Fauna en perigo de extinción en Galicia: máis dunha vintena de especies ameazadas
A extinción de especies é un fenómeno natural que leva existindo dende o inicio da evolución da vida no planeta. Porén, a taxa de desaparición á que se enfrontan actualmente as especies é cada vez maior (debido especialmente ás actividades humanas), situación á que non é allea Galicia. Segundo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, existen un total de 24 de especies en perigo de extinción, é dicir, poboacións cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causais da súa situación seguen actuando. A maioría delas son aves, mais tamén hai moluscos, réptiles, artrópodos e un mamífero, o oso.
As aves
Comezando polas aves, o abetouro (Botaurus stellaris) adoita habitar lagoas e zonas húmidas que se deixa ver en outono e inverno. A especie atópase en perigo pola destrución do hábitat, a caza e a contaminación das augas. Pola súa parte, a aguia real (Aquila chrysaetos), presente unicamente nas serras sudorientais galegas, está en perigo de extinción pola perda do seu hábitat e pola súa persecución directa (por disparos, cebos envelenados e polo espolio dos niños).
O alcaraván (Burhinus oedicnemus), que se atopa especialmente na comarca da Limia e en certos areais costeiros, está en perigo de extinción debido á intensificación agrícola e o excesivo uso de insecticidas. Por outra banda, o arao (Uria aalge) é unha das aves mariñas máis abundantes do planeta, mais unicamente sobreviven de dúas a catro parellas reprodutoras e non máis de 20 individuos durante a época de reprodución en Galicia. Isto é debido principalmente á pesca e á contaminación mariña.
Outra das aves en perigo de extinción é a avefría (Vanellus vanellus), cuxas poboacións están moi localizadas en Galicia. O seu principal factor ameazante é a destrución do hábitat e a intensificación agrícola. Ademais, a becacina común (Gallinago gallinago) é moi pouco habitual en Galicia e vese afectada polas alteracións no hábitat, como os incendios, as deforestacións ou as drenaxes. Pola súa parte, a cerceta (Anas crecca) é unha ave que só se cría nun lugar da provincia de pontevedra e que está moi ameazada pola presión industrial e pola degradación do hábitat de cría.
A escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica) distribúese en Galicia nas provincias de A Coruña e Pontevedra e está ameazada sobre todo pola destrución de zonas húmidas e pola intensificación agrícola. Por outra parte, o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) teñen como principal ameaza a predación de ratas e gatos durante a súa época de cría, ademais da presión turística nos seus hábitats. Outra das aves en perigo é o mazarico real (Numenius arquata), que está ameazada principalmente pola destrución dos seus hábitats.
O millafre real (Milvus milvus) é unha especie pouco coñecida que pode aparecer en Galicia en certos puntos de Lugo en Ourense. Ten como principal ameaza a modificación dos seus hábitats, especialmente pola intensificación agraria. Por último, o sisón (Tetrax tetrax), con poboacións reprodutoras na marxe da área de distribución, atópase en perigo pola intensificación agrícola e o cambio nos tipos de cultivo.
Os moluscos
Segundo Patrimonio Natural, hai catro especies de moluscos en Galicia que están en perigo de extinción. Para comezar, a ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera) é moi característica do territorio galego, mais está ameazada e é necesario facer un seguimento das súas poboacións. O caracol de Quimper (Elona quimperiana), localizada especialmente no litoral cantábrico, está ameazada polas repoboacións forestais e os incendios. Por outra banda, o Bolma rugosa (Bolma rugosa) é un gasterópodo mariño que adoita vivir en zonas rochosas e en Galicia atópase “en franca regresión”. Por último, a eastonia rugosa (Eastonia rugosa) non é moi frecuente na comunidade galega, mais a súa conservación vese afectada polas verteduras contaminantes e a construción de infraestruturas que alteran as mareas.
Os artrópodos
A bolboreta arlequín (Zerynthia rumina), que se atopa en Galicia de forma localizada, está ameazada pola alteración do hábitat que se deriva especialmenta das repoboacións forestais, ademais dos insecticidas e o gando caprino. Por outra banda, o caranguexo de río (Austropotamobius pallipes) atópase en risco polo fungo Aphanomices astaci, polas verteduras orgánicas e de deterxentes, a pesca furtiva, a dragaxe de ríos e regatos e as canalizacións de encoros e novas construcións. En canto ao gomphus graslini (Gomphus graslini), trátase dunha libélula cuxa poboación só consta na provincia de ourense e as ameazas ao seu hábitat tamén son os seus principais perigos. Para rematar, a macromia splendens (Macromia splendens) conta con poboacións illadas en Galicia e tamén ten como principal ameaza a alteración do seu hábitat.
Os réptiles
Patrimonio Natural advirte do perigo no que se atopan tres especies de réptiles. Para comezar, o sapoconcho común (Emys orbicularis), cuxa presenza en Galicia é “moi rara”, está ameazada polas alteracións ao seu hábitat e pola captura de exemplares. Por outra banda, a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) é un dos sapoconchos mariños máis frecuentes nas costas galegas e está ameazada por dúas razóns principais: as capturas accidentais e a contaminación mariña. Por último, o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) ten unha escasa presenza en Galicia e rexístranse poboacións no interior da provincia de Ourense e nas illas Cíes e Ons. As poboacións residentes nas illas son as que están en perigo de extinción, mentres que as do resto do territorio figuran como vulnerables.
O oso, o único mamífero en perigo
O único mamífero en perigo de extinción segundo Patrimonio Natural é o oso (Ursus arctos), que se distribúe nas serras orientais. Malia que a comunidade galega conta cun Plan de Recuperación do Oso dende 1992, a situación desta especie é crítica. As súas principais ameazas son a morte directa (por furtivismo ou veleno) e a alteración do seu hábitat (principalmente polos lumes e a construción de novas infraestruturas).
Plans de recuperación e conservación de especies ameazadas
O Catálogo galego de especies ameazadas, coa fin de mellorar a situación das especies ameazadas no territorio galego, contempla a elaboración de plans de recuperación para as especies en perigo de extinción, nos que se definen as medidas necesarias para eliminar tal perigo; e os plans de conservación para as especies vulnerables (que corren o risco de pasar á categoría de perigo de extinción nun futuro inmediato se non se corrixen os factores adversos que actúan sobre eles) que incluirán, de ser o caso, a protección do seu hábitat.
Os plans de recuperación e conservacións apróbanse como Decreto da Xunta de Galicia, contamplan as medidas que se deben adoptar para a protección e o manexo da especie e dos seus hábitats e un plan de seguimento para avaliar a afectividade destas medidas. Para isto, Patrimonio Natural indica que deben de partir do grao de coñecemento da situación da especie e desenvolver os traballos precisos para xerar información sobre os seguintes apartados: a bioloxía da especie; a identificación da unidade de conservación obxecto do plan; o uso do espazo; os factores limitantes; e o diagnóstico da situación.