Galicia amplía ata 2030 a moratoria do eucalipto, cualificada como “moratoria trampa” por numerosas organizacións ambientais e políticas
A moratoria do eucalipto esperta máis dúbidas que respostas á poboación desde que a Xunta de Galicia desvelou a súa decisión sobre a prohibición de novas plantacións de eucalipto, cuxo prazo expiraba o 31 de decembro de 2025. A moratoria mantense ata 2030, pero con maior flexibilidade, co obxectivo declarado de «aumentar a produtividade do monte, evitar o abandono e incrementar as plantacións de frondosas e coníferas», segundo explicou a conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Estes tres piares, destacou, son os que sustentan a decisión, que pretende equilibrar a conservación ambiental coa actividade económica do sector forestal galego.
Segundo os últimos datos do Inventario Forestal Continuo, presentado en xuño de 2023, a superficie de eucalipto en Galicia xa supera as 430.000 hectáreas, un aumento de arredor do 1,4 % respecto ao ano 2022, cando se rexistraban 419.051 hectáreas. A relevancia económica desta especie é indiscutible: a súa tala xerou en 2024 máis de 167 millóns de euros, sobre un total de 285 millóns xerados pola madeira, beneficiando a unhas 35.000 familias galegas, moitas delas pensionistas. O inventario forestal de 2024 segue sen coñecerse, a pesar de que é un ano crucial para a moratoria, xa que este adoita coñecerse antes do verán de cada ano. Debido a falta de información, organizacións coma Greenpeace e a Asociación Galicia Ambiental denuncian este maltrato que é o incremento espacial desta moratoria.
Flexibilizacións puntuais da moratoria
A nova moratoria da Xunta de Galicia introduce dúas medidas de flexibilización que suscitan debate. A primeira permite reforestar con eucalipto parcelas de piñeiros de Pinus radiata gravemente afectados pola banda marrón, sempre que non supere o 50 % da superficie. A metade restante debe conservarse con coníferas ou frondosas, e a medida terá carácter puntual, aplicable só durante un turno de corta, ao final do cal se deberá regresar á situación previa. Segundo a estimación da Consellería, hai unhas 30.000 hectáreas afectadas, aínda que non todas co mesmo nivel de gravidade. Gómez puntualizou que esta opción estará sometida á lexislación vixente: se a masa de piñeiros afectada se atopa nunha zona da Rede Natura, a medida non será aplicable.
O segundo cambio afecta ao intercambio de parcelas de eucalipto para mellorar a produtividade. Ata agora só era posible entre parcelas dun mesmo propietario, previa autorización de Medio Rural. A partir de agora, poderase facer entre diferentes propietarios mediante acordo, sempre que a superficie da nova plantación non supere o 75 % da orixinal e o terreo inicial se ocupe con coníferas ou frondosas. Estas medidas serán recollidas na lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan os orzamentos de Galicia para 2026, aprobados nun Consello extraordinario.
Tal e coma explica a Xunta, a flexibilización non implicará un incremento total da superficie do eucalipto e responde ás demandas do sector forestal, desde propietarios ata empresas e asociacións. Gómez destacou que o obxectivo é traballar por unha xestión forestal correcta e sostible, evitando o abandono de parcelas afectadas pola banda marrón.
Reaccións: entre a prudencia e o escepticismo
Galicia Ambiental xa criticou que non se faga público o inventario forestal do ano pasado e cre que as excepcións introducidas en rexións que non eran un cultivo habitual da zona. A decisión tamén xerou reaccións diversas entre técnicos, sindicatos e organizacións forestais. Javier Gorgoso, enxeñeiro forestal e investigador da USC, considera que a extensión da moratoria «é positiva para reducir a superficie de eucalipto nun 5 % antes do 2030», lembrando que a expansión do Eucalyptus nitens no interior galego veu acompañada da perda de superficie autóctona e que esta pausa normativa pode ser unha oportunidade para reverter esa tendencia.
Mais non todos comparten este optimismo. Juan Picos, doutor en Enxeñaría Forestal pola Universidade de Vigo, alerta de que a falta de datos públicos actualizados dificulta avaliar a eficacia real da moratoria. Ademais, a complexidade das excepcións (como a substitución de piñeiros afectados pola banda marrón ou o intercambio de parcelas entre propietarios) fai que o control efectivo sexa case imposible se non se garante trazabilidade completa.
Antonio Regueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia, destaca que «semella difícil pensar que esta medida vaia conter a expansión do eucalipto en Galicia». A polémica xira en torno á apertura de miles de hectáreas en zonas de media altura para eucaliptos, xustificadas como bálsamo para propietarios de piñeiros enfermos, e á percepción de que a moratoria descafeina o seu obxectivo principal: evitar a colonización de novos territorios por variedades de eucalipto modificadas de forma xenética. Este debate cómprese nun contexto no que os inventarios forestais non se fan públicos, dificultando evidenciar a permisividade da administración diante de plantacións ilegais.
A posición do campo: Unións Agrarias
Desde o ámbito agrario, Unións Agrarias adopta unha postura intermedia. O seu secretario xeral, Roberto García, insiste en que o eucalipto non debe ocupar terras agrarias, nin estenderse pola Rede Natura, nin substituír frondosas autóctonas. Para García, o verdadeiro reto do monte galego non é a especie en si, senón o abandono e a falta de planificación.
García valora a medida de permitir eucaliptos nunha parte das parcelas afectadas pola banda marrón como un equilibrio que garante rendibilidade e evita o abandono. Ao mesmo tempo, amosa preocupación polo intercambio de parcelas entre propietarios, que podería xerar dereitos de plantación susceptibles de especulación. Propón a creación dunha «reserva galega de dereitos», xestionada con criterios públicos e sociais, que periodice o acceso aos dereitos a agricultores, gandeiros e comunidades de montes.
O peso económico do eucalipto
O negocio do eucalipto segue a ser un pilar económico do rural galego. En 2024, xerou 167 millóns de euros sobre un total de 285 millóns procedentes da madeira cortada, con case a totalidade pertencente a propietarios particulares, moitos pensionistas. A distribución dos beneficios é desigual: comarcas costeiras concentran os maiores ingresos (Santiago-Meseta Interior con máis de 35 millóns de euros, seguida de Ferrol-Ortegal e Bergantiños-Mariñas Coruñesas) mentres zonas do interior como Valdeorras ou Trives apenas acadan rendementos residuais.
 
