Greenpeace pide un Tratado Global que protexa o 30% da superficie dos océanos para 2030
Voluntarios e voluntarias de Greenpeace veñen de acudir á Illa de Cortegada (pertencente a un dos catro arquipélagos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia) para alertar sobre a crise que sofren os nosos océanos a nivel planetario. Despregaron pancartas con lemas como “O tempo esgótase para os nocos océanos. Actúa xa”. Así, a ONG quixo alertar sobre a necesidade de coidar os océanos e pedir ao Goberno do Estado a súa implicación (coa coordinación dos diferentes ministerios implicados) na xuntanza que terá lugar en marzo nas Nacións Unidas para tratar esta emerxencia ambiental. Deste xeito, Greenpeace uniuse á recolleita de sinaturas a nivel internacional para lograr un Tratado Global que protexa o 30% da superficie dos océanos no planeta para 2030.
Segundo a organización, case catro millóns de persoas en todo o mundo e máis de duascentas mil en España uníronse a esta petición. “O apoio da cidadanía será chave nos vindeiros meses para conseguir un Tratado Global que sexa sólido, é dicir, que realmente supoña unha xestión completa e integrada de tódalas actividades, desde a pesca en augas internacionais, á incipiente concesión de licenzas da minería submarina”, indica Greenpeace.
A organización indica que “os océanos e as especies que os habitan ven como se multiplican as ameazas á súa supervicencia. Namentres, os gobernos do mundo pasaron anos atrasando as decisións que poderían pór fin a esa desprotección”. En 10 anos, entre 2000 e 2010, censáronse máis de 6.000 novas especies descoñecidas ata a data en augas abertas e unicamente se investigaron un 0,002% dos 170.000 montes submarinos que existen. A organización resalta que a actividade humana vai esquilmando cada vez máis os nosos océanos: en máis da metade dos nosos mares, o 55% da súa superficie, desenvólvense actividades pesqueiras e un 59,9% das poboacións de peixes analizadas están explotadas ata o seu rendemento máximo sostible.
A importancia do tratado é tal que suporía ter un mecanismo global para o establecemento dunha rede de santuarios oceánicos ben xestionados, permitindo á comunicade internacional cumprir o obxectivo «30×30». Isto suporía a protección do 30% do mar antes de 2030. Por outra parte, dispor, como Constitución dos Océanos similar aos Acordos do Clima, mecanismos efectivos de toma de decisións que impidan que algúns países bloqueen ou atrasen decisións. Ademais, o tratado permitiría regular actividades como a pesca ou a extracción de minerais para xestionar as múltiples presións ás que se enfrontan as augas internacionais.
“Chegou o intre de pór as palabras en práctica e que os gobernos, especialmente o Goberno Estatal, encabece as negociacións nas Nacións Unidas para garantir un tratado sólido que regule as actividades en alta mar e que prime a protección no 70% do noso planeta, que é ‘terra de ninguén’”, indicou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia. Ademais, pediu que se lle dea a importancia que se debe ao Tratado Global dos Océanos e ao momento histórico, pois aínda non se lle está a dar a relevancia diplomática internacional que se merece.