Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Galicia mobilizase, por comarcas, contra o modelo de biogás impulsado pola Xunta no rural galego

A implantación acelerada de plantas de biogás e biometano no rural galego está a activar unha resposta social cada vez máis articulada. O que inicialmente foi presentado como unha solución técnica para a xestión de residuos agrarios e a redución da contaminación por nitratos, estase a converter nun problema estrutural xerado por decisións políticas “permeables” a oportunidades de negocio privado, cun elevado custo e impacto territorial, ambiental e social. Agora está a ser cuestionado por plataformas veciñais, colectivos ecoloxistas e profesionais do sector primario, que alertan dun modelo industrial promovido desde a Xunta de Galicia en alianza con grandes operadores enerxéticos e de xestión de residuos.

O concello de Agolada converterase esta semana en epicentro desta contestación. Alí, a plataforma veciñal Stop Biometano Agolada conseguiu reunir 580 sinaturas en apenas dez días a través da plataforma change.org contra o proxecto dunha planta de biometano que se situaría entre as parroquias de Amance e Artoño. Desde o colectivo subliñan que, malia tratarse dunha localización concreta, os efectos da instalación non se limitarían á súa contorna inmediata, senón que afectarían ao conxunto do municipio e á comarca, tanto polo tráfico pesado asociado como polos impactos ambientais, económicos e paisaxísticos. O obxectivo, explican desde a plataforma, é achegar á veciñanza información que consideran ausente no discurso institucional e empresarial, e fomentar un debate público sobre o alcance real deste tipo de infraestruturas industriais. Mentres tanto, as empresas promotoras continúan intentando adquirir os terreos necesarios para a implantación da planta, nun contexto de crecente tensión social. Como parte desta estratexia de información á cidadanía, Stop Biometano Agolada organiza unha xornada informativa aberta ao público que terá lugar o día 27 no auditorio municipal Manuel Costa Casares, a partir das 17.00 horas. A sesión estará presentada e moderada pola xornalista Laura Moure e contará coa participación de perfís técnicos, científicos e sociais vinculados á análise do modelo agroindustrial e enerxético que se está a impulsar en Galicia. Entre os relatores previstos atópanse Juan Castro Insua, enxeñeiro agrónomo e investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Daniel L. Vispo, licenciado en Químicas e profesor xubilado de Física e Química; Nery Díaz, presidenta de Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde; e Xosé Mariño, membro do colectivo Berce do Ulla, vinculado á defensa do territorio e dos ecosistemas fluviais. A xornada contará tamén coa intervención de Ariadna Sanjuán, veciña de Campedró e directamente afectada pola planta de biometano que funciona en A Galera, na provincia de Tarragona, cuxa experiencia está a ser utilizada como referencia polos colectivos galegos que alertan dos impactos reais deste tipo de instalacións.

A mobilización veciñal xa tivo reflexo no ámbito institucional local. Esta mesma semana, o pleno municipal de Agolada aprobou acordos, co respaldo de PAYJ e BNG, para suspender as licenzas urbanísticas e ambientais vinculadas a instalacións de biogás e biometano. Para as plataformas cidadás, esta decisión evidencia a preocupación existente a nivel municipal fronte a proxectos percibidos como impostos desde instancias superiores, sen unha planificación territorial consensuada nin unha avaliación rigorosa de alternativas.

Converter recurso en residuo

As críticas apuntan a unha estratexia de fondo impulsada pola Xunta de Galicia aproveitando a problemática existente en comarcas cunha alta concentración gandería intensiva como o Deza, Limia... A recente narrativa institucional sobre a “busca de solucións” para o excedente de xurro non é un feito illado, senón un capítulo máis dunha estratexia calculada. Baixo a aparencia de resolver un problema ambiental, estaríase a promover un cambio de paradigma que transforma un recurso tradicional do gandeiro nun residuo industrial sometido á xestión externa. Un dos piares desta operación, explica, é unha redefinición legal e administrativa do xurro. Historicamente considerado un fertilizante e un recurso propio das explotacións, pasa a ser tratado como un problema cando se declaran zonas vulnerables por nitratos e se endurecen as normativas sen ofrecer alternativas reais de acceso á terra agraria. Nese escenario, moitas explotacións pérdense nunha rúa sen saída e vense obrigadas a entregar o xurro a xestores externos, entre eles as plantas de biogás.

