O BNG presenta preguntas parlamentarias sobre a Memoria de xeración de residuos municipais e os datos de Sogama
Luis Bará Torres e Alexandra Fernández Gómez, deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) veñen de presentar unha serie de preguntas parlamentarias ao Goberno para resposta escrita sobre a valoración da Xunta con respecto dos resultados da Memoria de xeración de residuos municipais de 2019 e os datos de Sogama de 2020.
Ambos expoñen que recentemente fíxose pública a “Memoria de Generación y Gestión de Residuos de Competencia Municipal” correspondente ao ano 2019, “que inclúe a información subministrada polas Comunidades Autónomas sobre as cantidades de residuos recollidos e tratados procedentes dos fogares e do sector servizos, cuxa xestión é asumida polas entidades locais”. En canto a Galicia, a memoria recolle datos dun total de 1.185.822 toneladas de residuos recollidos, dos que 571.196 toneladas foron a incineración e 320.517 toneladas a vertedoiro. Segundo os datos de 2019, Galicia ocupa o terceiro posto pola cola en canto aos resultados (por detrás de Asturias e Melilla). En canto a cifras de recuperación e reciclaxe de residuos, “o noso país está por debaixo do 20%, moi lonxe do obxectivo do 50% marcados pola lexislación para 2020”.
Por outra banda, Bará e Fernández indican que os datos de Sogama correspondentes ao ano 2020 reflicten os seguintes resultados: reciclaxe: 162.210 t (17,58%); incineración: 525.160 t (58,91%); vertedoiro (rexeitamentos do CMC): 228.143 t (24,73%); vertedoiro (residuos directos): 5.463 t (0,59%); compostaxe: 1.741 t (0,19%). Destes datos reflíctese que os procedementos finalistas, contrarios á economía circular, alcanzan o 85% dos residuos (unhas 760.000 toneladas).
Cabe destacar que na información pública de Sogama presúmese de que o complexo de Cerceda ten a capacidade para tratar todos os residuos xerados en Galicia. Isto, segundo os deputados do BNG, contradí as normas e obxectivos europeos sobre economía circular, xerarquía de residuos, recollida separada de residuos e aplicación dos principios de autosuficiencia e proximidade. Ademais, esta situación sitúa a Galicia á cola do Estado na xestión dos residuos, “o que obriga a levar a cabo un cambio de 180 graos para cumprir a normativa vixente e cumprir os obxectivos marcados para 2025”.
Coa entrada en vigor da normativa derivada da Directiva Marco de Residuos, da Directiva de Envases e Programa para a Economía Circular, “vaise producir un importante cambio na xestión dos residuos, o que obriga a poñer en marcha actuacións no ámbito normativo, técnico, económico-fiscal, ambiental e formativo”. Esta revolución normativa abre moitas posibilidades en materia laboral, polo grande potencial da economía circular dos residuos e os tratamentos de proximidade para a creación de emprego. Os deputados do BNG indican que “estamos diante dunha grande oportunidade desde o punto de vista social, ambiental e económico”, polo que é imprescindible avanzar nun novo modelo moderno, avanzado e baseado nos principios da bioeconomía e a economía circular. Por todo o mencionado, formularon as seguintes preguntas:
“Que valoración fai a Xunta dos malos resultados obtidos pola nosa comunidade na Memoria de Xeración e Xestión de Residuos Municipais de 2019 e nos datos de SOGAMA do 2020?”
“Considera o goberno galego que é necesario un drástico cambio de rumbo na política de residuos, para lograr cumprir os obxectivos fixados na nova lexislación?”
“Vai fomentar a Xunta o tratamento de proximidade da materia orgánica, mediante o uso maioritario da compostaxe caseira e comunitaria e o tratamento en plantas dos biorresiduos que non sexa posíbel tratar in situ?”
“Cales son os datos de biorresiduos tratados na planta de Areosa en 2020 e 2021, as cantidades anuais enviadas por cada un dos concellos e a cantidade e clase de compost producida en cada unha desas anualidades?”
“Ten previsto o goberno galego colaborar coas entidades locais no desenvolvemento de ordenanzas de residuos, na implantación de medios de inspección, e na formación do persoal técnico necesario para o fomento da boa xestión dos residuos?”
“Que valoración fai a Xunta sobre sistemas de xestión dos biorresiduos como os implantados polo concello de Allariz (Allariz RE) e pola Deputación de Pontevedra (Revitaliza)?”
“Considera necesario o goberno galego desenvolver un plan para a creación de 3.000 novos empregos vencellados á economía circular dos residuos?”
Sobre a xornada “A rotura do mercado nos servizos públicos” organizada por OSUR
O BNG tamén presentou unha pregunta parlamentaria en relación a unha xornada organizada polo Observatorio de Servicios Urbanos (OSUR) sobre a rotura do mercado nos servizos públicos. Nos informes presentados nesta xornada fixéronse afirmacións graves sobre “concentración sospeitosa e destrución do mercado e da competencia” na contratación de Sogama. Diversos expertos cuestionaron os procedementos de licitación, os criterios de valorizaciñon e os resultados de contratación de Sogama. Así, formuláronse as seguintes preguntas para resposta escrita:
“Que valoración lle merecen á Xunta ás acusacións de concentración sospeitosa e destrución do mercado e da competencia nas adxudicacións de SOGAMA?”
“Que medidas ten previsto levar a cabo a Xunta en relación coa concentración de adxudicacións nun mesmo grupo empresarial?”
“Ten previsto o goberno galego revisar os criterios de valoración das ofertas?”