Galicia, unha das zonas de España máis afectadas polo radón
Galicia, xunto con Extremadura e certas zonas de Madrid, é un dos territorios de España máis prexudicadas polo radón, un gas radioactivo que se produce de forma natural no subsolo. Segundo Vive sin radón, un programa da Fundación Vivo Sano, este gas está presente en grandes concentracións, especialmente nos terreos de composición granítica. Mentres que ao aire libre dilúese e non supón ningún risco, pode chegar a filtrarse ao interior dos inmobles a través de brechas en sotos e cimentos, onde se acumula o aire que respiramos. Tanto é así que o radón provoca cada ano máis de 1.500 mortes en España, sendo a primeira causa de cancro de pulmón en non fumadores e a segunda en fumadores. A OMS clasificou a este gas hai 33 anos como grupo 1, o que significa que é canceríxeno para os humanos.
Segundo datos da Consellería de Sanidade, polo tipo de solo en moitas zonas galegas (rica en uranio) existe unha alta probabilidade de emanación de radón, podendo chegar incluso a alcanzar concentracións elevadas nalgunhas das vivendas de Galicia. Porén, esta probabilidade é maior en certas zonas, pois as concentracións de radón nun edificio varían de forma substancial coa situación xeográfica. É difícil predecir se os niveles deste gas serán elevados nunha vivenda concreto, polo que a mellor forma de coñecer se hai unha concrentración elevada é medir o radón presente no domicilio.
Porén, malia non ser un substituto directo do que se espera atopar nun municipio concreto, é posible coñecer a maior ou menor probabilidade de presencia do gas facendo mapas que reflicten a súa emanación. O Servizo Galego de Saúde indica que en España existen os mapas de radón ou de potencial de radón, unha das máis valiosas fontes de información radiolóxica ambiental do país: o Mapa do potencial de radón en España (CNS); o Mapa MARNA (CNS), e o Mapa de Radón de Galicia (USC). Este último, centrado na comunidade galega, é o resultado dun traballo de medicións de radón interior nos domicilios galegos polo Laboratorio de Radón de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela dende o ano 2001. Grazas a este mapa, os cidadáns poden coñecer a probabilidade de ter determinadas concentracións deste gas nos seus respectivos municipios.
Vive sin radón
Vive sin radón é un programa da Fundación Vivo Sano destinado a concienciar e informar á poboación sobre os riscos do radón, así como a asesorar sobre as distintas formas de protección fronte a este gas. O sitio inclúe varios mapas interactivos para a consulta das zonas de risco e a aplicación das normativas recollidas no Código Técnico da Edificación (CTE). No caso de que a vivenda ou centro de traballo se atopen nunha zona con elevado risco deste gas, a organización recomenda realizar unha avaliación técnica do inmoble, xa que pode derivar en problemas de saúde a longo prazo.
O responsable do proxecto, José Miguel Rodríguez, indica que a maioría da poboación descoñece a existencia deste gas e as súas implicacións na saúde. España está na obriga ter unha normativa que protexa aos cidadáns dos efectos do radón, que debería estar promulgada antes do 6 de febreiro do 2018 (data límite establecida pola Directiva 59/2013/EURATOM para todos os países da UE). Porén, están a punto de cumprirse catro anos desa data límite. Ademais, o descoñecemento sobre o radón tamén é considerable entre os profesionais da construción. O CTE non incluíu esixencias de seguridade respecto a este gas radioactivo nos edificios ata finais do 2019, malia que a UE levaba recomendándoo dende 1990. Así, Rodríguez advirte da urxencia de reaccionar e facer algo ao respecto, xa que se trata dun problema de saúde pública que pode ter graves consecuencias pero que, á vez, é facilmente evitable.