinciais e autonómicas; actores implicados na xestión dos biorresiduos en xeral; e público interesado en xeral.
Por outra banda, a principal “idea-forza” das xornadas é a presentación, polo medio dos seus propios actores, do pasado, presente e futuro esperable para unha oportunidade tan innovadora como a posta en valor das sinerxias entre as xestións dos biorresiduos municipais cos do agro (agricultura e gandería). Este feito “afinca os seus pes nunha evidencia, cal é a do fluxo constante de nutrintres esenciais e da materia orgánica dende o agro até os concellos”. Así, resulta evidente que dito fluxo é consubstancial á realidade das cousas. Porén, o que non resulta tan evidente é que teña que descorrer nese sentido único “Agro-Concello”. cando o seu ancho de vía permite acollelo sentido de retorno “Concello-Agro”.
Así, será posible informar dende as experiencias activas sobre o terreo a día de hoxe a través dos seus propios protagonistas activos, para que se estableza unha interacción. Tendo presente que todas as realidades testadas “móvense nos círculos dos seus respectivos entornos inmediatos e das súas realidades concretas no que a residuos dispoñibles se refire, resulta que carecemos a día de hoxe dese mínimo corpus teórico común sobre o que documentar estratexias xerais solventes e exportábeis ao respecto”.
O anteriormente citado ocupará a primeira xornada que, malia constituír o elemento central da actividade, non chega para abordar outros aspectos que afectan ás implantacións solventes. Neste senso, a primeira parte da mañá da segunda xornada contará coas voces profesionais na aplicación industrial, na comercialización e no uso agronómicamente correcto dos diferentes compost. Na segunda parte da mañá desa segunda xornada, avanzarase nas iniciativas máis prometedores que se están xestando nas comunidades do país.
Cabe destacar que as prazas son limitadas e é imprescindible a inscrición. Porén, todas as sesións estarán sendo transmitidas en directo aberto e serán integramente gravadas para a súa posterior subida a YouTube. Para consultar a programación completa e información adicional, accede a esta ligazón.