Galicia sofre unha nova vaga de incendios que arrasa máis de 1.000 hectáreas en catro días
Galicia volve enfrontar unha devastadora onda de incendios forestais en pleno verán. En tan só catro días, máis de 1.000 hectáreas de superficie forestal foron arrasadas polas chamas en catro grandes focos, principalmente nas provincias da Coruña e Ourense. Aínda que a situación mellorou nas últimas horas, con varios incendios xa controlados ou extinguidos, o balance provisional evidencia o impacto dun episodio que volve poñer en alerta ao sistema de prevención e extinción de incendios forestais na comunidade.
Simultaneamente, o norte de Portugal atravesa unha crise similar, con máis de trinta incendios activos e miles de hectáreas queimadas, especialmente nos distritos de Vila Real, Braga e Viana do Castelo. As condicións meteorolóxicas extremas agravaron a expansión dos lumes a ambos os dous lados da fronteira.
Galicia perdeu máis de mil hectáreas de superficie forestal desde o pasado venres en catro grandes incendios concentrados nas provincias de Ourense e A Coruña, no que xa se considera unha das peores ondas do verán.
O máis devastador foi o de Vilardevós (Ourense), que alcanzou unhas 570 hectáreas, obrigando a activar a Situación 2 de emerxencia pola súa proximidade a vivendas. A intervención foi masiva, con decenas de brigadas, medios aéreos e apoio da Unidade Militar de Emerxencias. Xa foi controlado.
O incendio declarado o pasado sábado 2 de agosto na parroquia de Cospindo, no municipio coruñés de Ponteceso, foi dado por extinguido ás 23:17 horas do luns. A superficie total afectada ascende a 245,38 hectáreas, das cales 215,38 corresponden a monte arborizado e 30 a monte raso. Nas tarefas de extinción participaron 2 técnicos, 14 axentes forestais, 15 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.
Outro incendio no mesmo municipio, na parroquia de Brantuas, permanece estabilizado desde a noite do domingo. Calcúlase que afectou a unhas 170 hectáreas. O dispositivo despregado inclúe a 5 técnicos, 22 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
Na parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, o lume que comezou na madrugada do domingo foi controlado o luns pola noite. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada rolda as 100 hectáreas. Na súa extinción participaron 3 técnicos, 21 axentes forestais, 22 brigadas, 22 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 9 helicópteros.
O máis extenso dos incendios rexistrados nesta onda tivo lugar na parroquia de Terroso, no municipio ourensán de Vilardevós. O lume, que comezou o pasado venres pola noite, alcanzou unha superficie estimada de 570 hectáreas. Debido á súa proximidade a núcleos de poboación, foi necesario decretar a Situación 2, unha medida de emerxencia que foi desactivada o domingo pola noite. O incendio foi dado por controlado ás 21:47 horas do luns.
Na extinción traballaron 12 técnicos, 57 axentes, 77 brigadas, 51 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros, 12 avións, e contou coa intervención de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Ao longo de xullo, houbo outros incendios que queimaron grandes superficies como foron o de Cualedro, con 97,27 hectáreas; 83 ha en Lalín; 80,89 ha en Meaño; 53,07 ha en Chandrexa de Queixa; 45 ha en Carballeda de Valdeorras; 38,64 ha en A Mezquita; 37 ha en Lousame; y 27 ha en Tomiño.
Preocupante situación no norte de Portugal
Mentres Galicia logra conter as principais frontes, a situación no norte de Portugal é crítica. Segundo o Comando Nacional de Emergência e Proteção Civil, máis de 30 incendios forestais permanecen activos nos distritos de Vila Real, Braga e Viana do Castelo, varios deles con potencial de gran propagación e próximos a zonas habitadas.
Un dos lumes máis preocupantes afecta o municipio de Celorico de Basto (Braga), onde máis de 300 bombeiros traballan para evitar que as chamas alcancen áreas residenciais. En Viana do Castelo, o incendio de Ponche dá Barca obrigou a reforzar os medios terrestres e aéreos debido á súa intensidade e comportamento errático.
En total, Portugal despregou máis de 1.600 efectivos, con 220 vehículos de extinción e numerosos medios aéreos, ante unha combinación perigosa de altas temperaturas, baixa humidade e ventos secos.
Un verán negro para Galicia e o noroeste peninsular
Cos últimos incendios rexistrados en Ponteceso e Vilardevós, Galicia supera xa as 6.000 hectáreas queimadas no que vai de ano, unha cifra que a sitúa entre as comunidades máis afectadas do país. A falta de máis dun mes para o final do verán, as autoridades alertan do alto risco de incendios forestais en toda a comunidade, especialmente en zonas do interior e a franxa atlántica.
Aínda que Galicia non alcanzou aínda os picos extremos de grandes campañas como as de 2017 ou 2022, o número de incendios importantes disparouse nas últimas semanas. Municipios como A Cañiza, onde arderon case 300 hectáreas en xullo, xa acenderon as alarmas sobre un posible repunte de lumes de gran intensidade.
Os expertos advirten que, se non se produce un cambio substancial na climatoloxía (con altas temperaturas prolongadas e escasas choivas no horizonte), 2025 podería converterse nun dos anos máis difíciles das últimas décadas en materia de incendios forestais. A pesar de que se incrementou notablemente o número de brigadas e persoal de extinción, o investimento segue centrada case exclusivamente no combate do lume, deixando en segundo plano as políticas de prevención, silvicultura, limpeza de montes ou creación de mosaicos devasas.
Ademais, os avances na investigación de pirómanos e incendiarios son practicamente nulos. A maioría dos lumes forestais intencionados (que supoñen máis do 60 % dos sinistros en Galicia) quedan sen esclarecer, e a sensación de impunidade contribúe ao mantemento do problema ano tras ano.
Pola súa banda, o norte de Portugal acumula máis de 10.000 hectáreas afectadas só na última semana, cun ritmo de propagación que preocupa a Protección Civil e obrigou a declarar o nivel de alerta vermella en varios distritos.
As administracións lembran á cidadanía que están totalmente prohibidas as queimas agrícolas e forestais, e chaman a extremar a precaución. Ante calquera avistamento de fume ou chama, débese avisar de inmediato ao 085 ou ao 112.