GALICIA AMBIENTAL LEVA Á XUSTIZA AS INFRACCIÓNS AMBIENTAIS MOI GRAVES NA AP-9
A Asociación Galicia Ambiental ven de levar á concesionaria da AP-9 ante os tribunais por infracción ambiental grave, derivada da inacción e incumprimento de obrigacións lexislativas en materia de control de especies invasoras, con especial incidencia na área de Santiago de Compostela, Golfo Ártabro e singularmente nas zonas de conexión desta coas outras vías de alta capacidade galegas.
A Herba da Pampa (Cortaderia selloana) é unha das especies exóticas invasoras que máis se estendeu polo territorio galego nos últimos debido á rápida dispersión da súa semente e a falta de medidas preventivas para evitalo. Esta “invasión xeneralizada” foi paralela á creación de grandes infraestruturas como polígonos industriais, novas autovías e rede de alta velocidade. As zonas máis afectadas son as da franxa atlántica, desde a autoestrada AP-9 ata o mar, principalmente, os municipios do Golfo Ártabro e das Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo.
A falta de cumprimento de medidas preventivas, por parte da concesionaria da autoestrada á que estaría obrigada tras a aprobación do Catálogo Español de Especies Invasoras, é o primeiro factor de extensión da semente… especialmente dende os puntos de conexión coas vías de alta capacidade que comunican o interior de Galicia, partindo da AP-9: nomeadamente a A-6 dirección Lugo, AP-53 dirección Lalín/Ourense, A-54 Lavacolla/Lugo, A-52 cara a Ourense ou AP-55 A Coruña/Costa da Morte. Unha altísima e desproporcionada presenza da planta nas conexións da AP-9 con estas vías fan que a semente desta invasora viaxe e se implante no interior de Galicia e na costa, especialmente en terreos degradados ou sometidos a movementos de terra, como estas novas vías e polígonos industriais como o de Ourense, Lugo, Nantes (Sanxenxo)...
O incumprimento das obrigas legais de realizas tarefas preventivas (nomeadamente nas novas obras dos últimos anos) para eliminalas preventivamente e evitar a expansión, a realización de “desbroces” fora de época, e a falta de programas axeitados de eliminación das especies converten a esta infraestrutura en causante dunha parte importante da perda de biodiversidade galega, xera custes de xestión a terceiros e favorece o incremento das alerxias na poboación, tal e como está a documentar a investigación do Hospital de Valdecilla para o proxecto LIFE Coop Cortaderia.
O CASO DE COMPOSTELA
Un exemplo singular é a falta de medidas preventivas de restauración do solo nas recentes obras de conexión, en Santiago, coa zona industrial e con Lavacolla e a autovía a Lugo, realizouse sen medidas preventivas en materia de prevención e/ou restauración do solo para evitar a proliferación de invasoras. As rozas de verán no termo municipal de Santiago realizáronse parcialmente, só nas superficies chairas e deixando centenares de plantas nos noiros que floreceron en setembro. Durante os meses de agosto e setembro prodúcese a floración e estas convértense en millóns de sementes que se dispersarán polo interior de Galicia se non se practican as rozas ou extraccións do plumeiro tódolos anos, a falta de extracción da planta como a realizada na contorna de Cecebre tempo atrás.
MARCO LEGAL
En España existe unha Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade nacional (lei 42/2007 ou LPNB). Esta establece unha garantía de conservación de especies silvestres (art. 54), así como tamén unha serie de prohibicións sobre especies introducidas que habitan no territorio español.
En canto ás especies exóticas invasoras, os arts. 64 e ss. da LPNB regulan as normas básicas do Catálogo Español de Especies Invasoras (CEEI). No caso da Cortaderia selloana, o art. 64 bis remítese ao Catálogo de Especies Invasoras de preocupación para a UE, a súa expansión está proscrita en todo o territorio nacional (art. 7.2, 3 e 4). No caso de remoción de terras por exemplo en obras públicas, implicaría a necesaria adopción de medidas de control da súa expansión. Estes prexuízos das especies do Catálogo de EEI conleva medidas de seguimento e prevención e mesmo medidas urxentes (art. 8 e art. 9 do RDEEI).
