Medio Rural estima unha vendima de ata 81 millóns de quilos de uva nas cinco denominacións de orixe galegas
A Consellería do Medio Rural estima que a produción de uva nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas poderá situarse arredor dos 81 millóns de quilos durante a campaña de vendima deste ano, unha cifra que sería a máis alta rexistrada ata o momento se as condicións meteorolóxicas se manteñen favorables.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, deu a coñecer estas previsións durante unha visita ás Bodegas Ladairo, no concello ourensán de Oímbra, onde sinalou que a evolución meteorolóxica das últimas semanas está a favorecer o desenvolvemento da campaña. No caso da DO Monterrei, á que pertence a adega visitada, as estimacións apuntan a unha produción duns 8,5 millóns de quilos de uva. En Rías Baixas prevese unha colleita similar á do pasado ano, mentres que Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras agardan superar os rexistros da vendima de 2025.
En relación co calendario da campaña, a conselleira explicou que continúa a tendencia ao adianto da vendima. Na maioría das denominacións de orixe a recollida da uva está prevista para mediados de agosto, mentres que en Monterrei se iniciará previsiblemente a finais dese mes ou a comezos de setembro. Durante a visita, Gómez destacou que as denominacións de orixe continúan sendo un elemento diferenciador para os viños galegos e indicou que o obxectivo pasa por seguir reforzando o seu posicionamento a través da calidade e do valor engadido.
Medio Rural lembrou tamén que a Xunta destina arredor de 12 millóns de euros anuais ao sector vitivinícola mediante diferentes liñas de apoio, entre elas as destinadas á reestruturación e reconversión do viñedo, á transformación e comercialización de produtos vitivinícolas, á promoción en terceiros países e á conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Ademais, fixo referencia ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano con 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025, co obxectivo de impulsar a promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada e mellorar o seu posicionamento nos mercados.