Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Greenpeace, o Movemento Ecoloxista da Limia e a SGHN reclaman cambios no proxecto de Decreto de Nitratos da Xunta

Greenpeace, o Movemento Ecoloxista da Limia e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) presentaron alegacións ao Proxecto de Decreto de Nitratos da Xunta de Galicia, actualmente aberto á participación pública ata o vindeiro 3 de setembro. As organizacións consideran que o texto debe ser reformulado para que sirva realmente para reducir e previr a contaminación por nitratos procedente do sector agropecuario e, especialmente, da gandaría intensiva.

As organizacións cuestionan o enfoque adoptado pola Xunta no borrador e consideran que o documento dedica unha parte excesiva da súa extensión a poñer en dúbida a relevancia da contaminación por nitratos de orixe agraria en Galicia. Segundo sinalan, máis da metade do preámbulo e case un terzo da extensión total do proxecto de decreto están destinados a cuestionar as evidencias existentes sobre o peso desta contaminación, o que, ao seu xuízo, está a atrasar a adopción de medidas correctoras.

Un dos principais puntos de discrepancia está na ausencia de zonas vulnerables aos nitratos declaradas en Galicia. Segundo recollen as organizacións nas súas alegacións, a Xunta xustifica esta situación pola inexistencia dunha acreditación suficiente da orixe agraria da contaminación.

O propio borrador sinala que non se dispoñería aínda de datos definitivos e concluíntes aprobados pola autoridade competente sobre as presións agropecuarias, urbanas e doutras fontes que poidan considerarse significativas. Por este motivo, a Administración autonómica considera que non procedería a designación de zonas vulnerables mentres non estea acreditada, mediante as probas correspondentes, a orixe agraria dos compostos nitroxenados detectados e a súa contribución significativa á contaminación.

Greenpeace, o Movemento Ecoloxista da Limia e a SGHN estiman, pola contra, que os datos dispoñibles permiten identificar o peso das distintas fontes de contaminación. En concreto, lembran que os Plans Hidrolóxicos vixentes inclúen información sobre a presión derivada das escorrentías urbanas e do saneamento, así como sobre os excedentes de nitróxeno de orixe agraria asociados aos cultivos de secaño e regadío e á actividade gandeira, tanto estabulada como non estabulada.

O caso da conca do Limia

As organizacións poñen como exemplo a situación das augas afectadas oficialmente pola contaminación por nitratos no encoro das Conchas e reclaman que se declare como zona vulnerable a conca do Limia augas arriba da presa. Segundo os datos que achegan, a presión derivada das «escorrentías urbanas e alcantarillado» sería moi baixa nesta zona, cunha superficie urbanizada que representa aproximadamente entre o 1 % e o 4 % do territorio.

No caso da actividade agraria, os excedentes de nitróxeno asociados aos cultivos de secaño e regadío situaríanse entre 1 e 10 kg por hectárea e ano, mentres que os correspondentes á gandaría non estabulada estarían entre 2,5 e 15 kg/ha/ano. A situación sería diferente no caso da gandaría estabulada. Segundo os datos citados polas entidades, o excedente de nitróxeno asociado a esta actividade situaríase entre 20 e 102 kg/ha/ano na maior parte da conca. As organizacións sosteñen que esta actividade sería responsable de entre o 80 % e o 85 % do excedente de nitróxeno de orixe agraria.

Unha carga gandeira moi superior á poboación

As entidades tamén recorren ás estatísticas oficiais correspondentes ao ano 2020 para dimensionar a carga gandeira existente na conca do Limia ata o encoro das Conchas. Segundo estes datos, a zona soportaba unha carga de 111.500 unidades de gando maior (UGM). As organizacións sinalan que, en termos de produción de feces e ouriños, esta carga equivalería aproximadamente á xerada por dous millóns de persoas, fronte a unha poboación de 24.736 habitantes.

A partir destas cifras, calculan que a produción de feces e ouriños procedente da gandaría sería unhas 80 veces superior á correspondente á poboación humana da zona. A situación da gandaría galega tamén aparece reflectida, segundo as organizacións, nun informe recentemente elaborado pola Comisión Europea sobre a aplicación da Directiva de Nitratos durante o período 2020-2023. O documento sitúa a carga gandeira de Galicia en 2,3 UGM por hectárea, só por detrás de Cataluña, con 3 UGM/ha, e por riba da media estatal e europea, situada en 0,7 UGM/ha.

Reclaman limitar o crecemento das explotacións intensivas

As tres organizacións consideran que o futuro Decreto de Nitratos debería incorporar medidas concretas para reducir a contaminación, entre elas unha redución do uso de fertilizantes sintéticos e, especialmente, a prohibición de novas explotacións gandeiras ou da ampliación das xa existentes en determinadas circunstancias. En concreto, propoñen aplicar esta limitación nos municipios nos que o balance de nitróxeno supere a media de Galicia, que sitúan aproximadamente nos 41 kg de nitróxeno por hectárea e ano.

Tamén reclaman que se aplique nos municipios nos que a concentración de nitratos nas augas aumentase en máis de 5 mg/l entre 2016 e 2024, tomando como referencia os datos dispoñibles no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC).

Outra das condicións propostas estaría relacionada co incremento das unidades de gando maior por unidade de superficie agraria útil. Segundo a súa proposta, debería impedirse o aumento da carga gandeira cando este incremento supoña superar os niveis de carga recomendados pola Unión Europea no polígono de concentración parcelaria correspondente ou, no caso de non existir concentración parcelaria, na parroquia na que estean situadas as parcelas.

Finalmente, as organizacións propoñen reducir polo menos un 50 % a cabana gandeira en réxime intensivo antes de 2030. Consideran que estas medidas deberían formar parte do futuro Decreto de Nitratos para abordar de maneira efectiva o problema da contaminación das augas en Galicia e, especialmente, nas zonas onde os datos apuntan a unha elevada presión asociada á actividade agropecuaria.

Comparte esta noticia