Galicia logra controlar a maioría dos incendios tras semanas de devastación
Galicia logrou controlar a maioría dos incendios forestais que durante semanas afectaron á comunidade, tras unha das ondas de lume máis intensas da súa historia recente. A Xunta de Galicia estima que se queimaron unhas 96.400 hectáreas, cifra que contrasta coas 138.689 hectáreas que indica o sistema europeo Copernicus. A Consellería do Medio Rural informou que os principais focos, incluídos os de Larouco-Seadur, Chandrexa de Queixa e Oímbra-Xinzo de Limia, foron extinguidos despois de arrasar máis de 78.500 hectáreas, mentres que outros incendios relevantes en A Mezquita, Carballeda de Avia e Maceda tamén foron estabilizados. Actualmente permanecen activos só tres focos, que son os de Seixalbo, A Pobra do Brollón e Avión-Nieva.
A provincia de Ourense foi a máis afectada, concentrando máis do 98% das hectáreas queimadas en Galicia, sendo A Rúa un dos municipios máis danados, con preto de 44.789 hectáreas calcinadas.Onte quedaron extinguidos varios dos incendios máis importantes. O incendio de Larouco-Seadur, iniciado o mércores día 13 ás 18.55 horas na parroquia de Seadur, afectou tamén aos municipios de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Este lume afectou unha superficie de 31.778,18 hectáreas, das cales 19.630,18 son monte raso e 12.148 arbolado. Para a súa extinción mobilizáronse de forma acumulada 54 técnicos, 248 axentes, 328 brigadas, 256 motobombas, 12 palas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións, e interviron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Tamén quedou extinguido o incendio de Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín, que comezou o martes 12 en Oímbra, parroquia da Granxa, e uníuse co foco iniciado o venres 15 en Xinzo de Limia, Gudín. Este lume afectou unha superficie de 23.763,65 hectáreas, das cales 14.491,36 son monte raso e 9.273,99 arbolado, estendéndose tamén aos municipios de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse 18 técnicos, 175 axentes, 241 brigadas, 153 motobombas, 6 palas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións, tamén con participación da UME.
Outro incendio extinto foi o de Chandrexa de Queixa (Requesón e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos), que se uniron nun único foco. Comezaron en Chandrexa o venres 8 na parroquia de Requesón e o martes 12 na parroquia de Parafita, reactivándose o xoves 14 en Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. En conxunto afectou 23.036 hectáreas, das cales 20.663,6 corresponden a monte raso e 2.373 a arbolado, estendéndose tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse 23 técnicos, 189 axentes, 238 brigadas, 138 motobombas, 21 palas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións, tamén con intervención da UME.
A mellora das condicións meteorolóxicas foi determinante para frear a propagación das chamas. A combinación de choivas recentes, maior humidade e descenso do vento permitiu ás brigadas terrestres e aos medios aéreos consolidar a extinción dos focos máis críticos e evitar novos rebrotes. Grazas a estas condicións, Galicia entra agora nunha fase de recuperación, centrada na reconstrucción dos seus bosques, na protección do solo e na rexeneración dos ecosistemas afectados.
En canto ao tipo de vexetación, a maior parte da superficie queimada corresponde a chan descuberto ou matogueira, cun 35%, mentres que o chan desnudo representa un 28%, as plantacións de coníferas un 13%, os cultivos e pastos un 8% (supoñendo menos do 1% das catro denominacións de orixe afectadas), e as frondosas e eucaliptos apenas un 5,02%, segundo os datos da Xunta de Galicia. Ademais, hai unha categoría denominada “outros solos”, que representa un 11% e comprende zonas xa calcinadas en 2022 que ata o momento eran áreas de corta de arborado e contornos antrópicos como canteiras, espazos urbanos e infraestruturas.
A comparación cos datos do sistema europeo Copernicus revela unha diferenza notable: mentres a Xunta estima que se queimaron unhas 96.400 hectáreas, Copernicus eleva a cifra a 138.689 hectáreas, o que indica que a magnitude real dos incendios podería ser moito maior, especialmente en zonas remotas de difícil acceso. Esta discrepancia subliña a importancia das imaxes satelitais para estimar con precisión o impacto dos incendios.
Coa crise finalmente controlada, as autoridades destacan a coordinación dos equipos de extinción e a importancia do apoio meteorolóxico como factores clave para superar esta histórica onda de incendios. Aínda que a paisaxe amosa os efectos devastadores do lume, a contención dos focos e a colaboración de brigadistas, veciños e autoridades permite mirar cara adiante coa expectativa de reconstruír o entorno e as comunidades afectadas.
O 2025 converteuse xa nun dos peores anos no que respecta a incendios forestais desde que existen rexistros, con case 400.000 hectáreas calcinadas en distintas rexións do país. Greenpeace documentou a magnitude da traxedia xunto co fotógrafo Pedro Armestre e subliña que a virulencia dos lumes alcanzou niveis inéditos: cada gran incendio destrúe ata catro veces máis superficie ca en décadas anteriores.
Segundo o balance da ONG, oito dos dez incendios máis graves do século XXI producíronse este ano, unha situación que asocian directamente ao agravamento do cambio climático, o abandono rural e a falta de xestión forestal. Os lumes deixaron polo menos oito vítimas mortais, medio cento de feridos e máis de 30.000 persoas desaloxadas, ademais de aldeas devastadas, explotacións agrícolas arrasadas e valiosos espazos naturais reducidos a cinzas.
Greenpeace reclama con urxencia un pacto de Estado contra os incendios forestais, que garanta a prevención, a xestión sostible dos bosques, un financiamento estable e apoio aos municipios máis afectados. Tamén pide medidas inmediatas nas zonas queimadas para frear a erosión, protexer os cursos de auga e favorecer a rexeneración natural. “Se non se inviste en prevención e xestión forestal, cada verán será peor ca o anterior”, advirten desde a organización.
Aquí vos deixamos unha ligazón ás fotografías e vídeos que realizaron: https://media.greenpeace.org/D...
