Lei de espectáculos públicos
A Xunta publica a nova lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia
É a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación para este tipo de actividades na comunidade autónoma
02-01-2017
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar hoxe a nova Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Esta lei establece o réxime xurídico dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia é a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e de carácter global desta materia e pretende encher o baleiro normativo autonómico existente na actualidade, todo iso co obxecto de acadar un marco normativo adecuado á realidade da sociedade actual conforme cos novos parámetros sociais e culturais, atendendo á actual xeneralización e diversicación das actividades relacionadas co ocio, que obriga a atopar equilibrio entre as distintas sensibilidades, dereitos e obrigas das persoas que organizan, das persoas espectadoras ou usuarias e das persoas alleas a estas actividades, acredoras do dereito ao descanso e a unha convivencia normalizada, e garantindo un equilibrio entre o principio de liberdade e o principio de seguridade e convivencia.
Estrutura
A lei está estruturada en catro títulos, que comprenden corenta e dous artigos, unha disposición adicional, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e seis disposicións derradeiras.
O título I, baixo a denominación de disposicións xerais, regula o obxecto e o ámbito de aplicación da lei, recolle as exclusións e establece as definicións dos conceptos esenciais ás que fará referencia o texto da norma. Tamén se enumeran nel as competencias autonómicas e as municipais. Inclúense neste título os espectáculos públicos e as actividades recreativas prohibidos. Regúlanse tamén a exixencia de seguro e as relacións entre as administracións públicas de Galicia na xestión dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, que están presididas polos principios de cooperación e colaboración administrativa e créase a Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia.
O título II regula a apertura dos establecementos abertos ó público e a celebración dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
O título III regula a organización e o desenvolvemento dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
O título IV divídese en catro capítulos que inclúen o réxime de vixilancia e de inspección, a apertura de expediente sancionador, as tipoloxías das infraccións e establécese a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores, que corresponderá ós concellos e ós órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma, segundo os casos.
Disconformidade
Colectivos de corte ambiental xa amosaron o seu descontento coa nova lei á que califican de «xenérica ou pouco determinante» en aspectos ambientais e de protección animal (ex. circos) e de aqueles que teñen á natureza como escenario (ex. motor).
Consulta a norma completa na nosa sección de Eco Lexislación