Evidencian, no Parlamento de Galicia, o fracaso da política de residuos da Xunta e de Sogama
Luis Bará, deputado do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, ven de pedir explicacións sobre a política de residuos da Xunta de Galicia e sobre os contratos de Sogama á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. No Pleno do Parlamento deste mércores 26 de xaneiro, Bará comezou a súa interpelación indicando que se trata dunha cuestión importante da que a Xunta evita dar explicacións. “Temos que dicirlle que algo cheira a podre en Sogama. Sogama Circular, que é a nova marca que inventaron recentemente”. Así, o deputado do BNG resaltou que é preciso falar do “fracaso estrepitoso” da política de residuos da Xunta e de Sogama, calificándoa como moi deficiente. Ademais, Bará confirmou esta afirmación con datos oficiais, “que son públicos e non se poden distorsionar e manipular”.
O primeiro dato é que “vostedes incumpriron no ano 2020 o obxectivo marcado pola Unión Europea con respecto á recuperación de reciclaxe de residuos, que tiña que ser do 50%”, advirte o deputado do BNG. Porén, os datos do 2020 foron do 18%. Ademais, recalcou que “non é só que incumprimos, é que estamos á cola do Estado”. Por outra banda, o total de residuos tratados na planta de Sogama son de 900.000 aproximadamente. Bará indicou que o 85% deses residuos van a tratamentos finalistas, “que non teñen nada de circulares”. É dicir, 750.000 toneladas dese total de residuos quéimanse e despois van ao vertedoiro.
Bará tamén lle lembrou á conselleira que a Xunta incumpriu a Directiva Europea de Residuos, o PEMAR e o seu propio plan de xestión de residuos urbanos, que caduca este ano: “Porque vostedes, en vez de aprobar un novo plan, aproban unha estratexia de galega de biorresiduos de maneira absolutamente irregular”. O deputado indicou que este plan debe estar sometido a avaliación ambiental, mais de momento o único que se coñece desta estratexia é un Power Point, que consta de “12 páxinas de propaganda”. Así, Bará tamén resaltou a adxudicación por 230 millóns de euros do novo contrato da planta de incineración de Sogama, “hipotecando o futuro”. Por outra banda, o deputado evidenciou que “impos cara un monopolio de empresas”, xa que o grupo empresarial Valtalia-Copasa está detrás de todos os contratos que teñen que ver con Sogama.
Así, Bará fíxolle tres propostas á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para comezar, un acordo de mínimos sobre os residuos en Galicia. Un acordo que pode resumirse nunha frase: “Un país, varios sistemas”. Deste xeito, propuxo a convivencia entre Sogama e outros sistemas alternativos dende a lealdade, a complementariedade e a cooperación. Por outro lado, Bará pediu o desenvolvemento desa estratexia de biorresiduos coa tramitación que corresponde. E, para rematar, o deputado do BNG requeriu unha visita a Sogama dos grupos políticos da comisión segunda “sen trampa nin cartón, sen límite de tempo, visitando todas as instalacións”.
A resposta de Ángeles Vázquez comezou lembrando o Día da Educación Ambiental, na cal participa Sogama con moitos colexios e asociacións en Galicia “e que tamén o facemos dende o Goberno galego pero que tamén o poderiamos facer dende os distintos grupos parlamentarios”. Así, respondeulle a Bará a falta de necesidade de “soltar catro números sen ningún tipo de comparativa para simplemente ter un titular”. Vázquez convidou ao grupo de Bará a, en lugar de sembrar dúbidas sobre trámites e concursos,” facer a denuncia onde vostede ten que facela”. Ademais, a conselleira defendeu a Sogama como un modelo clave para a Galicia dende o momento no que o 94,2% dos concellos reciben o seu servizo a través da xestión sostible do lixo. “É un modelo que contén un complexo medioambiental do que vostede recordaba as distintas plantas que ten e como foi avanzando. Un total de 65 hectáreas en extensión, unido a esa rede de 37 plantas de transferencia distribuídas estratéxicamente polo territorio”.
Por outra banda, Vázquez respondeu a ese convite proposto por Bará para achegarse a Sogama, afirmando que non é a primeira vez que os convidan. Ademais, declarou que hai un gran equipo humano en Sogama, que son os mesmos que redactan os pregos que despois saen a licitación. Así, a conselleira recriminoulle a Bará que “como é posible que veña aquí a poñer en entredito os concursos e os pregos que redactan os profesionais”, logo revisados pola Xunta de Galicia e polo Consello de Contas. Deste xeito, indicou que gañan o concurso aquelas empresas que fan un bo traballo e que apostan por Galicia.
Luis Bará, pola súa parte, afirmou que eses “catro datos” dos que falaba a conselleira botan abaixo toda a propaganda feita pola Xunta. En canto á estratexia galega de biorresiduos, volveu a advertir de que non existe ningún documento coñecido desa estratexia máis alá dun Power Point que foi presentado aos concellos nunha xornada informativa. Trátase dun proxecto que ten que ser sometido a un procedemento, entre eles a avaliación ambiental. Doutra banda, dirixiuse á conselleira para dicirlle que o seu grupo compra compost para sacar unha foto e que pareza a realidade, mais non é así. Así, “o que decidiron é tirar para adiante e hipotecar por 10 anos o futuro con este contrato de 238 millóns de euros”. Ademais, o deputado do BNG volveu a preguntarlle a Vázquez se van a auqimar plásticos trasladados de todo o estado recollidos por Sogapol.
Vázquez rematou explicando que, nos útimos cinco anos en Sogama incrementouse a reciclaxe nun 43%. Ademais, destacou que “os datos son bos en Galicia” e países como Suecia, Dinamarca ou Finlandia estaban no ano 2019 en porcentaxes de 47% ou 56% de valorización enerxética, “iso que vostede segue chamando incinerar”. Ademais, afirmou que o grupo de Bará mandou en 2008 a vertedoiro un total de 413.378 toneladas de residuos, mais agora van directos ao vertedoiro 5.463 toneladas, é dicir, un 98,7% menos. Para concluír, a conselleira indicou que, para ela, a definición de Sogama é unha empresa pública exemplar que cumpre con todos os requisitos dende o punto de vista ambiental e que recibiu máis dunha vintena de recoñecementos a nivel galego, nacional e internacional.