Galicia sitúase por debaixo da media nacional en canto a recuperación de residuos e compostaxe
O modelo galego de xestión de residuos é insuficiente a nivel nacional e contrario ás políticas medioambientais europeas. A media de reciclaxe procedente en recollida separada en España é dun 16,3%, mentres que en Galicia é dun 12,4%. Pola súa parte, a comunidade galega atópase na media de materiais recuperados en plantas TMB (tratamento mecánico biolóxico) de residuo mesturado cun 3,5%, para unha media nacional do 3,3%. Considerando estes datos de forma conxunta (materiais recuperados por calquera vía), Galicia está nun 15,9% fronte a media nacional de 19,7%. Son datos da Memoria Anual de Generación y Gestión de Residuos, un documento do MITECO que inclúe a información subministrada polas Comunidades Autónomas sobre as cantidades de residuos recollidos e tratados procedentes dos fogares e do sector servizos, cuxa xestión é asumida polas Entidades Locais.
No que respecta á compostaxe/dixestión da FORM (Fracción Orgánica dos Residuos Municipais), o documento indica que Galicia está no 0,8% e a media estatal no 2,2%, case o triple que a comunidade galega. Por outra parte, en canto ao compostaxe/dixesión anaerobia de plantas TMB a partir de residuos mesturados, a media nacional sitúase nun 16,1%, mentres que en Galicia nun 4,7%. Unicamente A Coruña e Barbanza empregan esta opción de xestión que permite niveis máis altos de reciclaxe e evita a incineración. O conxunto destes datos é dun 18,3% para a media estatal fronte a un 5,5% de Galicia, un dato moi inferior á media.
Segundo datos de 2019 expostos na memoria, a entrada de triaxe (residuos en masa) en Galicia foi 820.859,58 toneladas, 800.802,21 do complexo ambiental de Cerceda (Sogama) e 20.057,37 do complexo ambiental de Lousame (Mancomunidade Serra do Barbanza). O tipo de triaxe do complexo ambiental de Cerceda é de triaxe previo á incineración, mentres que o do complexo ambiental de Lousame é un triaxe da fracción inerte recollida en contedor mediante o sistema húmido-seco. Mentres que no complexo ambiental de Lousame non hai incineradora de destino, en Sogama destináronse a incineración un total de 554.784,99 toneladas.
O modelo de Galicia (en contraposición coa política europea) non está por recuperar, senón por incinerar o que se poida. Así, a comunidade destaca na incineración, cun 48,2% fronte ao 11% nacional de media (malia que se intente afirmar falsamente que se trata de valorización enerxética). Por outra banda, cabe destacar que hai un 27% de residuos que rematan en vertedoiro como rexeitamento e un 3,4 de residuos van directamente ao vertedoiro sen tratamento previo, incumprindo a lei. Esta situación chegou incluso a estar presente en preguntas e comparencias parlamentarias onde, con datos oficiais, advertiuse de que o 85% do total de residuos tratados na planta de Sogama van a tratamentos finalistas.
A presenza de Sogama coma un monopolio en Galicia impide novas posibilidades de innovación e organización, pois a política ambiental galega está anclada no pasado e non introduce as tendencias do mundo actual. Ademais, o modelo proposto pola Xunta de Galicia en canto á xestión de residuos provocou a destrución da competencia, impedindo a entrada de novas empresas que poidan competir no sector.