Greenpeace e o estaleiro Freire colaboran para a construcción dun novo barco ecolóxico en Galicia
Greenpeace Internacional anuncia que chegou a un acordo co estaleiro vigués Freire para comezar a construción dun novo barco ecolóxico. O buque será líder na construción naval ecolóxica e responsable á vez que “demostrará que é posible aumentar a capacidade marítima” e ao mesmo tempo reducir de forma significativa a pegada de carbono.
O Estaleiro Freire, de Vigo, será responsable da construción do novo barco de Greenpeace. Despois dunha licitación extensa, a organización elixiu este estaleiro por ser capaz de construír este novo buque cos estándares máis altos de dereitos humanos, sustentabilidade e medio ambiente. Tratarase dun veleiro deseñado para utilizar a menor cantidade de combustibles fósiles desde o seu lanzamento, e para facer a transición a enerxía 100% verde tan pronto como sexa posible, tanto técnica como logísticamente.
A organización declarou que iniciará unha campaña de recadación de fondos cando empece a construción do barco "para poder financiar o que será unha plataforma única e poderosa para campañas polo medioambiente e a paz".
Greenpeace quere que os seus barcos simbolicen "os principios e valores da organización", por ser "globais e innovadores" e, que con eles poidan levar a cabo operacións arriscadas. A frota permitirá á organización chegar a lugares que "non son visibles para a maioría", así como tamén "confrontar aos saqueadores e contaminadores en alta mar e mostrar a beleza oculta dun mundo polo que merece a pena loitar", anunciaron nun comunicado.
Greenpeace expón que hai que "liderar solucións innovadoras que minimicen a explotación da natureza e que constrúan un futuro verde e en paz para todas as persoas", ademais de esixir responsabilidades a aqueles que destrúen o medio ambiente.