Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Greenpeace lembra os 30 anos do colapso de Bens cunha recollida de residuos na Praia

Trinta anos despois do colapso do vertedoiro de Bens, Greenpeace quere lembrar a catástrofe e as súas consecuencias cunha acción cidadá na praia de Bens. A organización convocou para este sábado, 12 de setembro as 11:00 horas, unha xornada de recollida e auditoría de residuos na que pretende recuperar a memoria do sucedido e poñer o foco na actual crise da contaminación por plásticos.

O 10 de setembro de 1996, o vertedoiro de Bens, na Coruña, sufriu un dos maiores desastres ambientais rexistrados en Galicia. O exceso de residuos acumulados, as filtracións e a concentración de gases provocaron o desprendemento dunha enorme masa de lixo que se precipitou pola ladeira cara a O Portiño.

Arredor de 200.000 toneladas de residuos urbanos desprazáronse montaña abaixo, afectando vivendas, instalacións pesqueiras, embarcacións e vehículos. O accidente provocou tamén a morte do veciño Joaquín Serantes, cuxo corpo nunca chegou a ser recuperado. Parte dos residuos acabou directamente no mar, provocando unha importante contaminación e un forte cheiro que se mantivo durante semanas.

A catástrofe puxo tamén o foco nas condicións nas que funcionara o vertedoiro durante as dúas décadas anteriores, no que se acumulaba o lixo da cidade da Coruña sen un tratamento previo e sen os controis ambientais que hoxe se considerarían imprescindibles. Ademais, posteriormente coñecéronse informes técnicos que xa advertían de problemas de drenaxe e do risco de desprendementos.

Nos días posteriores ao accidente, Greenpeace desprazou ata as proximidades de O Portiño o seu buque Sirius. Desde o mar, activistas da organización exhibiron unha pancarta co lema «Reduce, Reutiliza, Recicla» e mantiveron un encontro co daquela alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, para reclamar un cambio no modelo de xestión dos residuos.

De Bens a Nostián

A recuperación da zona requiriu unha intervención de máis de 10.000 millóns de pesetas. O antigo vertedoiro foi posteriormente selado e restaurado ambientalmente, dando lugar ao actual Parque de Bens, cunha superficie aproximada de 600.000 metros cadrados.

O accidente tamén contribuíu a impulsar cambios na xestión dos residuos municipais na Coruña e abriu o camiño á posta en marcha, en 1999, da planta de Nostián. O seu modelo apostaba pola separación dos residuos, a recuperación de materiais e a compostaxe, fronte á opción da incineración.

Tres décadas despois, porén, Greenpeace considera que Nostián atravesa unha situación que pon en cuestión a continuidade dese modelo. A organización sinala a falta de investimentos, unha concesión que leva anos caducada e os atrasos na contratación dunha nova xestión adaptada ás actuais esixencias europeas. Segundo Greenpeace, estas circunstancias contribuíron a unhas baixas taxas de recuperación, ao envío de grandes cantidades de residuos a vertedoiro e a conflitos laborais e operativos.

Para Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, o aniversario de Bens debe servir para lembrar que a existencia dunha infraestrutura de tratamento non é suficiente se non vai acompañada de investimento, modernización e políticas destinadas a reducir os residuos desde a súa orixe. A organización confía en que o novo concurso para a planta, cuxo prazo remata nos próximos días, permita resolver a situación.

Do lixo acumulado en Bens á crise dos plásticos

Greenpeace aproveita o 30 aniversario para vincular a lembranza da catástrofe coa actual crise mundial provocada pola contaminación por plásticos. A organización alerta de que cada ano poden chegar aos mares e océanos ata 12 millóns de toneladas destes residuos e lembra que, a escala mundial, menos do 10 % do plástico producido foi reciclado.

Ante esta situación, reclama un acordo internacional vinculante no marco do Tratado Global dos Plásticos das Nacións Unidas que estableza, entre outros obxectivos, unha redución de polo menos o 75 % da produción mundial de plástico para 2040.

Entre as medidas que defende están a eliminación dos produtos e envases dun só uso, a implantación en España do Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR), o reforzo da reutilización fronte ao reciclaxe, unha maior responsabilidade das empresas produtoras e distribuidoras sobre os residuos que poñen no mercado e a prohibición dos microplásticos engadidos.

Recollida de residuos na praia de Bens

A actividade do sábado, 12 de setembro, desenvolverase entre as 11:00 e as 14:00 horas na praia de Bens. Ademais da recollida comunitaria de residuos, Greenpeace realizará unha auditoría das marcas presentes nos refugallos, un proceso destinado a analizar, clasificar e cuantificar os residuos recollidos para coñecer mellor a súa composición e procedencia. Con esta acción, a organización pretende que o aniversario do desastre de Bens sirva non só para lembrar o acontecido en 1996, senón tamén para reclamar cambios na forma de producir, consumir e xestionar os residuos.

Comparte esta noticia