Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias crean un grupo de traballo do lobo ibérico para elaborar a súa propia estratexia
Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias veñen de anunciar a creación do Grupo de traballo do lobo ibérico no noroeste da Península Ibérica, co propósito de elaborar a súa propia estratexia de xestión da especie. Entre os seus obxectivos a curto prazo tamén estarán o de servir de punto de encontro para a emisión de criterios científico-técnicos, a posta en común de moitas décadas de experiencia e a creación dun censo coordinado e realizado por científicos de primeira orde. Así o anunciaron o 27 de outubro a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, e os seus homólogos das catro comunidades. Ademais, tamén revelou a decisión das comunidades ao norte do Douro de abandonar o grupo de traballo tutelado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que elaborou o borrador da nova estratexia estatal.
Galicia, xunto coas outras tres comunidades, defende esta postura logo de analizar o contido do borrador da estratexia, remitido este mesmo mes desde o Goberno central aos membros do Comité de Flora e Fauna. Do Campo indicou que “o Ministerio segue a actuar de xeito unilateral, cun guión predeterminado e inamovible, e intentando anular as competencias das comunidades”, polo que reiterou o “rexeitamento“ da Consellería ao contido da estratexia; “e así solicitaremos que conste en todos os documentos e actas”, dixo. Argumentou que esta falta de diálogo, traballo e cooperación queda manifesta cando o Estado se nega a facilitar información ao respecto dos expertos e científicos que asesoran ao Ministerio, e da súa contribución na elaboración do devandito documento.
Outra das cuestións das que adoece a estratexia, sinalada polas comunidades, é unha memoria económica plurianual, polo que se descoñece o investimento que nos vindeiros anos disporá o Goberno para compensar os danos aos sectores económicos afectados. Nese sentido, Belén do Campo indicou que no caso de Galicia a única partida económica que permitirá compensar os danos que provoque o lobo ao sector gandeiro será polo momento a que achegue o Goberno galego. No ano 2022, a Xunta dobrará o orzamento para as axudas de prevención dos ataques de fauna silvestre (900.000 €) e destinará 2,1 millóns de euros a paliar os danos, para un total de 3 millóns de euros en subvencións, malia a “inseguridade xurídica” provocada polo novo status do lobo ibérico.
As catro rexións ao norte do Douro solicitaron capacidade de reflexión aos responsables do Ministerio, sobre todo tendo en conta que esta estratexia nace nun marco legal inestable por dúas razóns: por unha banda, a falta de consenso entre as administracións, que obrigou ás catro rexións a presentar un recurso ante a Audiencia Nacional contra a orde pola que se inclúe o lobo no Lesrpe. Por outro lado, considera que o estado de conservación da especie na rexión biográfica atlántica é desfavorable, o que denota que nos se tiveron en conta os datos facilitados polas comunidades, que indican todo o contrario.