Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Galicia sitúase no pelotón de cola de reciclaxe, aínda que reduce lixeiramente a xeración de residuos

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os últimos datos sobre a xeración de residuos en España e os datos galegos foron moi esclarecedores. En 2023, cada galego xerou unha media de 416,3 quilos de residuos urbanos, lixeiramente inferior aos 416,9 quilos de 2022, consolidando un patrón de estabilidade na xeración doméstica. Esta cifra sitúa Galicia claramente por debaixo da media española, que alcanzou os 464,3 quilos por habitante, e colócaa como a sexta comunidade con menor xeración per cápita, só por diante de Madrid, A Rioxa, País Vasco, Aragón e Cataluña.

En termos de volume total, Galicia produciu arredor de 1,23 millóns de toneladas de residuos municipais. Dentro dese total, os residuos mesturados sumaron 925.800 toneladas, o vidro 47.000, o papel e cartón 42.400, e os envases mestos 33.400 toneladas. A estrutura de residuos galega reflicte un predominio da fracción resto fronte á recollida diferenciada o que evidencia un problema estrutural de separación en orixe.

Comparada con outras comunidades, Galicia presenta cifras moderadas na recollida per cápita de vidro, papel ou envases. Por exemplo, en Murcia a recollida de residuos mesturados supera os 450 quilos por habitante, fronte aos 343 quilos de Galicia, segundo estimacións derivadas dos datos do INE. Isto suxire que, aínda que a xeración total galega é relativamente baixa, a eficiencia do sistema de separación e reciclaxe aínda ten percorrido e constitúe unha área clave para o desenvolvemento de políticas ambientais máis efectivas.

A principal responsable da recollida e tratamento dos residuos en Galicia é a empresa pública Sogama, que concentra a recollida de residuos nunha planta central e nalgúns centros anexos. Fontes de equilibrio entre o lixo que chega e o que se valora apuntan a que unha parte relevante do lixo tratado pasa por procesos de valorización enerxética (incineración con recuperación enerxética). Unha porción non menor destínase a vertedoiros, e a reciclaxe material real (separación e recuperación de plásticos, vidro, papel, metais etc.) parece restrinxida a pequenas porcentaxes, o que reduce o reciclaxe efectivo total da comunidade a cifras que non exceden o 16-18 %.

Ese desequilibrio entre o que se recolle selectivamente e o que se recupera realmente revela un problema de fondo: non basta con separar na vía pública, senón que é esencial separar correctamente na orixe, recuperar materiais e darlles unha segunda vida. O modelo actual prioriza valorizar enerxía ou depositar en vertedoiro por encima da reciclaxe material, e así desaparecen os incentivos para apostar por economía circular real.


A problemática do modelo de xestión

O modelo centralizado e dependente da valorización enerxética ten custos evidentes comezando polo transporte desde concellos dispersos até a planta central de Cerceda implica un gasto enerxético elevado e emisións de carbono adicionais, o que contradi o obxectivo dunha xestión ambientalmente sustentable. A maiores está a escasa recuperación de materiais supón perda de recursos: plásticos, papel, vidro e metais que poderían reciclarse acaban queimados ou enterrados. Iso dificulta a creación de materias primas secundarias e perpetúa a dependencia de recursos virxes.

Mentres, os concellos e a cidadanía pagan un prezo altísimo, tanto en taxas como en pegada ecolóxica. E con tan pouca separación efectiva, os incentivos para mellorar hábitos ou investir en compostaxe, separación doméstica ou recollida selectiva non teñen un retorno claro.

A brecha entre Galicia e o resto do Estado non deixa de medrar, evidencia inequívoca de que o actual modelo non funciona. Mentres outras comunidades avanzan cara a sistemas de recollida separada da fracción orgánica, á compostaxe descentralizada ou á combinación de varios modelos en función das características territoriais, Galicia continúa sen dar o salto cualitativo necesario.

Trátase dun modelo que insiste en replicar o seu propio fracaso aplicándoo a novos fluxos de residuos (textil, agrarios, orgánicos) sen analizar previamente se os tratamentos actuais son eficaces nin se cumpren cos estándares europeos. Un modelo que mantén unha lóxica de fin de tubaxe, centrada en tratar o residuo cando xa está mesturado, degradado e contaminado, e que non aposta nin pola prevención, nin pola reutilización, nin pola valorización material. Un modelo que adoita dedicar máis esforzo a desacreditar sistemas alternativos que a mellorar as súas propias prácticas.

En lugar de fomentar a diversidade de modelos e o aproveitamento das experiencias exitosas, a administración galega leva anos centrando parte da súa acción en cuestionar proxectos como o de Barbanza ou o de Nostián, exemplos de sistemas de proximidade baseados na separación en orixe, na compostaxe e na valorización material. Estes modelos, malia ser máis acordes coas directrices europeas (que priorizan a reutilización e a reciclaxe fronte á incineración), enfróntanse a críticas sistemáticas e a unha falta de apoio político notoria.

Esta confrontación permanente non só resta enerxía e recursos, senón que conduce a unha desinformación social que dificulta o avance cara a prácticas máis sustentables. Ao mesmo tempo, Galicia permanece atrapada nun modelo centralizado que nin reduce os residuos xerados nin mellora as taxas de reciclaxe.


A situación no Estado

No ámbito estatal, España xerou en 2023 un total de 112,7 millóns de toneladas de residuos, un 3,5% máis que no ano anterior. O aumento responde, en boa medida, ao repunte da construción, que produciu 42,6 millóns de toneladas, o 46,9% do total e un 17,5% máis ca en 2022. O sector da subministración de auga, saneamento, xestión de residuos e descontaminación achegou 22,4 millóns de toneladas, un 24,6% do total.

Os fogares reduciron a súa xeración un 2,8%, pero a tendencia xeral segue en aumento. Os residuos minerais, con 49,5 millóns de toneladas, continúan como a fracción máis voluminosa, e a proliferación de escombreiras ilegais en todo o país é un problema ambiental e económico, pois impide a plena implantación dos áridos reciclados procedentes de RCD.

A situación española revela unha economía que non consegue desacoplar crecemento e xeración de residuos, pero tamén unha diversidade de modelos autonómicos que, en moitos casos, avanzan moito máis rápido que Galicia.

Comparte esta noticia