Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Festas locais e soltas de globos: a cara oculta dunha tradición que dana o medio

En numerosas festas populares, tanto en Galicia como noutras partes de España, é habitual que nais e pais merquen globos para os seus durante celebracións patronais, feiras, entroidos ou romarías. Estes obxectos, que achegan un toque de cor e ledicia ao ambiente festivo, moitas veces acaban escapando e elevándose cara ao ceo. O que comeza como un xesto inocente, remata por se converter nun residuo perigoso que pode viaxar milleiros de quilómetros e provocar graves danos ambientais.

Durante os últimos anos fíxose moi popular realizar soltas de globos brancos, negros, etc. cando se convocan actos reivindicativos por parte de colectivos de diversa índole, en vodas, o recordo de persoas falecidas, en atentados accidentes… Pero esta práctica ten que erradicarse dunha vez por todas debido ao impacto ambiental que xeran, pero tamén porque constitúen un pésimo exemplo a imitar.

Un impacto que pasa desapercibido

As soltas de globos adoitan estar vencelladas a causas nobres coma celebracións históricas, homenaxes a persoas queridas, campañas de concienciación ou actos simbólicos de unidade. Porén, raramente se ten en conta o impacto real que teñen sobre a natureza. Un globo de helio, en determinadas condicións meteorolóxicas, pode ascender até 10 km de altura, percorrer até 3.000 km nun só día e caer en lugares remotos e imprevisíbeis.

Dada a proporción de superficie cuberta por auga no planeta, é alta a probabilidade de que estes restos rematen en ríos, encoros, lagoas ou no mar, mesmo se foron liberados en pleno contorno urbano. Isto significa que poden atravesar fronteiras municipais, autonómicas e mesmo países, estendendo a contaminación sen recoñecer límites.

Un dos problemas máis graves é a afección á fauna. Animais mariños como tartarugas, aves, peixes ou mamíferos poden confundir os restos de globos con alimento. No caso das tartarugas mariñas, os globos desinchados aseméllanse ás medusas, un elemento habitual na súa dieta. A inxestión deste plástico pode producir bloqueos intestinais, impedir a correcta flotabilidade ou dificultar a alimentación, conducindo en moitos casos a unha morte lenta e dolorosa.

Ademais, as cintas ou tiras plásticas que adoitan acompañar os globos poden enredarse en ás, patas ou aletas, impedindo que os animais se desprazan, se alimenten ou escapen de depredadores. Isto repercute directamente na supervivencia e reprodución de numerosas especies, algunhas xa ameazadas.

Alternativas responsables para as celebracións

Fronte a esta problemática, cada vez máis comunidades e organizacións medioambientais propoñen substituír estas prácticas por xestos simbólicos menos prexudiciais, como plantar árbores autóctonos, sementar flores ou liberar burbullas de xabón en celebracións e eventos públicos. Estas alternativas non só preservan a esencia festiva dos actos, senón que tamén contribúen positivamente ao contorno.

A reflexión é clara, o breve intre de beleza que ofrece unha solta de globos non compensa o prexuízo que ocasiona ao medio. Promover actos festivos sostíbeis non significa renunciar ás tradicións, senón adaptalas para protexer o patrimonio natural e garantir que a ledicia de hoxe non se converta no problema ambiental de mañá.

Comparte esta noticia