Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Medio Rural prorroga ata o 31 de agosto as medidas preventivas fronte á Dermatosis Nodular Contaxiosa do gando bovino

A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución pola que prorroga as medidas de prevención fronte á Dermatosis Nodular Contaxiosa (DNC), enfermidade vírica que afecta ao gando bovino. A decisión ten como obxectivo seguir protexendo a cabana bovina galega ante o risco sanitario existente e estará en vigor desde o 1 ata o 31 de agosto, ambos os dous días incluídos.

A resolución establece que estas medidas poderán volver prorrogarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade. Segundo sinala a Consellería, a decisión baséase na análise permanente do risco sanitario que realizan os Servizos Veterinarios Oficiais, que consideran conveniente manter polo momento as medidas cautelares implantadas en Galicia para continuar salvagardando as explotacións gandeiras da comunidade. Entre as disposicións que continúan vixentes figura a autorización para celebrar feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial. Non obstante, a participación nestes eventos seguirá limitada exclusivamente a animais procedentes de explotacións situadas en Galicia.

No caso dos vehículos de transporte procedentes de fóra da comunidade autónoma que acudan a estes encontros, a resolución obriga a que accedan ás instalacións baleiros e tras seren sometidos aos correspondentes procesos de limpeza, desinfección e desinsectación. Así mesmo, a celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas ou exhibicións continuará requirindo a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. De autorizarse a súa celebración con presenza de animais, estes tamén deberán proceder unicamente de explotacións galegas.

Outro dos aspectos que se manteñen é o período de vixilancia veterinaria oficial de 28 días para todos os bovinos destinados a vida que procedan de explotacións situadas fóra de Galicia. Este prazo computarase desde a data de incorporación dos animais á explotación de destino dentro da comunidade. Como consecuencia desta medida, todas as explotacións que incorporen bovinos procedentes doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro quedarán sometidas a unha inmobilización cautelar durante ese mesmo período. Esta restrición non afectará só aos animais recentemente incorporados, senón tamén a todos os bovinos que xa estivesen presentes na explotación no momento da súa chegada.

A resolución tamén mantén a obrigatoriedade de desinsectar todos os bovinos presentes na explotación que reciba animais procedentes de fóra de Galicia. Do mesmo xeito, deberán ser desinsectados todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada na comunidade, tanto cando transporten animais destinados a vida como cando o seu destino sexa o sacrificio. Neste último caso, seguirá permitíndose a entrada sempre que os animais sexan trasladados directamente ao matadoiro.

Os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural continuarán realizando todas as actuacións necesarias para garantir o cumprimento destas medidas. Entre elas inclúense a inmobilización das explotacións cando corresponda, a vixilancia sanitaria, a comprobación da correcta desinsectación dos animais e das explotacións, así como o control das condicións de limpeza, desinfección e desinsectación dos vehículos de transporte. Estes labores levaranse a cabo coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A Xunta insiste, en todo caso, en trasladar unha mensaxe de tranquilidade tanto ao sector gandeiro como á cidadanía. A Administración autonómica lembra que, na actualidade, non existe constancia de ningún caso de Dermatosis Nodular Contaxiosa en Galicia e subliña que esta enfermidade non se transmite ás persoas, nin por contacto directo cos animais infectados, nin mediante o consumo dos seus produtos, nin tampouco a través dos vectores transmisores. Paralelamente, a Consellería do Medio Rural continúa reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación na xestión desta situación sanitaria. En concreto, solicita unha estratexia clara de coordinación entre todas as comunidades autónomas que permita aplicar medidas homoxéneas de control da enfermidade e ofrecer maior seguridade e certezas ao sector gandeiro, especialmente no caso de que sexa necesario activar indemnizacións.

Ademais, a Xunta tamén reclama ao Ministerio que lidere, no ámbito da Unión Europea, a posta en marcha dunha vacina marcada que poida utilizarse con carácter preventivo. Xunto a isto, solicita que se revise a actual clasificación da Dermatosis Nodular Contaxiosa como enfermidade de categoría A (a de maior gravidade na normativa sanitaria), ao considerar que esta cualificación supón importantes esixencias para o sector gandeiro. Tamén pide que a enfermidade sexa incluída no sistema de seguros agrarios. A Dermatosis Nodular Contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta capacidade de difusión que pode ocasionar importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como no conxunto do sector bovino do territorio onde se detecte a súa presenza. Con todo, as autoridades sanitarias reiteran que non representa  un risco para a saúde das persoas.

Comparte esta noticia