Segundo indícase no art. 10 do RDEEI, impóñense unha serie de medidas a tomar de xestión control e erradicación. Interesa especialmente que "as autoridades competentes poderán requirir aos titulares de terreos que faciliten información e acceso aos seus representantes, co fin de verificar a presenza de especies exóticas invasoras e, no seu caso, tomar as medidas adecuadas para o seu control" e o que "as autoridades competentes no medio ambiente adoptarán medidas para evitar o abandono de restos de especies vexetais exóticas, fóra dos acumulados no marco de campañas de erradicación, a condición de que non supoñan un risco de dispersión". En relación coa disposición adicional segunda do RDEEI, inclúense "os exemplares asilvestrados de especies de vexetais exóticos cultivadas, de acordo ao artigo 52.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro".
Así mesmo, a disposición adicional sétima do RDEEI remítese á Lei 26/2007, de Responsabilidade Ambiental para atribuír as responsabilidades oportunas, como as dos operadores (p. ex. titulares de vías de comunicación) respecto da prevención, reparación e evitación de danos e tamén a intervención directa da Administración. Do mesmo xeito que, a disposición transitoria 5ª do RDEEI obriga aos titulares de xardíns e parques públicos ou privados a evitar a súa propagación, respecto dos adquiridos antes da entrada en vigor do RDEEI. No caso dos públicos, especialmente os sitos preto do dominio público hidráulico, eliminaranse progresivamente.
A Asociación Galicia Ambiental analiza agora cos técnicos e xuristas asociados a presentación de novas accións administrativas e/ou xudiciais contra empresas e incluso institucións que xestionan outras vías de alta capacidade galega, por actuar de forma análoga e irresponsable a dos xestores da AP-9, ás que reclamará accións inmediatas para poñer coto á expansión da especie invasoras, nomeadamente cara a zonas aínda “controlables” como as comarcas do interior de Galicia ou a Costa da Morte, e paliativas naquelas con invasión xeneralizada (Salnés, Barbanza, Baixo Miño e Val Miñor...), maioritariamente dependentes da administración autonómica.
Proxecto LIFE Coop Cortaderia en Galicia
A Asociación Galicia Ambiental forma parte do consorcio de institucións e organizacións que desenvolve o Proxecto LIFE Coop Cortaderia, que abarca varias rexións e comunidades autónomas atlánticas de España, Portugal e suroeste de Francia, para o control da invasora Herba da Pampa. O proxecto propón avanzar no control e erradicación de Cortaderia selloana no Arco Atlántico, aproveitando o efecto arrastre do anterior PROXECTO LIFE Stop Cortaderia (2018-2022) para profundar nas leccións aprendidas, ao mesmo tempo que se desenvolven ferramentas para a mellora da gobernanza pública e privada, fronte á invasión de Cortaderia.
Cun orzamento total de 6,3 millóns de euros, Galicia Ambiental pretende executar (no ámbito de Galicia) un investimento próximo aos 400.000, dos que 187.528 serán achegados pola Unión Europea a través de fondos LIFE, entre outubro de 2023 e febreiro de 2028. O Proxecto, no que participa a asociación ambientalista galega, supoñerá a creación dunha decena de postos de traballo priorizándose a incorporación de colectivos de difícil inserción ao mercado laboral.
O Proxecto LIFE Coop Cortaderia ten así un socio galego que asume directamente a súa execución, co obxectivo de materializar parte do aprendido en leste e outros territorios atlánticos e colaborar activamente coas administracións locais e rexionais para contribuír a materializar parte dos obxectivos do Plan de acción xa elaborado. O principal obxectivo sitúase agora en mellorar a metodoloxía de control e xestión desta especie invasora dentro do territorio galego xerando un “territorio barreira” para a protección das zonas de interior, onde se buscará a súa erradicación.
O proxecto presentado pola Asociación Galicia Ambiental ás autoridades europeas establece como prioridade a colaboración coas administracións públicas e os xestores de infraestruturas de comunicación para realizar unha actuación “de menos a máis” mediante a creación dun equipo de intervención inmediata que erradique núcleos de implantación da invasora nas zonas de interior, e colabore e impulse programas de extracción en áreas de afectación media como algúns polígonos industriais do interior de Galicia. Este proxecto LIFE, que se desenvolve entre 2024 e 2027, incide especialmente en liberar a Galicia interior (ao leste da AP-9) de áreas de implantación de Cortaderia, para evitar que estas zonas convértanse en algo parecido ao que xa é a área costeira galega.