Este modelo contrasta co que se aplica en boa parte de Europa. En países como Alemaña ou Francia, o biogás desenvólvese maioritariamente a través de pequenas plantas integradas nas propias granxas ou xestionadas por cooperativas locais. Nestes casos, o biogás funciona como unha renda complementaria, contribúe a fixar poboación no rural e permite pechar o ciclo dos nutrientes na mesma terra. Pola contra, o modelo que se promove en Galicia baséase en grandes instalacións centralizadas, dependentes dun constante tránsito de camións cisterna que transportan xurros e outros residuos orgánicos, incluídos lodos industriais, a través da rede viaria rural. Os custes por emisións de CO2 son un problema engadido e non avaliado.

A esta dinámica súmase o que organizacións agrarias, ecoloxistas, veciñais e outros colectivos críticos denominan a enxeñaría da saturación. Desde esta perspectiva, o problema do excedente de xurro non é accidental, senón consecuencia directa dunha política de autorizacións ambientais permisiva en exceso. Durante anos, a Xunta de Galicia autorizou ampliacións e novas explotacións intensivas sen esixir unha base territorial suficiente, incluso en comarcas que a propia administración recoñece como saturadas desde o punto de vista ambiental. O resultado é un modelo de gandería desvinculada da terra, no que se rompe o ciclo natural que conecta solo, cultivo e gando (granxas sen terra... na que producir alimento co fertilizante natural da propia granxa). Autorízanse explotacións cunha carga gandeira (UGM) moi superior á superficie agraria útil (SAU) dispoñible para esa granxa. Isto rompe o ciclo natural: en lugar de que a terra alimente o gando e o gando abone a terra, créanse “fábricas de carne/leite” onde o xurro deixa de ser abono (porque non hai onde botalo) para converterse nun estorbo loxístico e ambiental.

Ao mesmo tempo, miles de hectáreas de alto valor agrario permanecen abandonadas ou destinadas a monocultivos forestais, como o eucalipto, sen que ferramentas públicas como o Banco de Terras ou os polígonos agroforestais consigan mobilizar esa superficie coa axilidade necesaria. Para as plataformas veciñais e os expertos críticos, esta contradición evidencia unha prioridade política clara: a tramitación áxil de proxectos industriais fronte á ordenación sostible do territorio.

Neste contexto, os colectivos lembran precedentes recentes como a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o encoro das Conchas, na Limia, na que a Xunta foi condenada pola súa inacción fronte a unha contaminación persistente derivada da saturación gandeira. O fallo xudicial deixou claro que permitir este tipo de situacións vulnera dereitos fundamentais, un argumento que as plataformas consideran plenamente aplicable a outras comarcas que avanzan pola mesma senda.

“Os gandeiros do Deza, Limia, Terra Chá... non necesita que ninguén lle ‘xestione o residuo’; necesita terra para abonar e, se acaso, axudas para montar o seu propio dixestor e vender el a súa enerxía. Todo o demais é espolio disfrazado de ecoloxismo. O xurro é do gandeiro. A enerxía, tamén debería selo”, afírmase polos promotores das acciones de protesta contra o modelo que se tenta presentar como “única alternativa” pola administración galega. Unha idea que explica por que as plantas de biogás e biometano deixaron de ser percibidas como simples infraestruturas técnicas para converterse nun dos principais focos de conflito social no rural galego, ao poñer sobre a mesa cuestións de soberanía agraria, control dos recursos e reparto real dos beneficios da chamada transición enerxética.

Comparte esta noticia