Galicia Ambiental se suma ás mobilizacións, en contra do proxecto Altri, do sábado na Pobra do Caramiñal
Galicia Ambiental apoia as mobilizacións en contra da fábrica de celulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei, que se levarán a cabo este sábado 22 de marzo na Pobra do Caramiñal (A Coruña), convocadas pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Tal e como está anunciado, realizaranse dúas manifestacións, unha por terra a partir das 12:00, que partirá desde a estación de autobuses da Pobra e que chegará á enseada do Caramiñal, e a segunda por mar ás 12:45, na que centenares de embarcacións concentraranse mentres se le o manifesto nun escenario no porto.
A posición de rexeitamento de Galicia Ambiental sobre esta fábrica fundaméntase en varios aspectos e falsidades, dende os inicios do proxecto. Cando se presentou, nun acto convocado polo Presidente Feijóo, se anunciaba unha instalación na Mariña para fabricar fibras sostibles vexetais para a confección de pezas de roupa, invocándose ao principio de sustentabilidade para acceder a fondos europeos. Co tempo (e a entrada de Greenalia no proxecto) saíu á luz que o que realmente pretendían é a creación dunha macrocelulosa, pasando a un plano secundario a elaboración das fibras.
Galicia Ambiental cuestiona a presentación, coma se dun proxecto en si mesmo se tratase, por parte da Xunta de Galicia, da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de xeito precipitado e oportunista, coincidindo coa sentenza que cuestiona a legalidade dos trámites administrativos ambientais da Xunta por parte das empresas privadas. Neste senso, Galicia Ambiental afirma que este tipo de trámites, que corresponden a funcionarios, se realizan xa por consultoras privadas e denunciou a existencia dunha “Consellería paralela”, na planta superior do edificio Meteo Galicia en Santiago de Compostela e contratada a TRAGSA, que nos últimos meses tramitou de forma exprés centos de expedientes, decisivos para o presente e o futuro de Galicia, entre os que se atopan os relacionados con residuos e a implantación de infraestruturas industriais coma Altri.
A implantación de Altri tería un impacto medioambiental irreversible para a biodiversidade galega, ao supor unha expansión exponencial de cultivos de eucalipto para satisfacer as novas demandas, como xa quedou demostrado por técnicos independentes e dirixentes da propia Xunta de Galicia, a pesar das falsidades ditas tanto pola empresa como por unha parte da administración da Xunta.