Industria do eucalipto
Dezaoito organizacións galegas levan ó Parlamento Europeo as desfeitas da industria do eucalipto
No marco das xornadas «Defensa do patrimonio galego fronte á eucaliptización» organizadas polo grupo GUE/NGL do Parlamento Europeo, 18 organizacións levan a Bruxelas a problemática do eucalipto en Galicia
11-12-2017
Reunidos en Bruxelas unha serie de colectivos preocupados pola xestión do patrimonio cultural, parten dunha máxima que consideran necesaria “a xestión sustentable do monte conforme a súa multifuncionalidade ambiental, económica, social, cultural e patrimonial”. O primeiro principio da Lei de Montes de Galicia de 2012. A Lei estatal do 2003 tamén comeza de xeito similar, mais en ambos casos esta multifuncionalidade da que falan ó comezo parece que se esquece rapidamente.
Se xa partimos dun marco legal escaso a política forestal que se está aplicando en Galicia está provocando a uniformidade dos nosos montes, con plantacións masivas de eucaliptos, que acadaron xa as 500.000 hectáreas de superficie. O modelo forestal da Xunta está feito á medida dos intereses das celulosas, que son as únicas favorecidas polos monocultivos de eucaliptos e respaldadas tamén polo Goberno do Estado con medidas como a prórroga de 60 anos da concesión de ENCE na ría de Pontevedra. Converter o rural galego nunha reserva de madeira, hipoteca e condiciona o seu futuro e implica máis lumes forestais.
Os eucaliptos son especies que se ven favorecidas polos lumes e as súas plantacións inciden na maior frecuencia e intensidade dos lumes. Empregando datos do Inventario Forestal Estatal de 2009, cuantificamos que o eucalipto arde 3,55 veces máis que os carballos e demais frondosas, relacionando superficie total ocupada e terreo ardido. A problemática dos incendios é multicausal, e dos múltiples factores que favorecen un lume e aumentan os seus impactos hainos conxunturais e estruturais. É moi difícil actuar sobre os primeiros, son os factores meteorolóxicos, e a situación irá cada vez a peor pola mudanza climática, con períodos de seca máis longos, ventos máis fortes… Son os factores estruturais, o modelo forestal, os que se poden correxir.
Dende 1995 en Galicia hai uns 10.000 lumes cada ano. Cada un deles ten consecuencias sobre o patrimonio natural, como cambios na biodiversidade, perda de solo e contaminación da auga e da atmosfera, e perdas económicas. Moitos deles afectan a elementos significativos do noso patrimonio cultural. Cando se plantan eucaliptos en terreos agrarios, cando non se respectan as distancias coas poboacións e coas vías de comunicación, so fai falta unha faísca para facer do monte unha trampa sen saída. Este ano xa morreron 4 persoas en Galicia e máis de 100 en Portugal. Con lumes que xa non se poden controlar a situación é moi grave.
Propostas
Para reverter esta situación, dende ADEGA propoñen:
A moratoria para novos plantíos de eucaliptos, como xa se fixo en Portugal, país onde ocupa menos do 9% da superficie, mentres que en Galicia acada case o 17%.
A prohibición do Eucalyptus nitens, que é unha árbore considerada polo Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente como unha “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”. É dicir, recoñecen que é unha Especie Exótica Invasora aínda que non se considere legalmente como tal. A súa prohibición é necesaria, aplicando o principio de precaución, e axudaría a evitar o impacto ambientais colaterais como a degradación do hábitat ou favorecer outras invasións como a da Vespa velutina ou a Acacia dealbata.
Tamén lle reclaman ás Administracións o cumprimento da lexislación de montes. Dende ADEGA teñen claro que a Xunta non ten a intención de limitar o eucalipto no territorio galego nin tampouco ten vontade de facer cumprir a Lei de montes. Se así fora, a Consellería de Medio Rural tería que presentar cada ano milleiros de denuncias tanto por plantacións ilegais como por talas do bosque autóctono, ou polo menos facer algo máis que resolver o 37% das 150 denuncias anuais que presenta ADEGA. E se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tivera a vontade de facer cumprir a Lei debería abrir máis de 2 expedientes sancionadores despois das 60 denuncias presentadas por Mariña Patrimonio e ADEGA contra a industria forestal por danos a mámoas, dolmens, castros ou petroglifos.
Ademais da Xunta, tamén a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a incumprir as súas propias normativas, como a prohibición das plantacións de especies alóctonas a menos de 100 metros dos cursos fluviais. Sen embargo, interpreta que a plantación ten que afectar a vexetación autóctona; poñendo en perigo a conservación de lugares tan emblemáticos como o nacemento do río Miño, no Pedregal de Irimia.
Para rematar, apostan pola xestión sustentable dun monte multifuncional; e debe ser a sociedade quen promova accións e medidas fronte a eucaliptización e os lumes forestais. Para logralo debemos cambiar o actual modelo forestal por un válido a longo prazo, que favoreza o asentamento da poboación no rural, que aproveite os recursos de xeito sustentable e que poña en valor o bosque autóctono.